27 de feb. de 2016

Tipoloxía das casas

Ao longo do tempo a tipoloxía das casas foi variando na nosa aldea. O deseño das construcións depende de varios factores: ecolóxicos, cronolóxicos, económicos, etc.
Os materiais tradicionais eran a pedra, a madeira, o barro e vexetais como o colmo. 
Hoxe en Millares non quedan exemplos das pallozas.
Nalgunhas edificacións hai partes das antigas casas terreas, é dicir, dun único piso cun faiado debaixo do lousado.


En canto ás de dous pisos, hainas de planta cadrada e rectangular.



Fican dúas con curral, espazo situado a carón da casa, descuberto e valado, onde se ceibaban certos animais domésticos, ou se deixaban os apeiros, o carro, a leña ou o toxo, etc.


A veces as partillas dividían as casas e logo cada partícipe ampliaba a súa parte. Atopouse en Millares unha vivenda chamada a casa do Cuarto pero descoñécese se é algunha das que hai hoxe ou se desapareceu.


Viñan canteiros e carpinteiros de varios lugares como Francisco García que aparece nun recibo do ano 1824, veciño do concello asturiano de Castropol.



O aproveitamento da pedra local, como base fundamental da construción na arquitectura, levou ao campesiño galego a un profundo coñecemento do comportamento e das súas características, que loxicamente implicará a utilización de solucións claras e directas na resolución dos distintos problemas construtivos e estruturais.


Hai vivendas en Millares con paredes feitas hai máis de douscentos anos e seguen resistindo o paso do tempo, non como algunhas edificacións que se fan hoxe en día como na Cidade da Cultura compostelana (onde caen as lousas) ou na Cidade das Artes e das Ciencias valenciana (onde caen anacos), con orzamentos millonarios e apenas estreadas.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...