18 de set. de 2017

Pallazas en Millares

Pallaza en Balouta

É posible que hai uns 300 anos aínda houbese pallazas na nosa aldea. 
Pois nun documento dunha partilla de bens do ano 1711, aparecen mencionadas na aldea veciña de Abrairas. Unha pallaza ou palloza é unha casa de planta oval ou redonda, que está feita de pedra, madeira e cuberta de palla. No escrito tamén se lé que as pallazas eran divididas nas partillas.


Hoxe só se conservan algunhas na comarca dos Ancares.
A última construción cuberta con palla en Millares debeu ser o hórreo de Brañas pola década de 1980.

Hórreo cuberto con palla, casa Brañas, Millares

As pallozas son a evolución das vivendas dos castros galegos. A palloza fixo perdurar ao longo do tempo o reflexo das vellas cabanas celtas. Foron os informantes romanos (Estrabón, Pomponio Mela, Plinio e Lucio Anneo) os primeiros en transmitirnos textos descritivos da Galiza daquela época e dos seus habitantes aos que chamaron celtici ou keltikoi, é dicir, célticos.
A actual presenza nalgúns países europeos de elementais tipos de construcións de cubertas vexetais (as casas de turba de Islandia, algunhas tipoloxías da edificación rural en Bretaña ou Irlanda,...) fai chegar á actualidade unha arquitectura que, partindo das long-houses viquingas, ou das cruck houses inglesas, foi a base das construcións atlánticas durante boa parte da Idade Media. Pero en ningún ámbito se poderá atopar unha arquitectura na que se poida seguir a evolución histórica das súas edificacións como no País Galego.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...