Tear 1879 (a ilustración galega e asturiana) |
Nos castros atopáronse sementes de
liño (linun usitatissimum) e tesoiras
de rapar as ovellas que confirman a utilización de liño e la dende moi antigo.
Ata ben entrado o século XX, no medio rural as necesidades de vestido e roupa
da casa abastecíanse coa produción dos teares domésticos. As fases de transformación do liño pódense dividir en catro grandes
bloques: cultivo, obtención da fibra, transformación en fío e elaboración dos
tecidos.
Flor do liño |
A SEMENTE
O liño sementábase nunha terra boa,
fértil e húmida na primavera no mes de abril e máis ou menos ó ano seguinte o
fío está en condicións para levar a tecer.
A MONDA
Cando a planta ten entre 15-20cm,
aproximadamente ós 8 días da semente, móndase e sáchase co fin de arrincar as
malas herbas e asentar a raíz do liño.
A ARRIGA
En xuño florece o liño, a flor é
azul ou violeta. Por xullo a planta ten uns 40 cm de altura e o tallo é
fibroso de onde sae o fío de liño.
Arrígase de raíz normalmente a principios
de xullo sacúdese contra as pernas para quitarlle a terra. Fanse feixes e
átanse con viortos para levar para a casa.
RIPADO
Esta operación faise co ripo ou
ripeiro que consiste nun banco cunha táboa perpendicular cravada no medio e que
é parecida a un peite. Este peite ten as púas da mesma madeira que normalmente
é de cerna de carballo. Ó pasar o liño polo ripa alternativamente solta a
bagaña. A bagaña métese nun lugar escuro
para que fermente, e dalí a uns días sácase ó sol para que se seque. Así
sepárase a bagaña da liñaza, ésta gárdase para a semente do ano seguinte,
despóis de que quede ben limpa. Da liñaza tamén se extrae aceite utilizado para
aplicar ás madeiras ou na pintura mezclado con óleo. Ca
liñaza tamén de facían cataplasmas que aliviaban a tose e outras doenzas.
Ripa |
ENLAGOAR O LIÑO
Despóis de ripar o liño lévase en
feixes a unha laga, en Millares
había varias no Candal, e poníanselles algún peso (madeiros, pedras) para que
non saise da auga. O obxectivo é que a casca de fora da planta amoleza e
pudra. Logo de nove días aproximadamente sácase da auga, cóllese unha presada e
aprétase, se queda pegada xa se pode sacar.
Despóis sácase da auga e exténdese
nun prado a secar ó sol formando un tendal, dúas ou tres semanas e lévase para
a casa.
TRILLO
O
liño mallábase con mallos na aira ó mediodía cando máis quentaba o sol, ca raíz
para arriba. Os
malladores colocábanse en dúas filas, uns frente ós outros e co liño no medio,
cando uns baixaban o mallo os outros levantábano.
O liño gardábase ata o inverno que é
cando se farán os restantes traballos aproveitando o mal tempo, en que non se
poden facer outras labores do campo.
Sarillo |
TASCA
Antes da tasca o liño sécase ben de
todo por exemplo no forno aproveitando a calor que ten despóis de cocer unha
fornada de pan. Logo mazótase para que solte ben a estriga e romperlle a
cáscara e despóis táscase. No mazote colócase o liño de forma perpendicular a
el e golpéase con forza. A tasca consiste nun banco que tiña un furado nun dos
extremos para metela afita. O traballo consistía en ir
rascando o liño á dereita e á esquerda contra afita para sacarlle tódalas
arestas (partículas que desprende o liño).
RESTRELO
Faise o mesmo día da tasca e arrestrélase
para separar os cerros da estopa. O restrelo é unha táboa con puntas facendo
unha especie de cepillo. Pásase o liño polos dentes e a estopa vai quedando nos
cravos, e o liño bo ou cerro na man.
Restrelo |
A FÍA
Xa está listo o liño para a fía co
fuso, que a facían as mulleres mentras alindaban as vacas ou nas noites de inverno
cabo da lareira. O liño enróscase nunha roca. Con este fío fanse as meas no
sarillo. O liño branquéabase en auga fervendo con cinza varias horas.
Manela ou cerro de liño |
Roca sinxela para fiar |
O TECIDO
O fío ponse en novelos ca
devanadoira e logo xa se pode levar ó tear.
No tear pódense facer diferentes
tipos de tecidos, dependendo da técnica aplicada e da materia prima
utilizada.
Saco de liño para a fariña |
Saco de liño para mercaderías |
USOS DO LIÑO E DA LA
Cas fibras máis ruíns do liño
facíanse sacos para o transporte de mercadorías. O liño máis fino (lenzo) era
para sabas, manteis e toallas e o máis gordo (estopa) para camisas e mantas. O
cerro aínda non hai moitos anos usábano os fontaneiros para as roscas dos
canos e tamén os carpinteiros. Facíanse farrapeiras que levaban a urdime de
liño e a trama de farrapos. Os farrapos facíanse de pezas de roupa vella que xa
non se podía remendar, cortándoas en tiras longas que se cosían unhas ás
outras.
A la lavada e ben cardada era usada
como recheo de colchóns. A la fiada e retorcida ca parafusa, calcetábase para
confeccionar prendas de vestir como medias ou calcetíns.
Farrapeira usada como cobertor |
A LA
O proceso de transformación da la
non é tan laborioso como o do liño. A rapa faise por abril e maio en lúa
minguante, pois de non o facer así a la será ruín. Comézase a rapar polo abdome
e as patas rematando polo lombo. A la bótase nun pote con auga fervendo e xabón
e déixase secar. Ca la seca lávase no río para quitarlle a suciedade e a graxa.
Xa lavada esténdese nun campo ó sol ata que seque.
Logo na casa procédese a escarpizar,
alargándoa e tirando dela ata que quede ben esponxada.
A última operación á que se somete é
o cardado, que consiste en alisar e peitear as fibras e limpalas das impurezas
que puideran ter adheridas.
Despóis de cardada xa queda disposta
para o fiado, tarefa que se realiza do mesmo xeito có liño.
A la fiada emprégase para calcetar
ou ben para tecer no tear.
Mentres teña o meu tear,
camisa non me ha
faltar.
Liño de Holanda pesa e non anda.
Nai e filla caben nunha camisa,
sogra e nora non caben en tea toda.
Mentres ande na eira o xugo,
ande na casa o fuso.
ADIVIÑAS
Nace no monte
bebe na fonte
ven prá casa
e baila ca rapaza. (O liño)
Banco no medio
estribo no pé,
rincha que rincha
e cabalo
non é. (O tear)
Tesoira para rapar, século XX |
Ningún comentario:
Publicar un comentario