23 de dec. de 2015

Nadal

O Nadal está cheo de maxia... nestas datas conviven tradicións cristiás cos ritos e lendas que terían traído a este canto da península os primeiros poboadores celtas.


Noiteboa
Ao igual que en case todas partes, o Nadal en Galicia é sobre todo unha festa familiar, na que a maioría dos galegos retornan ás súas aldeas e lugares de orixe para comer na casa familiar e cantar panxoliñas, que é como se chama aquí aos vilancicos. Ademais, conta a lenda que durante o día de noiteboa tamén acoden á casa os espíritus dos antepasados familiares a quentarse en torno ao lume, nese canto tan entrañable e acolledor da casa galega chamado lareira, de aí o costume nalgunhas zonas de poñer unha mesa auxiliar con pratos de comida para as ánimas.


Deus nace galego:
Ai! se o noso Deus galego se fai
imos cantar á choza en que nace,
Ai! se a súa nai é de Compostela,
imos cantar fermosa galega.
Todo galeguiño toque charumbela
que o neno bello é da nosa terra.
Fagamoslle todos a danza galega
que está desnudiño e chora e tembra
pois se nace en Galicia na falda da serra,
galego faise, é da nosa terra.

Outro dos costumes do día de noiteboa era que non se podía apagar o lume do fogar, debía morrer por si só, nin podíase varrer a cociña ata o día seguinte, para non botar fóra da casa ás almas que se tivesen achegado á casa esa noite.


Outra tradición do Nadal galega, que por desgracia tamén está a punto de desaparecer, é o tizón ou cepo de Nadal que consiste en poñer ao lume en noiteboa un madeiro groso, xeralmente de carballo, e deixalo arder só ata a metade, despois apártase do lume e gárdase, para volver acendelo noutras ocasións para protexerse das tormentas.
Noutros lugares o que gardan son as cinzas do tizón e bótanas ao lume en noites de tormenta para conxurala.
Desa tradición proceden tamén os doces en forma de madeiro de mazapán que comen en Nadal en Galicia.
A misa do galo tamén é algo tradicional, o nome da devandita misa forma parte dunha antiga fábula que afirma que o primeiro ser vivo que presenciou o nacemento de Xesús e o comunicou ao mundo, foi un galo.





Ata principios de século, era moi habitual, en noiteboa, que nas igrexas se anunciase a chegada da media noite cun canto de galo, ás veces simulado, pero outras veces levábase un galo de verdade á igrexa, para facelo cantar.
Noite vella e Ano Novo
A tarde do día 31, os mozos das aldeas facían un boneco de palla que despois paseaban por toda a aldea ou por toda a parroquia, entre berros e ruído, para máis tarde queimalo no campo da festa, onde despois acudía o resto da xente.



Esta tradición é similar ao carnaval, expresa o triunfo sobre o ano que remataba, simbolizado no boneco de palla.
A festa adoitaba durar toda a noite e mesmo durante o día seguinte se seguía celebrando, cantando con pandeiretas e gaitas, pedíanse aguinaldos que podían ser en especias (chourizos, pan, viño) ou en diñeiro.



O señor Manuel da Portela,
é un home muy capaz
de meter a man ao bolsillo
e darnos trinta reás.

Despois da festa, reuníanse os integrantes do grupo para facer unha comida cos "aguinaldos" recollidos.
E para rematar as festas só falta o día de Reis, o máis esperado polos nenos e non tan nenos...Cantos de Reis

10 de dec. de 2015

O tren que non chegou

Hai uns meses inauguraron entre A Coruña e Vigo unha liña férrea que chaman de alta velocidade, parece que non pasa de 200 km/h, cando o de Madrid-Barcelona pasa de 300 km/h, (pero certo é que estamos afeitos a que nos coloquen sempre en última posición, no que ao progreso refírese), e acordámonos do proxecto ferroviario que houbo hai máis dun século na nosa zona.
Estivemos a piques de ter dúas estacións de ferrocarril preto de Millares: unha en Martín e outra en Fonteo.


Como afectaría á nosa terra a liña férrea entre Ribadeo e Vilafranca do Bierzo?
Esta infraestrutura xa foi unha idea estimada preferente e incluída na rede de servizo xeral polo goberno do ano 1877.
O plan propoñía unir estas poboacións cunha liña duns 151 quilómetros de lonxitude, para impulsar a explotación de minas de ferro ao longo do val do Eo ata o couto Wagner no Bierzo. Xa se aproveitaba o ferrocarril existente entre Ribadeo e Vilaodriz no concello da Pontenova.
As estacións que deseñaron no proxecto eran as seguintes: Vilaodriz, Vilagonduria, Galego (apeadoiro), San Xurxo de Piquín, Santalla de Piquín, Martín (apeadoiro), Fonteo, Baleira, Queirogal (apeadoiro), San Martiño de Neira, Becerreá, Guilfrei, Alence (apeadoiro), Vilasín do Monte, Pedrafita do Cebreiro, Veiga (apeadoiro), A Veiga, Ambasmestas, Trabadelo, Perexe (apeadoiro) e Vilafranca do Bierzo.
O orzamento da construción era de 52.011.971 millóns de pesetas (ano 1912).




Parece que a proposta estaba afiuzada financeiramente polo Banco de Vizcaya e o Banco de Comercio.
A última noticia que temos do proxecto é un documento do ano 1928 onde se siguen dando razóns para para a construción cualificándoo como de alto interese e estratéxico para a economía do País.
O autor nun parágrafo escribe: "tan antiguos son nuestros vínculos como lo es el refrán castellano: Galicia es la huerta y Ponferrada la puerta, el cual significa que Galicia empieza en Ponferrada".
E deixámosvos cunha canción do galego Andrés do Barro titulada "o tren". Ten o mérito de ser dos pioneiros que usaron o galego a finais da ditadura franquista. Os atrancos para a expresión musical en galego non impediron que coara a súa canción como número un de vendas no Estado.


https://www.youtube.com/watch?v=0M41oN9riRo

https://www.youtube.com/watch?v=BYa0UfsKF2w
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...