27 de nov. de 2017

A ofrenda



As doazóns de carácter relixioso que os nosos veciños tiñan que soportar vense nun testamento dun veciño do século XIX no que pon: "a cada unha das dúas funcións fúnebres de enterro e honras, asistan incluído o párroco 12 sacerdotes que celebren a misa, a cantada, vixilia, do responso e solemnidades de estilo,concorrendo ao efecto a cera das confrarías de que é irmán, ofrendando a cada unha coa esmola de 8reais".
A ofrenda semella que comezou sendo unha dádiva pero xa no século XVII aparece convertida nun dereito do abade, "coa igrexa topamos" do mesmo xeito que o décimo, a primicia e a oblata, sen perder por iso o seu carácter expiatorio.


No antigo réxime a ofrenda era na práctica unha obriga que dificilmente se podía pasar por alto. Nalgunhas dióceses por exemplo no século XVI o bispo impuña a ofrenda de xeito ben perentorio "mandamos que todas as misas de enterro, ofrenden pan, viño, cera e as outras cousas que acostuman ofrecer".
Para non deixar ningún cabo solto, se o defunto no testamento non deixaba que se fixera ofrenda ou morrera sen testamento os herdeiros debíana facer, xa que os bispos estipulaban o criterio de ser "conforme piden a calidade do defunto e a súa facenda".


Con todo, isto non satisfacía a algúns clérigos, que polo século XVIII preocupados polo feito de que a caridade estivese "tan arrefriada" estimaban que non chegaba con poñer as especies que había que ofrendar (pan, viño, carne...) senón que había que especificar con máis precisión, para evitar que o herdeiro atendese máis o seu proveito que o das ánimas do defunto.


En sinal de expiación dos seus pecados a persoa deixaba a ofrenda no testamento. As súas familias entregábanlla ao cura da parroquia o día do enterro e en ocasións o domingo ou domingos seguintes.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...