23 de out. de 2012

As castañas

A castaña ten unha maña,
Que se vai con quen a apaña.


O outono é a época das castañas, a finais do mes de outubro empezan a pingar as primeiras castañas por Millares.
Hoxe en día é frecuente que as castañas caian e se perdan no chan, pero non sempre foi así, noutros tempos se de algo se podía fartar o estómago, era de castañas, que moita fame teñen sacado a moitos mortais. 
Así o dí a adiviñanza: unha cousiña, cousa/ criada no monte/ enxoita na casa/ que se come sen taxa. 
Hai uns anos que era común que a cea da casa labrega fora a base de caldo e castañas asadas, ou cocidas e con leite. 
Había ditos como: os nenos non poden comer castañas crúas, se non queren que lles saian pollos na cabeza. Sería porque os rapaces gustan de “ir ó lance”, roubar froita así sexa verde como a ferraña. Eran tabús inventados pola xente maior, para impedir a pillaxe.


Incluso da castaña inventábanse xogos:
As melindrainas…
-Abre o puño e damas.
-Sobre cantas?
-Sobre dúas, tres...
(se acerta cólleas) se non acertou, recibe tantas como da conta falten ou sobren.

Nos xogos infantís personifícase a castaña:
-Cómo te chamas?
-Come castañas
-Eu cómoas e tí apáñalas
-E de apelido?
-O caldo cocido.

A veces tamén había o xogo do foio, a quen meta unha castaña na foia ou burato feito na terra.


 Refráns:
A castaña, en agosto arder e en setembro beber.
En ano de orizos, non fagas cainzos.
Con castañas e viño, xa se anda o camiño.
Polo San Martiño castañas e viño.


 Dito:
Canta roliña, rola
Canta naquel souto;
Pobre de quen espera
Polo que está na mau doutro.


 O magosto
No mes de novembro, a castaña recupera a importancia que o millo e a pataca lle arrebataron nas cociñas galegas hai varios séculos.
A tarde do primeiro de novembro, véspera dos defuntos é a propia do magosto. Hai moitos anos as rapazas e rapaces facían o magosto. Ían ó souto e apilaban no chan as castañas, sobre elas poñían leña e préndíanlle lume para asalas mentras bailaban. Logo cómenas e beben viño e acaba o magosto. 


Ben-Cho-Shey di que os magostos son as fogueiras outonáis celebrando a recolleita dos froitos; destes o máis enxebre, as castañas. Unha festa no ciclo vital agrario dos nosos devanceiros, no plenilunio outonal. O feito de estar o magosto tan relacionado con certas festas relixiosas como son a de Tódolos santos e San Martiño, dan pé para sospeitar que en tempos anteriores ó cristianismo, formaría parte de certos ritos agrarios e druídico-relixiosos.


Segundo crenzas antigas, a castaña era como un símbolo da ánima dos defuntos.
Tradicionalmente, outono, castaña e defuntos, aparecen asociados na festa dos magostos.
Enténdese que cada castaña comida, é unha alma liberada do purgatorio, dise tamén que despois da festa, as almas viñan a quentarse nas brasas das fogueiras, polo que cumpría deixar algo de castañas para a parroquia dos mortos.

Por San Martiño faise o magosto,
con castañas asadas e viño ou mosto.

Oriceira


9 de out. de 2012

Castelo


Houbo un castelo no alto da serra de Montouto? Sería unha torre, miradoiro, castelo, fortín, ou campamento como o descuberto no cume da Recacha en Navia de Suarna, dende onde se controlaba unha gran parte de territorio?.
Do que se acordan os veciños de Millares de máis idade, é de ver unha morea de pedras en redondo, con algo de altura, no máis alto da serra de Montouto a uns 1030 metros de altitude cerca do vértice xeodésico. É o lugar máis elevado da nosa parroquia. A esa zona chamábanlle “O castelo”. Dicían: “vas ó Castelo ca facenda...”, “cheguei ó Castelo...”. Dende ese punto pódense ver varios límites da provincia de Lugo. 
Tamén contan que dende aí, nas noites claras podíase ver o resplandor da luz do faro da Coruña, anque esto parece máis un conto que unha realidade...
Hoxe en día non sabemos se hai restos ou se desapareceron polas obras feitas nesa zona: parque eólico, pistas, casetos, etc... 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...