26 de mar. de 2012

O mel

É difícil saber con exactitude cales son as orixes da apicultura en Millares e nos pobos de arredor, o que se pode decir é que na zona existían moitas posibilidades melíferas debido á gran variedade de flora de gran valor apícola, a despensa encóntrana as abellas nas flores silvestres, principalmente no breixo, eucalipto, o toxo, a xesta, a silveira ou o castiñeiro.


Hoxe falaremos da recoleción tradicional de mel nas colmeas antigas ou trobos. Segundo datos do catastro de 1753, en Millares nesa época había 24 trobos que producían mel e cera, na nosa aldea a día de hoxe deben de quedar moi poucos exemplares das colmeas coñecidas como trobos, nós só encontramos os exemplares das fotografías.
En Galicia, chámase esmelgar a extraer o mel das colmeas, normalmente os trobos están fabricados dun madeiro baleirado de castiñeiro, en cuxo interior hai dúas cruces de madeira a 1/3 e a 2/3 da altura do trobo, adóitase colocar o trobo sobre unha pedra plana e cóbrese con outra pedra ou lousa a xeito de tapadeira.





A época de esmelgar adoita ser entre xullo e setembro, din que o mel do mes de xullo é máis liquida e de sabor máis suave, mentres que a de setembro é máis escura e espesa porque as abellas nesa época liban principalmente da flor do breixo.
Nos trobos os favos están dispostos verticalmente:


En todo o proceso de extración do mel, hai que ir botando fume para que as abellas se retiren cara ao fondo do favo, vanse cortando pouco a pouco os favos coa esmelgadoira, que é unha espátula con forma curva na punta, só débese esmelgar ata a primeira cruz, ou sexa ata 1/3 da capacidade total do trobo.



Despois vanse extraendo os favos cortados e vanse depositando nun recipiente.
Máis tarde toca o proceso de apertar ben os favos para que solten todo o mel, este é un proceso totalmente manual, por un lado sacamos o mel, que deberá ser coada un par de veces antes de ser envasada nos tarros de cristal e por outro lado nos quedará a cera que antigamente se utilizaba para facer velas, pero diso xa falaremos noutra ocasión...




"Cando chove en agosto,
chove mel e chove mosto"

"Si queres sacar mel,
sacala por San Miguel"



19 de mar. de 2012

A forxa


En Millares parece que non quedan restos da industria do ferro que noutros tempos existiu. No catastro do ano 1753 aparece apuntada unha forxa no pobo e un ferreiro: Antonio González. O ferreiro actual non extraía o ferro, senón que o mercaba xa transformado en barras ou tiras. Pero o ferreiro primitivo tiña que extraer o mineral na zona, onde hai dispoñibilidade deste material a poucos metros da superficie. En Millares nalgunhas paredes das casas, leiros, cortiñas, etc... vense pedras e coios con este mineral. O ferro hai que reducilo  a 1200º de temperatura momento no que o óxido de ferro transfórmase en ferro metálico exponxoso, mesturado con escoura e outras impurezas.


Nun documento do 1900, Manuel Brañas González veciño de Millares é propietario da metade da casa chamada da Fragua, e da metade da cortiña chamada Chouso da Forxa. Seguiría habendo ferreiros en Millares hai 112 anos?
Para saber como sería a forxa de Millares preguntamos a ferreiros da zona xubilados xa hai tempo.
A forxa é unha construción o pé da casa ou separada, onde traballa o ferreiro, preparando a madeira e o forxado do ferro, pasando polo mangado, afiado e demáis operacións. O lume da forxa fai dela un sitio xeitoso para  o intercambio de ideas e noticias. A forxa podería ter compartimentos ou non. Non estaría moi iluminada porque así o ferreiro aprecia mellor o ton do ferro nas distintas fases.
A forxa adoitábase herdar de pais a fillos. O centro adoita estar libre e os aparatos no lado. 


Algunhas partes son:
Banco da ferramenta: lugar no que están as ferramentas necesarias para o oficio e cunha prensa consistente en dous brazos paralelos e unidos por unha barra que ó xirar apreta ou afrouxa o que se poña entre eles.



Torno: para facer os mangos, xira a madeira para poder traballala. Por exemplo o mango das navallas pode ser de uz, teixo, buxe... A madeira recóllese no inverno cando o zume está baixo, porque se se corta noutra época do ano acaba agretando. Unha vez collida precisa dun ano de secado (depende do tipo de madeira) antes de poder transformala en mango.
Fol de coiro: que permite insuflar aire á forxa para que o lume acenda e quente o carbón. O interior do fol está dividido en dous espazos, o de abaixo produce aire e o de arriba gárdao e bótao por unha tobeira ata debaixo do carbón.


Mesa: de pedra dun metro de alto para situar o lume á altura da cintura do ferreiro e facilitar o traballo. Nesta mesa ponse o carbón.
Tambor: é unha cheminea para que saia o fume e as múxicas non vaian dar á cara do ferreiro.
Pía: con auga ó lado da mesa para enfríar nela a peza traballada e as tenazas cas que se ten “mau do ferro”.
Ingre: prisma de ferro asentado nun toro de madeira enterrado no chan. Para rematar pezas cónicas ten forma de punta nun extremo e furados para facer buratos nas pezas de ferro.


Moa: pode estar fóra da forxa. É unha roda de pedra posicionada en vertical que xira nun eixe e afia as ferramentas. Ten que correr auga pola moa, porque se está seca a pedra o ferro quéimase e estraga o fouciño, coitelo, ...
Martelo: con boca redonda ou ancha para forxalo ferro.
Marra: martelo de maior dimensión para estirar o ferro.
Tenazas: aparato para coller o ferro durante o forxado.
Talladeira: é un instrumento de fío empregado como cicel para cortar o ferro.
Tesoiras: para cortar os coitelos a medio forxar e aproximalos á forma final.
Marca: é unha barriña de ferro na que nun dos seus extremos leva un relevo (marca) para impresionalo no ferro quente. É a marca persoal do ferreiro.
Trencha e gubia: instrumentos empregados para traballar a madeira e facer os mangos.
Serras e coitelos: para facer os debuxos dos mangos.


Nos últimos anos cada vez máis úsabase menos ferro e máis aceiro. Este é unha aliaxe do ferro cunha proporción variable de carbono que permite que a ferramenta templada colla corte. Na forxa o aceiro é o que corta e o ferro o que aguanta. Ambos metais pegábanse na forxa ca marra ata facer deles unha mesma folla. Deste modo o fouciño por exemplo, ía calzado, levando o ferro pola parte de atrás (a cota) e o aceiro pola parte de diante (o fío).
Os produtos que se fan nas forxas son moi diversos: fouciño, coitelo, navalla, brós, galla, picaña, rodo, etc...



Exemplo das fases para facer un fouciño:
O calzado: únese o ferro e o aceiro.
Estirado: vaise quentando e mazando o metal.
Espalmado: anchéase máis o metal e dáselle a forma.
Cravuñado: nesta fase utilízase o martelo, non a marra. Altérnase o martelado manual sobre a ingre co quentado do fouciño.
Marcar: ponse o selo de identidade.
Templa: consiste nun quentado moi forte e nunha inmersión inmediata do mesmo na pía da auga. Logo dun par de segundos sae branco e fumeando. Na auga métese de cota, se se fai ó revés o fouciño estala ou sae sedado e faino inservible.
Mangar: con mango de madeira.
Afiar: na moa.
Cólgase e sécase ó aire.
Nota: nos últimos anos os ferreiros case non calzan os fouciños o que fai que non duren tanto e rompan antes. Ademáis ó non calzalos producen máis unidades no mesmo tempo. E ó poñerse todos de acordo para fabricar así, deixan sen alternativa ó labrego...
A navalla: curiosidade.
Facer unha navalla leva máis tempo porque ten máis detalles e o proceso é máis minucioso. É un instrumento intransferible, moi persoal, un símbolo que ten certo significado. Pode chegar a dicir moito do seu posuidor, os seus adornos poden ou non, transmitir mensaxes “codificados” ós demáis.


 A súa posesión adoita ser un trazo de masculinidade. Algúns mozos presumían de navalla, por exemplo: se tiña varias funcións como garfo, culler,... ou se tiña determinada forma, etc. Hoxe vaise perdendo a tradición, pero hai veciños que ó sentarse á mesa na cociña, evitan usar un coitelo de mesa como o resto da familia e/ou invitados. Usan a súa propia navalla que levan no bolso do pantalón. Cortan por exemplo un pedazo de toucín e cómeno enriba do pan axudándose únicamente da navalla. Esa mesma navalla era usada para facer unha vara para tornar os animais, para a manicura, para enxertar, para cortar unha silva, etc…

13 de mar. de 2012

Tradición musical II

Florencio Lopez Fernández, o cego dos Vilares, naceu no lugar de Pin, concello da Fonsagrada o 12 de abril de 1914, era o quinto de oito irmáns dunha familia de labradores e ebanistas, el comeza unha tradición de músico que non tivo continuidade na súa familia.
A causa da cegueira de Florencia foi a varíola que sufriu sendo neno, enfermidade que fixo estragos na poboación infantil en épocas pasadas e que foi erradicada en España nos anos 60. Como sempre sucede coas persoas invidentes, sorprendía a capacidade de orientación que tiña para seguir os camiños e para ir só a moitos sitios.
Despois de sufrir a enfermidade, o seu pai enviouno a aprender a cantar e a tocar con outro cego, xa que daquela, un "eivado" como Florencio, tiña poucas oportunidades de conseguir ingresos se non era cantando ou vendendo coplas, Florencio foi aprendendo a tocar o violín e a cantar, conseguindo unha grande habilidade, outra das súas capacidades era o bo oído que tiña, era capaz de aprenderse unha melodía de oído e interpretala.
Vive na Fontaneira ata os 14 anos, cando marcha para Os Vilares de Cubilledo, de aí o nome de cego dos Vilares, alí vivirá ata os 56 anos cando regresa de novo A Fontaneira, é en Cubilledo onde aprende a tocar o violín, sendo o seu mestre Xoan Santamarta, músico cego de Riotorto que é quen lle ensina tamén as escalas.



O cego dos Vilares, tamén coñecido como o cego dá Fontaneira ou Florencio da Fontaneira, foi unha persoa moi querida polos seus conveciños e foi moi recordado dende que morreu en 1986, ía polas aldeas onde o chamaban, cantando romances e historias lendarias.
Florencio é o último violinista do gremio dos cegos cantores de coplas, que percorreron as feiras de Galicia e bisbarras limitrofes, adoitaba ir acompañado polo seu irmán Pascario, que era o copleiro, é dicir, quen vendía as coplas.
A fama a un nivel máis amplo víñolle polas súas gravacións incluídas no disco Recolleita Vol.I,  neste disco compartía protagonismo con Eva Castiñeira, pandeireteira e cantadora de Muxía (A Coruña), nel interpreta tocatas e cantigas maxistrais de moito valor musicolóxico. 



Os lugares onde era máis coñecido e estimado Florencio, eran A Fonsagrada, Baleira e Ribeira de Piquín, porque era a zona que máis frecuentaba, nesas zonas coñecía case todas as casas de case todos os lugares, porque acudía moitas veces, como visita ou como amigo, cando non como convidado especial.
As coplas e romances que cantaba Florencio, estaban moitas veces baseadas en sucesos reais, como o tema titulado tres casamientos nun día, que narra o caso, ao parecer certo e moi famoso a principios de século, dunha avoa, a súa filla e a súa neta que se casaron o mesmo día e na mesma igrexa, este uso da realidade, tamén se producía no caso dos acontecementos delituosos reais. Outro dos estilos de Florencio era o humor, en coplas como  A danza gárdanse unhas letras onde a ironía sempre está presente: < As rapazas da Coruña, non é unha que son todas, votan dous pares de medias, para facelas pernas gordas> < Carmiña ten un tinteiro, cheo de tinta marela, déixame mollar a pluma, no teu tinteiro Carmela>.

                                  
é un fragmento dun vídeo gravado por José Díaz Pin. Filmaciones a Penela. Gravado na casa de Florencio nos anos 80, poucos anos antes da súa morte.

El señor Florencio o cego dos Vilares - Cantar da Palmeira

8 de mar. de 2012

Tradición musical I

A gaita é o instrumento máis representativo da música popular galega, en torno á gaita desenvólvense todas as actividades musicais desta terra. A súa orixe é incerta, hai algúns que supoñen que procede dos pobos Celtas. 
O primeiro documento coñecido en Galicia no que aparece un gaiteiro, é o contrato de venda dun terreo do ano 1374, a primeira representación iconográfica é a do capitel de Melide (A Coruña), que data dos séculos XII e XIII, tamén nas cantigas de Alfonso X o Sabio encontramos representacións de miniaturas nas que aparecen gaitas.

Gaiteiro


José Pin, "O Alledo"
Na bisbarra de Fonsagrada, e dentro dela en Baleira, tamén tivemos a nosa representación de músicos, dende o gaiteiro José Pin, "O Alledo", ata Florencio, coñecido como "o cego dos Vilares". De Florencio hai bastante documentación, tanto escrita coma visual, pero a caso do Alledo é ao contrario.
José Pin, foi un gaiteiro moi estimado na bisbarra de Fonsagrada, especialmente en Baleira de onde proviña.
"O Alledo", como se coñecía a José, era natural da aldea de Sampaio de Cubilledo, sendo neno trasladouse xunto aos seus pais e irmáns ao lugar de Alledo, na parroquia de Retizós, onde viviú os seus anos de adolescencia, de aí o seu sobrenome.
José tocaba a gaita polas aldeas, algunhas veces só e outras acompañado por Álvaro Fouz, que tocaba o tambor, os que o coñeceron din del que "facía falar á gaita".
Casou  e veu vivir a Millares, onde viviu o resto da súa vida.
"O Alledo", acudía moitas veces á feira da Fonsagrada para tocar alí, aproveitando a gran cantidade de xente que se daba cita na feira.
Desafortunadamente descoñecemos se existe algunha gravación da súa música, pero as seguintes gravacións deben ser similares ás pezas que tocaba José coa súa gaita:




*Os datos sobre José Pin "O Alledo", foron recompilados no blog <Retizos y sus amigos> e na páxina Planeta Galego.

3 de mar. de 2012

Do carro ao tractor


O carro
O uso do carro polos habitantes dos castros é un feito probado. Dunhas zonas a outras os carpinteiros teñen os seus costumes e nos modelos dos carros nótanse variacións. Os nomes das súas partes son diferentes dependendo do lugar.


Ata principios dos anos 1980 en Millares aínda se usaban carros, oíanse os seus cantos e víanse as súas rodeiras nos camiños. En Millares as pezas das que nos informaron son:
O chedeiro: feito de cerna de carballo, leva un tiro de metro e medio  chamado cabezoalla, unido a unha mesa rectangular de uns dous metros de longo.
A cabezoalla:  de cerna, conta con dúas furas para a chavella, cando o carro dá nos animais ponse a chavella na fura de diante.


Cabezoalla

A chavella: de cerna, fai de pasador entre o carro e as vacas.
O tesón: de carballo serve para ter mau da cabezoalla e do carro e ten a altura máis ou menos do carro.
As chedas: de carballo, están no lateral do carro e van unidas entre elas facendo unha curva na dianteira.
O rangueiro: peza en forma de Y que se coloca na parte dianteira do chedeiro.


Rangueiro

Os lombos: traveseiros de carballo perpendiculares ó eixe, unen as chedas para formar a estrutura do carro.
As furas: son furados feitos en cada cheda para meter os fungueiros.
Os fungueiros: cinco paus longos próximos ó metro e medio, de cada lado.
O adral: son táboas de bidueira unidas por paus perpendiculares, para cargar no carro por exemplo patacas.
O eixe: pode ser de bidueira, cerdeira ou freixo, é de forma cilíndrica rectangular con rebaixes nos bordes, con cabeza e chavetas de madeira.


Zona do eixe

A roda: teñen case un metro de alto son de cerna de carballo formada por dous arcos unidos por un traveso máis groso. Conta con ferraxes, coma o baldón e cintas, cravados.

A roda

O baldón: ferro que recobre a roda todo o arredor. Vai serrado porque a madeira incha e fai dilatalo ferro e pode estalar.
As treitoiras: suxeitan o eixe.
O mión: de carballo, é o traveso que atalla transversalmente á roda de arriba a baixo cunha fura por onde entra o eixe.
As cambas: consistentes en dous arcos semicirculares que forman a roda.
Para que o carro non cante nin arda hai que botarlle xabón ó eixe.
O carro para poñerse en movemento necesita ademais o xugo que vai no pescozo do animal enganchado na cabezoalla.
Cando os animais non eran capaces de arrastala carga do carro por ir moi cargado ou porque era moi pesado e en lugares difíciles xunguíanse varias parellas de vacas ou bois.


Roda e eixe

Copla popular
Árdelle o eixe
árdelle o carro.
Árdelle o eixe,
que é de carballo.
Árdelle o eixe
árdelle o carro.
Árdelle o eixe,
hai que mollalo.
Hai que mollalo,
hai que mollalo…


Xugos

Ditos e refránsCarro sen rodas, é coma home sen maus.
Se queres que o teu carro rinche, mételle o eixe no río.
Debaixo do carro, sempre dorme algún galo.
Non póñalo carro diante das vacas.
Cando o carro canta, as vacas choran.
O que non unta o carro, quédase ás veces na corredoira.
Se os bois non che poden co arado, non os poñas ó carro.
Máis vale un carro de vacas ca un carro de bois.
O millo mesto, nin carga o carro, nin enche o cesto.
O burro e ó carro, carga ó rabo.
A chuvia de abril, enche o carro, e mailo barril.
O home prudente, e os bois polo camiño do carro.


Un dos poucos carros que quedan en Millares
Adiviñas
Dez soldadiños, todos en par, pasan o río sen se mollar (os fungueiros).
Vai pró monte e vai calado, vén prá casa e vén cantando (o carro).



O tractor
Os primeiros tractores en Millares compráronse polos anos 1960. Os máis antigos eran das marcas Ebro, John Deere e Saca.
En 1954, fúndase Motor Ibérica, S.A., e rexístrase a marca Ebro para os tractores fabricándose en Barcelona.
John Deere fabrica o primeiro tractor en Illinois no ano 1914, e pon unha fábrica en 1963 en Getafe.
En 1959 Saca establece os primeiros acordos con International Harvester para fabricar tractores en Sevilla.
Algúns modelos parecidos ós que houbo ou hai en Millares, todos de tracción simple,  e as súas carácterísticas son:
Ebro Super 52 co motor Fordson 4 cilindros diésel 3605cc de 52cv.
Saca S-455 co motor IH BD-264 diésel 4 cilindros 4.329cc de 55cv.
John Deere 717 co motor diésel Perkins P4-203 4cil. 3.327cc de 50 cv.




Actualmente hai 16 tractores no pobo sendo o máis moderno un John Deere - 6820 con tracción dobre duns 135 cv.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...