30 de set. de 2013

O outono

Tempo de cambios, antesala do inverno, o outono transforma a paisaxe e tamén o noso animo, a nova estación evoca melancolia, que non se pode confundir coa tristura, chega o frio e as chuvias, os días acúrtanse e as noites fanse eternas.

A néboa deslízase pola aba da serra do Miradoiro, ocultando baixo o seu manto as casas e prados, e dende Millares, adivíñase Abrairas, escondida entre os retallos de néboa, custodiada por eses fantasmais muíños eólicos, que co seu ruído enxordecedor, rompen a tranquilidade dos veciños e dos animais, sen que ninguén saiba con certeza, que gañaron os habitantes da zona con eles, horribles monstros de ferro.
Progreso chámano....



Vai chegando o tempo de ir soutar, de recoller a humilde castaña, hoxe fortemente deostada, que se podrece nos camiños, ninguneada dende a chegada da pataca, pero que durante séculos foi a base da alimentación en tantas zonas humildes deste país, canta fame quitou!


En poucas semanas, os porcos, ata agora mimados e convertidos en reis das cortes, van ter que pagar por todos os luxos gozados, achégase a hora da verdade, a boa vida é cara....y  pagarana de sobra.



Tamén se achega o día de defuntos, día no cal vestimos os nosos cemiterios con flores e visitamos os nosos defuntos, facémolos protagonistas por un día, pero coa espiña cravada, de que por moito que o intentemos, e por moitos bens que amasemos, tampouco nos libraremos de ser os protagonistas dese día.

16 de set. de 2013

Ritual da morte

Se hai algo que perseguiu ao ser humano dende tempos inmemoriais, é o coñecemento e a seguridade de que vai morrer.
A certeza da morte, causou efecto en todas as culturas:
Ritos, premonicións, a crenza noutra vida e por suposto, na reencarnación.

Hai tantas premonicións de morte, como aldeas en Galicia, din que son sinais de morte:
-Voos e cantos de curuxas, corvos...
-Cans que ouvean como lobos.
-Oír cantar a unha galiña coma se fose un galo, e así ata o infinito.
Pouco a pouco, fóronse perdendo, boa parte das complexidades simbólicas que rodeaban á morte: vestir de negro, tocar as campás da igrexa da parroquia para avisar do falecemento, rezar o novenario, é dicir, botar 9 misas polo defunto un tempo despois, etc.
Todo o relacionado coa morte cada vez se converte nun acontecemento máis privado.





En Millares, a maioría da xente xa non viste de loito, reprime os choros e vive a experiencia da desaparición dun ser querido en silencio.
Nas cidades galegas case non hai pautas de "celebrar" a morte en grupo. Pero nos pobos, unha práctica aínda viva, é o velorio.
En canto se produce unha defunción, todos os familiares e veciños mobilízanse para que non deixar nin un momento soa a familia.
O velorio contribúe á normalización das tensións creadas no grupo, causadas pola ruptura do cotián, que produce a experiencia dunha defunción.
O primeiro obxectivo do velorio, ademais de acompañar os parentes do morto, é entretelos para reducir o seu padecemento.
O fundamental para iso é falar sen cesar. Trátase de superar o medo que a morte esperta mediante unha estratexia de distracción.
Tamén había a tradición de rezar o rosario pola tarde os días anteriores ao enterro na casa do morto. Hoxe o máis frecuente é rezalo na igrexa parroquial ou no tanatorio.
Recordamos que en Millares, o rosario o rezaba unha señora do pobo, e dicía a ladaíña en latín, parece que estamos a oíla dicir (KyrieeléisonChriste eléison... Mater puríssima. Ora pro nobis Matercastíssima. Ora pro nobis... etc).
Hoxe en día o rosario rézao o cura e o latín pasou á historia.
Outro factor que non faltaba eran os banquetes fúnebres, onde comían os parentes do defunto que viñan ata a casa para o enterro.
Outra tradición que está en vías de desaparición, é a linguaxe da campá, linguaxe ancestral, que evitaba aos paisanos, ter que preguntar que sucedera
Avisábase dun falecemento tocando as campás da parroquia, había diferenzas se quen morría era unha muller ou un home.
Dependendo dun ou doutro tocábanse de diferente forma (en número de toques, tres para os homes e dous para as mulleres) para que a xente tivese unha "idea" do que pasara. Antigamente nos enterros dábanse ofrendas (pan, viño, etc) na igrexa.

3 de set. de 2013

Imposto polo xabón

Parece que por usar xabón había que pagar un imposto no século XIX. 
Sería xa un IVE? Canto nos tocaría en Millares?. 
Este documento do ano 1833 detalla:



"Nas conferencias tidas entre D. Francisco Xabier Rancaño, apoderado da parroquia de San Miguel da Braña da xurisdición de Neira de Rei, e o comisionado neste partido do empresario D. Jaime Ceriola, visto o estado da súa poboación, quedou que a devandita parroquia, debía pagar ao ano polo consumo de xabón, a razón de catro marabedís libra, a cantidade de sete reais e dez e oito marabedís, en equivalencia dos once e dez marabedís cota que sinala a presente partilla do Señor intendente, cuxo pagamento debe facerse na forma seguinte.
Ao ano 7.18.
Ao terzo 2.17
En cuxa conformidade e convenio asinamos a presente demostración en Lugo a 28 de decembro de 1833."
                              Juan Cuesta          Francisco Xabier Rancaño

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...