18 de xul. de 2017

A pena do allo



Chamase Pena do Allo a unha rocha e ao monte que hai arredor dela, petencente á nosa parroquia. Está cuberta cse totalmente de briófitas.
Situase cerca da nosa aldea próxima ó camiño antigo que ía de Millares á parroquia de Cubilledo.


Que allo lle da nome á rocha e o lugar circundante?. Investigamos e por alí hai tres especies vexetais silvestres que teñen un bulbo subterráneo: Romulea bulbocodium, Hyacinthoides non-scripta e Narcissus triandrus, pero o que realmente abunda é unha planta con follas longas e flores brancas parecidas ás dos allos que se botan na horta (Allium sativum).

A Pena do Allo, uces, toxos, carqueixos e piñeiros.

Supoñemos que este allo silvestre de nombre científico Simenthis planifolia é o que da nome a este sitio. De feito nesa pena hai algún allo, parece que o enigma está resolto.
Ata a década dos anos 1980 pola Pena do Allo pastoreaban as cabras, e antes tamén se ten botado cereal, ou collíanse toxos ou facíase carbón vexetal.


Hoxe hai corzos, algún xabaril, piñeiros e moita abundancia de uz, carqueixa e toxo.



31 de maio de 2017

As Regas




As Regas, é un lugar da parroquia onde levaban pastar as ovellas os nosos veciños. 
Levaban os rabaños cruzando pola Requeixada e as Canceleiras ata chegar ás Regas, na foto aérea da nos aldea do ano 1945 a máis antiga que temos, vense os camiños que atravesaban daquela pola Requeixada. Estas fotos fixéronas os estadounidenses durante a II guerra mundial nos voos de transporte militar entre Xibraltar e Francia desviándose das rutas sen que se enterara o réxime ditatorial franquista colaborador dos nazis.


Os pastores gardaban nas Regas unhas potas e cocían cachelos para merendar con outros alimentos que levaban nun fardelo da casa, a auga tíñana alí e as patacas collíanas das leiras cando pasaban para o monte coas ovellas.
Algunhas veces si se descoidaban o lobo matáballes algún animal, tamén xogaban a facer prados e leiras no chan.
Cando volvían cos rabaños do monte ao chegar á aldea xebrábanos.
O nome das Regas é un derivado de rego que alude á abundancia de canles ou regos de auga, tamén ten as acepcións de terreo pantanoso, prado con herba ou depresión do terre o entre montañas pola que flúe ou fluíu un curso de auga.


As ovellas que tiñan eran de raza "Ovella Galega" catalogada en perigo de extinción polo Real Decreto 2129/2008, de 26 de decembto, polo que se establece o Programa de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras.



Esta raza con orixe en Galiza posúe unha historia moi unida ao pobo galego, as ovellas levan entre nós dende fai 5.000 ou 6.000 anos, é dicir, dendo o neolítico. Nos poboados celtas dos castros, predominaban as ovellas fronte a o gando vacún.
No 2014 só había 4.335 exemplares.

1 de maio de 2017

A gadaña


A gadaña non é unha ferramenta que saiba manexar calquera. Poucas sobreviven na nosa aldea. 
Antigamente facían competicións de sega nos prados. Se fora deporte olímpico seguro que algún veciño noso estaría na selección galega.


Esta ferramenta agrícola dotada de folla de ferro que produce son ao ser batida con outro ferro ou cunha pedra, foi usada cono instrumento musical en diversas zonas de Galiza.   Normalmente recorríase a elas para acompañar un canto no marco dunha tarefa agrícola, ben para facer un descanso na mesma, ben para celebrar o seu remate parcial ou total.


Ademáis de práctica hai que ter resistencia. Hai que ter xeito como vemos no vídeo: o gadañeiro ten que levar a gadaña nin tan cerca que chegue á terra, nin tal alta que deixe a herbadesaproveitada.
Tamén parece que o mellor sitio para non se enfurruxa a gadaña no inverno é o fume que lle da protección.
Outro apeiro parecido é o gadaño. Era utilizado para coller os toxos.


Poucos veciños quedan que saiban cravuñar unha gadaña. De tanto segar o fío ponse cego. O mango da gadaña non é coma o de outras ferramentas agrícolas que dura no sitio ata perecerpor algunha razón. Cando se cravuña a folla, hai que desmontalo. Para cravuñar vaise petando coa piqueta sobre a ingre.


Cada segador leva a súa cudeira pendurado do cinto e dentro a pedra de afiar. A codeira era de corno de vaca.




Adiviña:
Cal é o animaliño que pasa pola herba e deixa un camiño?

Ditos:
Se queres ter bo prado, mal pacido e ben gadañado.

A gadaña quere forza e maña.

Hai que sacalas gadañas... (ante inxustizas).

7 de feb. de 2017

O traxe galego



O traxe galego é a vestimenta tradicional que o pobo galego usaba para as súas actividades ata ben entrado o século XX. Existen diferenzas entres os traxes usados para traballar, ir á feira e os dos días de festa.
Nalgunhas fotos do século pasado dos nosos veciños apréciase algún vestixio do traxe galego. 



A indumentaria variou ao longo dos séculos segundo os materiais de que dispoñía o home, o costume, o poder económico e, sobre todo, o clima, pois non pode ser igual a dunha terra con invernos húmidos e fríos que outra onde son secos e temperados.


Dende a prehistoria, pasando por todas as invasións, unhas veces triunfaron as modas dos vencedores e outras as dos vencidos, sen esquecerse das imposicións relixiosas, de decisiva importancia ao longo da historia, pois o clero era o encargado de xulgar se unha peza ou modelo estaban de acordo co que se consideraba decente. Non vestía igual unha moza solteira que unha casada ou viúva. 


Houbo ocasións en que non estaba ben visto tela pel moura, xa que era sinónimo de traballo ao aire libre, e, tendo en conta isto, a xente procuraba ir ben tapada para que non lle dera o sol.


O conxunto do traxe que se considera tradicional, tanto o feminino como o masculino, empézase a configurar na segunda metade do século XVIII. Publícanse as primeiras galerías de traxes populares impulsados polo nacente romanticismo que admira todo canto sexa pintoresco, diferente e popular.


traxe tradicional é un dos elementos propios da identidade dun pobo, pero non só do galego, pois o mesmo está a suceder en toda Europa. Na década dos anos 20 do século pasado aínda se podían ver algunhas persoas maiores co traxe tradicional ou con varias pezas, que foron as derradeiras que o usaron.


O vestido en xeral transformouse totalmente ao longo duns cen anos ata as primeiras décadas do XX, non quedando dende entón máis que algúns vestixios.


Logo, de ser cotián pasou a formar parte do folclore. Os que o vestimos no sucesivo, tanto homes como mulleres, non é máis que como traxe folclórico, cinguíndose exclusivamente o seu uso a determinados actos e días de carácter festivo.




13 de dec. de 2016

A mestra andaluza

Escola en Millares

Polos anos 20 do século pasado houbo na escola de Millares unha mestra andaluza. Temos unha carta dela do 30-12-1928 dende o seu seguinte destino: Montecorto en Málaga. Habendo mestres na nosa terra, o goberno traíanolos de fóra (Andalucía, etc) e non ensinaban en galego, no noso idioma propio. A pesar de que algún quixera ensinar en galego estaba prohibido. O noso xenial Castelao achéganos nas súas viñetas a realidade do noso país.



Naquela época os nosos veciños soportaban a ditadura do militar Primo de Rivera apoiado pola monarquía. Entre outras decisións do ditador están: decreto que prohibía o uso doutra lingua que non fose o castelán, nin de símbolos como bandeiras vascas, galegas ou catalás, restrinxíronse as liberdades políticas, disolveu os concellos, anulou o sistema de representación, suspendeu as garantías constitucionais, pechou varios xornais así como as universidades de Madrid e Barcelona. 



As condicións de traballo eran pésimas e a dura represión sobre os obreiros. O imperialismo e nacionalismo español nas guerras de Marrocos seguiu matando moitos soldados (entre eles veciños da nosa parroquia). Favoreceu os oligopolios, moitos deles en mans de empresarios vinculados á ditadura. A ditadura empeorou drasticamente a situación da Facenda Pública, cada vez máis endebedada. O endebedamento arrastraríase máis aló da ditadura, condicionando a  política económica da posterior Segunda República.




Ronda 30-12-1928
...No quiero pensar lo que estarán Uds. Pensando porque no les hemos escrito, y dirán que somos unas informales, o que los hemos ya olvidado. Pués no señora que, no hemos escrito antes porque empezando por mi y acabando por Manolita hemos llevado una buena temporada de males. Ya gracias a Dios estoy bien pero me he llevado mala casi tres meses.
Lo primerito que hago es desear... Y que conste que mi promesa de haceros una visita no la olvido, que yo os quiero mucho porque nos trataron Uds. con mucho cariño, y les estamos muy agradecidas tanto yo como Manolita y papá.
Todos los domingos me acuerdo de cuando ibamos juntos casi todo el pueblo a Misa, y por el camino cantábamos para ensayarnos, y luego en la Iglesia ninguna queríamos ser las primeras en contestar. ¿ Se acuerda Ud?



Cuando me contesten, me dicen si saben muchas coplas nuevas y como anda la maestra que hay ahora de cánticos, si ensaya con Uds. y si es buena con los niños. ¿Hace este año mucho frío? Por aquí está el tiempo muy hermoso, y en el pueblo de Montecorto que es donde ahora tengo la escuela, no hace nada de frio. Le dá Ud. Muchos recuerdos a los de Escobar... Brañas... Trabada... Casanova... a la familia de Otilia... a los de Alfonso... a mis vecinos señora Rita y su hija y marido...a Estrella, Domingo y señora Mª Pepa... familia de Faustina...Genoveva...madre de Ermitas... Guadalupe... y todas las familias de Braña y Fonteo. Al ciego de "la Puente" y los de "Leitero" ... y a todas las mozas y mozos, a Mª Antonia la de las telas y a todos en general....y
cuente Ud. con el cariño de su amiga.
Cuando la tenga le voy a mandar una fotografia. Dolores.






A mestra escribe "la Puente" e "Leitero" cando os nomes de sempre son A Ponte e Leiteiro. Supoñemos que non é por falta de respecto dela, senón que é debido ás influencias das políticas educativas do goberno español de exterminar o idioma galego naquela época.




11 de nov. de 2016

O sal



No século XIX a un veciño da nosa aldea danlle o encabezamento do sal. Nun documento os veciños da xurisdición da Baleira, danlle poder ao noso veciño para que reclame ante a monarquía polos prezos excesivos, polos elevados encabezamentos que tiñan que soportar as aldeas e por impedir a importación de sal máis barata doutros sitios. A monarquía tiña o monopolio e abusaba. 



"Na xurisdición da Valeira, e lugar de Barcia... diante de min e das testemuñas constituídas persoalmente e en Xunta plena...veciños da parroquia de santa Mariña de Librán ... veciños do couto de Vilaselle...veciños da parroquia da Fontaneira...veciños da freguesía da Lastra...veciños da parroquia de Cubilledo...veciños da Degolada...fregueses de Retizós...o cura da parroquia de san Miguel da Braña, co seus veciños Pedro Gómez, Xosé Rico...todos veciños desta mencionada xurisdición da Baleira por si e en nome dos máis
ausentes, enfermos, impedidos polas súas indisposicións físicas non puideron concorrer á solemnidade e esta sesión e pública do outorgamento desta operación...obríganse, e prestan a suficiente caución...unanimemente dixeron...de salinas no Reino e esta Provincia..outorgan todo o seu poder cumprido, canto teñen e en dereito se requira, poida máis e deba valer a...veciño do lugar de Millares..."



A importancia do sal na historia de Galiza foi moi importante debido á produción pesqueira na costa e cárnica no interior.



A posesión do sal foi disputada polos máis poderosos: primeiro os mosteiros logo a monarquía. Antigamente houbo varias salinas na Galiza. O nome da comarca do Salnés fai referencia ás salinas que houbo na beiramar da comarca. 



Hai varios restos nas costas galegas e tamén documentos medievais que fan referencia a salinas na costa lucense.
No ano 1745, Sarmiento ao relatar a súa famosa viaxe a Galiza, fai alusión ás salinas da Lanzada e Noalla, e tres anos máis tarde, en carta ao seu irmán comunícalle que Galiza "teniendo más de ciento cincuenta leguas de costas de océano y con mil sitios para salinas, le venga y necesite la sal de países extraños".


Esta estrañeza de Sarmiento polas poucas salinas de Galiza en xeral, procedía do ano 1338 cando o rei de Castilla Afonso XI decidira por Real Orden a propiedade real sobre as salinas, organizando o imposto correspondente para a súa extracción e envío a diversos lugares, iniciándose á vez o que daría no futuro a lenta desaparición das salinas de Galiza.



A actuación real foi contraria ao desenvolvemento das pesqueirías galegas que entrarán nunha fase de decadencia dende o século XVI.


video



4 de out. de 2016

Serra de Montouto


Desta vez apuntamos algún nome, da Serra de Montouto onde antigamente os veciños de Millares levaban a pastar o gando (ovellas, carneiros, etc) ou cultivaban cereal. Se alguén sabe máis nomes desa serra agradecémosvos que os compartades.




24 de set. de 2016

Mesa electoral


En Millares na época da Segunda República tiñamos mesa electoral. Hoxe en día se queremos votar temos que ir á mesa de Retizós. O 16 de febreiro do 1936 na sección chamada Millares votaran 478 electores dos 579 inscritos no censo. 
Domingo Fernández Dourado de San Mamede foi un dos gardas cívicos na mesa de Millares. A "Guardia Cívica Republicana" era a encargada de que non houbera incidentes o día das votacións. A lei electoral era por listas abertas, os votantes podían elixir candidatos de distintas listas para cada un dos escanos da súa circunscrición.



Non sabemos se daquela houbo mitins en Millares. Onde si houbera fora no Cádavo dende o balcón da casa de Xesús Carballedo. No mitin falaran entre outros: Xosé María Díaz Villamil avogado e mestre, Celestino Noia Rodríguez catedrático de instituto, Glicerio Albarrrán Puente mestre, Arximiro Rico Trabada mestre, Froilán Arias Escobar avogado e xuíz municipal, todos membros ou simpatizantes da Fronte Popular. A Fronte Popular foi unha coalición electoral na que estaban entre outras formacións: Esquerda Republicana, Organización Republicana Galega Autónoma, Partido Galeguista, Partido Socialista etc. En febreiro do 1936 logran a vitoria nas últimas eleccións democráticas durante a Segunda República, antes do golpe de estado que produciría a guerra civil. Os elementos conservadores perderan a batalla das urnas.
Polo tanto, as últimas eleccións celebradas na mesa de Millares foron o 16 de febreiro do ano 1936, xa que en xullo os militares fascistas sublevados contra a legalidade republicana instauraron a ditadura franquista. 
O exército e a igrexa constituíron os piares do novo réxime, no que era constante un sistemático control da poboación e a metódica utilización do terror reprimindo e castigando. Os párrocos convértense nun dos principais instrumentos de información local.
Remitían os informes solicitados polos tribunais militares, que daban fe da consideración de "boa" ou "mala" persoa para o réxime. Os sacerdotes eran os ostentadores da moralidade cristiá que se convertía en oficial para o novo réxime. Xunto aos militares convertéronse nos posuidores incuestionables da "verdade ideolóxica" do sistema.
Permitíanse dirixir e gobernar o seu "rabaño" e comunidade local de xeito absoluto. A provincia de Lugo foi dominada polos militares en poucos días xa que se sublevaran case o 100% dos mandos.
Obsesionados coa idea de acabar co período ilusionante de cambio que votara a poboación, a ditadura fascista realizou unha operación cirúrxica de magnitudes xigantescas e crueis. Na nosa parroquia e noutras veciñas houbo mortos (Xesús Trabada, Xosé Fernández...), presos (Pedro Pereira, Xosé Escobar...), multas (Feliciano Nogueira, Froilán Arias...), xuízos (Arturo Trabada, Enrique Portela...), detencións (dous soldados da Cortevella, outro de Retizós,...) incautacións, traballos forzosos, inhabilitacións para cargos públicos, etc. simplemente por non pensar do mesmo xeito que os fascistas.
A sublevación conservadora do 18 de xullo do 1936 non tivo o poder do noso concello ata o 30 de xullo, cando cesan aos concelleiros, que máis tarde expedientan: Antón Saavedra Díaz de San Paio, Arturo Trabada Ron de Abrairas, Bartolomé Chantres Álvarez de Suagranda, Cesáreo Tellado Fernández da Muíña, Gabriel Mosteirín Díaz de Solleiros, Manuel Álvarez Álvarez do Cádavo, Pedro Agrelo Dourado de Barcia, Xesús Carballedo Fernández de Cima de Vila, Xosé Arias Fernández da Lastra e Xosé Vilares Díaz do Real de Martín todos da Fronte Popular.
Os partidos políticos que había na época da República (Organización Republicana Galega
Autónoma (ORGA), Partido Galeguista...) exclusivamente galegos, é dicir, que non eran
dependentes de organizacións de ámbito estatal, hoxe en día non se presentan ás eleccións.



Foron desaparecendo e aparecendo outros. Por exemplo nas eleccións xerais do 1982 había pola provincia de Lugo: Coalición Electoral Bloque-PSG, Galicia Ceibe, Esquerda Galega e Partido Comunista de Galicia.
Nas eleccións de setembro de 2016 entre partidos de ámbito galego exclusivamente e outros que teñen ámbito estatal, na nosa circunscrición preséntanse un total de 11. 
Por orde de publicación no diario oficial son: 
CONVERXENCIA VINTEÚN (C 21), BNG-NÓS CANDIDATURA GALEGA (BNG-NÓS), PARTIDO ANIMALISTA CONTRA EL MALTRATO ANIMAL (PACMA), PARTIDO DOS SOCIALISTAS DE GALICIA-PSOE (PsdeG-PSOE), PARTIDO POPULAR (PP), COMPROMISO POR GALICIA (CxG), CIUDADANOS-PARTIDO DE LA CIUDADANIA (C’s), RECORTES CEROGRUPO
VERDE, GANEMOS GALICIA:Sí Se Puede (GAÑEMOS), PARTIDO ANTICORRUPCIÓN
Y JUSTICIA (PAYJ), EN MAREA (EN MAREA).

7 de set. de 2016

O nabo

Os nabos son un dos cultivos máis típicos de Galiza polas condicións climáticas axeitadas para o seu crecemento. 


Como hortaliza típica da nosa terra, é un dos ingredientes básicos para a realización dalgúns dos pratos máis representativos da nosa cociña, por exemplo o caldo de nabizas, o cocido (constituído fundamentalmente de carne de porco, touciño, chourizos, patacas e cimos) ou o lacón con grelos.


Constitúe un elemento diferenciador respecto da cociña tradicional doutros países. Os termos relacionados co nabo son unha referencia continua na cultura galega, a través de cantigas, refráns, frases feitas e adiviñanzas.


Hai festas de exaltación gastronómica desta planta en varios concellos.
Seméntase entre agosto e setembro ciscando as sementes ao chou. Utilízase toda a planta como alimento para as persoas e o gando durante os meses de novembro a maio.


Palabras relacionadas co nabo:
Carola: raíz do nabo.
Cimo: gromo desenvolvido no nabo, do que saen as flores. Tamén se chama grelo.
Nabiña: semente do nabo. Para obter a nabiña hai que plantar nabos coas nabizas cortadas. Unha vez floreen e teñan a casula póñense ao sol para que abran e saia a nabiña.
Nabiza: folla tenra do nabo.
Nabo: ademais da planta comestible da familia das crucíferas, tamén ten significado popular de pene.

Ditos:
Non me toques o nabo = Non me toques o carallo = (non me molestes).
As nabizas piden unto; e os cimos, lacón ó punto.
De tal terra, tales nabos.
Nabo, nabiza e grelo, trindade do galego.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...