Forno fora, con caseta |
En Millares en tódalas casas había un
forno para cocer o pan. É
unha bóveda con forma de media laranxa que mide aproximadamente 1,40 m de diámetro e 0,8 m de alto cunha boca para
acendelo e enfornar. Érguese a unha altura aproximada de 0,8 m sobre o chan e nel
caben uns doce pas e dúas bolas en cada fornada. O interior antigamente era de
xisto ou pedra con barro amasado, posteriormente algúns revestíronse con
ladrillo refractario. O solo estaba lastrado con lousas de
pedra grá rexuntadas con arxila. Por riba está tapado de lousa. Para que saia o fume e tire o lume ten
unha cheminea que comeza sobre a boca ó xeito dunha viseira que está por fóra
do que é propiamente o forno. A boca é a parte aberta situada na dianteira
oposta ó cú do forno. Por ela métese a leña e o pan. A forma normalmente é
cadrada de uns 0,45 m
de lado. Outro elemento do forno é o cinceiro, abertura feita na parede debaixo
da boca para botar a cinza e os restos da queima. Unha vez rematada a obra
faise nel bo lume con cepas de uz e leña de carballo, por tres días e tres
noites “pra cocelo”. Ten que cocer a parede, senón a primeira fornada de pan
perdíase. É para que a pedra e o barro cozan e se lle quite a humidade.
No forno ademáis é necesario ter á mau unha pía de auga para mollar o rodo e o pau de atizar. Tamén fai falta algunha clase de tendal, de pedra ou táboas para tender os pas antes de entrar no forno e logo para deixalos en primeira instancia ó sacalos. No tendal bótase unha capa de palla cun tecido de liño enriba enfariñado para que non se peguen os pas.
Outros usos do forno son:
*meter o liño para que dese mellor ó mazalo, ou xa mazado envolto, ó ilo
tascar co tascón.
*meter no forno inda quente as espigas do millo antes de esbagalas.
*facer asados e asar castañas. Cando chega a festa ásanse años,
cabritos, cócese a bola, biscoitos...
En Millares hai tres tipos de forno:
*forno fóra con
caseta propia.
*forno fóra sen caseta.
*forno cuberto dentro do corral da casa.
*forno que asoma proxectándose
cara a fóra da parede da casa á beira da lareira.
O forno tarda en quencer unhas dúas horas. Depende de varios elementos:
tempo que non se coce, tipo de leña usada, tipo de forno... Á masa lévalle
leidar de dúas a tres horas dependendo se é no “vrau” ou no inverno. Por eso é
necesario empezar a amasar antes de encendelo forno. Acostuma a amasar a muller
e o home roxa. Róxase o forno ata que a parede branquea por dentro, nese intre
pódese meter o pan a cocer. O que roxa o forno sabe por experiencia cando está
listo. Confírmase tamén porque ó pasarlle o vasoiro, as lousas do chan despiden
múxicas de bengala. Tamén se pode botar farelo para comprobar. A leña ca que se
atiza o lume ten que estar seca polo que íase co carro ó monte por ela e tíñase
no pendello ou na caseta preparada para o día de cocer. Pódeselle meter de todo
pero xeralmente a de carballo déixase para a cociña, e o forno afoguéirase con
uces, toxos, fronzas de xesta, couceiros, ramallas, gallas de salgueiro...
Para
que arda con forza o combustible uniformemente e airear de vez en cando a leña
e que haxa unha corrente que manteña o tiro úsase un pau de madeira. Este pau
tamén serve logo para facer de rabo ou mango do vasoiro que quita a cinza. Esta
cinza ten aprecio como fertilizante de cebolas, patacas e millo e no campo. As
brasas eran moi estimadas no inverno para os braseiros cando un estaba
aterecido de frío e sácanse do forno cun rodo.
Amasar
A grá e a fariña levábase ó muíño en foles de coiro ou en sacos de
estopa. A fariña ó vir do muíño cómpre peneirala xebrándolle o farelo se non se
fixo no muíño. Antes a fariña era de centeo pero nos últimos anos mesturábase
con fariña de trigo ou é só de trigo. O máis adoitado é facelo na artesa que
adoita estar na cociña. O farelo botábaselle no caldo ou en auga ós animais. Que
saia a fariña mellor ou peor depende da tea. A artesa na que se amasa e leida o pan é de castiñeiro ou carballo. É
un caixón rectangular de corte piramidal truncado invertido e érguese sobre
catro patas. Quen amasa divide a artesa en dúas partes, nunha ten a fariña e
noutra vai amasando. Mestúrase o formento ca fariña e auga quente co sal
derretido colléndose a fariña das beiras para a auga. Amásase ata que está ben
ligada igual e uniforme. Calcúlase que catro quilos de fariña amasada unha vez
cocida dá tres quilos de pan. A artesa tápase mentras leida e no tempo frío
tarda máis en vir a masa. Da masa resultante quítase o formento para deixalo
para a próxima cocedura, métese nunha cunca cunhas areiñas de sal por enriba. Do
resto fanse: pas, bolos, bolas e a bola das raspas.
Artesa co pan leidado Bolos Empanada |
Enfornar e quitar o
pan.
Se o forno está dentro da casa lévanse os pas nunha táboa ata a pá do
forneiro ben enfariñada para que non se apeguen. Unha vez dentro a fornada, ponse
o tallo na boca do forno. O pan centeo necesita dúas horas e media para cocer e
o de trigo dúas horas. Hai que botarlle unha ollada de vez
en cando. O pan está
mal cocido cando a cor non é uniforme, a coda é branda, sen ollos e co molo
pesado. O pan ó sacalo hai que deixalo que enfríe algo antes de levalo ó sitio
definitivo, sen poñerlle peso encima para que no se amachuque. Tampouco se pode
mover bruscamente porque abre xebrando a coda do molo. A fornada pode gardarse
no hórreo, nunha artesa, alzadeiro ou hucha. O sitio ten que ser fresco sen
humidade e onde non poidan chegar os ratos.
Non está o forno para bolos.
Cando hai fame, non hai pan balorento.
Á fame, non hai pan duro.
Con pan e viño xa se anda o camiño.
Gañar o pan co suor do seu rostro.
De pequenos oíamos “o pan é bendito e non se pode tirar”
Lévase coma o pan co
leite.
O pan con ollos e o
viño que salte ós ollos.
Ano de xeadas, ano de fornadas.
Polo pan, baila o
can.
Se queres que te siga
o can, dalle pan.
Marzo, marzán; á
mañá, boca de can; a mediodía, boca de forno; á noite, boca de lobo.
A pan duro, dente
agudo.
Cando non hai pan,
róense as codas.
A auga fría e o pan
quente nunca fixeron bo ventre.
Adiviñas
De valado en valado,
hai un boi esbarrigado. (A artesa).
Unha cousa de moita barriga e pare fillos cada poucos días. (O forno).
Costumes
Bolas das raspas: aprovéitase todo, unha vez feito o pan, ráspanse as
paredes e o fondo da artesa e amásase e métese a cocer na beira da boca do
forno, sacándose antes que o resto.
Ó forno achegábanse veciños para contar uns contos especialmente no
inverno cando non había tanto traballo.
Antigamente nos enterros dábase e ofrendábase pan.
Cando se cocía tíñase en conta ós nenos do pobo e facíanselle bolos.
Cando se tardaba en cocer nunha casa íaselle pedir o formento ó veciño.
Facíanse cruces no
pan ó enfornar.
Rezábase unha oración
ó enfornar.
Os dedos son
infaltilmente: pequeniño, medianiño, pai de todos, furabolos e matapiollos.
En Piquín hai o xogo do lobo:
Un neno fai de lobo e pregunta a outro:
-Que fas aí, Marica?
-Tou sacando o pan
-Llo meu bolo?
-Na boca do lobo.
E ca mesma botan a correr e o lobo atrás deles ata que pilla a un que
ocupa o seu lugar de lobo.
O máis normal é comelo seco, sempre con companga. O máis frecuente era comelo
con touciño ou esfaragullalo no caldo e no leite.
Sopas de pan: póñense
rafas nunha cazola, cúbrese con auga, bótaselle sal e déixase cocer lentamente.
Dóurase en aceite, allo, cebola, perexil con algo de pemento e bótaselle por
riba.
Tostas de pan na tixola. Pódese amolecer con ovo.
Contos
“ Un xornaleiro
andaba buscando traballo e pregúntalle a un amo,
- E logo señor amo, nesta casa cómo se enfría o caldo?
- Soprando ou botándolle auga.
Logo vai petar a outra porta e pregunta o mesmo e o amo dí,
-Aquí enfríase esfaragullándolle
pan.
O xornaleiro di:
-Ai, esta é a miña casa e o meu amo; quédome aquí.”
Forno o pé da lareira |
Forno exterior |
- Ai, ho! E logo entón caíche, eh...
Pero o neno, agudo que era, fíxolle tamén a súa pregunta.
-Señor cura, Deus está no forno
do meu pai?
-Home! E ti non sabes que Deus está en todas partes...
-Ai oh, dixo o cativo, e collino eu tamén a vostede, que o meu pai non
ten forno ningún”