15 de nov. de 2015

As Regas



As Regas, é un lugar da parroquia onde levaban pastar as ovellas os nosos veciños. Levaban os rabaños cruzando pola Requeixada e as Canceleiras ata chegar ás Regas. 

Na foto aérea da nosa aldea do ano 1945, a máis antiga que temos, vense os camiños que atravesaban daquela pola Requeixada. Estas fotos fixéronas os estadounidenses durante a segunda guerra mundial nos voos de transporte militar entre Xibraltar e Francia desviándose das rutas sen que se enterara o réxime ditatorial franquista colaborador dos nazis.


Os pastores gardaban nas Regas unhas potas e cocían cachelos para merendar con outros alimentos que levaban nun fardelo da casa. A auga tíñana alí, e as patacas collíanas das leiras cando pasaban para o monte coas ovellas. Algunhas veces se se descoidaban, o lobo matáballes algún animal. Tamén xogaban a facer prados e leiras no chan. Cando volvían cos rabaños do monte ao chegar á aldea xebrábanos. O nome das Regas é un derivado de "rego" que alude á abundancia de canles ou regos de auga. Tamén ten as acepcións de terreo pantanoso, prado con herba ou depresión do terreo entre montañas pola que flúe ou fluíu un curso de auga.


As ovellas que tiñan eran da raza "Ovella Galega" catalogada en perigo de extinción polo Real Decreto 2129/2008, de 26 de decembro, polo que se establece o Programa de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras. Esta raza con orixe en Galiza posúe unha historia moi unida ao pobo galego. As ovellas levan entre nós dende fai 5.000 ou 6.000 anos, é dicir, dende o neolítico. Nos poboados celtas dos castros, predominaban as ovellas fronte ao gando vacún. No 2014 só había 4.335 exemplares.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...