23 de dec. de 2011

Arte e auga

A ponte que había no Candal formada por unha pedra grande.


O cargadoiro da auga: levábase un bocoi no carro e poñiase ó pé do cargadoiro para enchelo ca auga que viña pola canle do chanto.


O cachón da pedreira da Manguela. Desta pedreira sacáronse as pedras para facer construcións no pobo.




Pozo da auga, hainos comunitarios e particulares, (algún tapouse).


Desaugue dun vertedeiro.


Pía, utilizábanse para dar de beber ó gando, entre outros usos.


Os lavadoiros: había varios no rego do Candal, cada casa tiña o seu ou compartido.

Rego dos lavadoiros hoxe

Lavadoiro similar ós que había

Augueiro nunha parede.



Presa abaixo do Breiral.



Ríos de ouro ou licor?.






Camiño empedrado pola erosión da auga.


Xeo e desxeo na herba:




Neve e xeo en Millares:



Pequena lagoa preto do Candal:


Salto de auga baixo o depósito:


Pequenos saltos de auga no Candal:



21 de dec. de 2011

A matanza


Palabras curiosas da zona relacionadas co porco:
  -os crespos: chámase así ás tripas grosas do porco, partidas e cocidas soas ou con patacas, tamén están moi ricas fritas.
 -a solana: chámase así ao espiñazo do animal.

Algunhas receitas relacionadas coa matanza:
  -fígado con cachelos: o básico, torar o fígado, botar a cebola, o allo, o sal e cocer. Está riquísimo con patacas.

Algúns refráns:
  -por San Martín mata o teu cochín.
  -polo Nadal o teu cocho no sal.
  -non encherás ben a panza se non fas unha boa matanza.



18 de dec. de 2011

Escolas

Temos coñecemento da existencia no pobo de dúas escolas, aínda que é posible que nalgún edificio dos que hoxe en día están en pé puido albergar tamén alumnos nalgún momento.
A escola máis antiga está situada no sur do pobo e estaba en funcionamento polo ano 1920.
É un edificio de propiedade particular, que ademais tiña a vivenda para o mestre/a, como anécdota, na década de 1920, houbo unha profesora natural de Andalucía, e algunhas nenas do pobo ían durmir con ela, durmían nun colchón de follas, unhas poñianse coa cabeza nos pés da cama e outras na cabeceira.


A escola nova, que ten tamén vivenda, está situada na Rigueira e construíuse cara ao ano 1962.
Polo ano 1975 os nenos xa ían ao colexio do Cádavo no autobús.


17 de dec. de 2011

Emigración

Galicia é sinónimo de emigración, o galego emigraba ante todo para procurar unha mellor situación económica, pero non obstante, sendo Galicia a rexión española que máis porcentaxe de emigración tivo, tamén é a que maior número de retornados ten.
No fenómeno migratorio seguiuse un patrón: os pais e a muller quedaban en Galicia e os fillos e o marido emigraban.
Quizais sexa ese o factor determinante polo cal houbo un número de retornados tan elevado, unido ao apego que os galegos senten pola súa terra.  A emigración foi maioritariamente masculina.

Museo da emigración galega en Buenos Aires

A muller galega incorporouse pouco a pouco á emigración, facéndoo de forma activa a partir da década dos 60.

Emigrantes galegos en Suiza, anos 60

                                                                           
Museo da emigración (Argentina)
A dureza do clima, unha estrutura da terra moi fragmetada (o minufundio nace como un intento de distribuír máis equitativamente a terra entre os herdeiros dunha familia, subdividindo as parcelas e repartíndoas, pero cunha taxa demográfica moi alta, en poucas xeracións, a terra subdividiuse tanto que a maioría das parcelas acabaron sendo demasiado pequenas como para manter unha familia), a falta de axudas e a aspiración de mellorar o nivel de vida foron as principais causas que motivaron a diáspora galega.






Os emigrantes dirixíronse principalmente a América Latina, sendo Arxentina o país que máis xente recibiu, os galegos polo xeral concentráronse nas grandes áreas urbanas: Buenos Aires, Montevideo, La Habana...
Dedicábanse principalmente ao sector servizos e ao comercio, pola contra foron moi poucos os que se dedicaron ao sector agrario, salvo no caso de Brasil, onde por exemplo o caucho ocupou un gran número de emigrantes galegos.
Estímase que actualmente hai 10 millóns de persoas de ascendencia galega, dispersas na súa maior parte entre Europa e América.
Pero os galegos non foron só a facer as Américas, a partir dos anos 50 os destinos elixidos para emigrar estaban en Europa e dentro do estado español.
Nisto os veciños de Millares non foron diferentes ao resto, é raro encontrar unha casa no noso pobo onde non haxa algún emigrante.
Millares mantivo a súa poboación relativamente estable ata o ano 1960, pero a partir de aí comezou o goteo da emigración.
Arxentina (Bos Aires), Venezuela (Caracas), Cuba (Santiago de Cuba, Guantánamo), EEUU, Madrid, Barcelona, Bizkaia (Bilbao, Basauri, Galdakao, Igorre, Areatza), Vigo, A Coruña, Lugo, son algún dos lugares onde podemos encontrar veciños de Millares e/ou seus descendentes, pero con toda seguridade que hai máis destinos nos que algún conveciño noso deixou a súa pegada.
Seguro que ti coñeces algún outro lugar dentro ou fóra das nosas fronteiras onde acolleron a algún dos nosos veciños, se é así e queres colaborar con nos, anímate, sodes tod@s benvid@s.

Patronato da cultura galega de Montevideo

Museo da emigración en Buenos Aires

                                                         "Este vaise i aquel vaise,
                                                          e todos, todos se van,
                                                          Galicia, sin homes quedas
                                                          que te poidan traballar.
                                                          Tés, en cambio, orfos e orfas
                                                          e campos de soledad,
                                                          e nais que non teñen fillos
                                                          e fillos que non tén pais.
                                                          E tés corazóns que sufren
                                                          longas ausencias mortás,
                                                          viudas de vivos e mortos
                                                          que ninguén consolará".
                                                          ROSALÍA DE CASTRO, "FOLLAS NOVAS", 1880

13 de dec. de 2011

A pregaria da árbore





Concentración parcelaria.

*Beneficios da concentración parceira:
Económicos: en primeiro lugar o agricultor diminúe o número de viaxes e gaña tempo, en segundo lugar un menor gasto de combustible por facer menos viaxes e estar mais preto da súa vivenda.
Aumento da superficie cultivable: por disminución dos ribazos e lindes entre parcelas, ademais ao facer os camiños máis rectos gañan espazos antes inútiles.
As obras levan consigo unha mellora xeral das infraestruturas do lugar e polo tanto todos os beneficios que diso se derivan.
*Prexuízos da concentración parceira:
Custo económico:  o proceso é moi longo, perfectamente dez anos dende o inicio ata a toma de posesión, a entrega das escrituras aínda leva máis tempo, ademais, este longo tempo leva a certa paralización na explotación agrícola da zona. Finalmente, é moi conflictiva dende un punto de vista social.
Custo ambiental: a desaparición de marxes, ribazos, e espazos "perdidos" vai en contra da flora e fauna que neles habita. En segundo lugar, o maior rendemento que se obtén unha vez finaliza o proceso, con frecuencia débese a un maior uso de productos químicos.
*E por último, o maior prexuízo para todos os que levamos a Millares no corazón, a desaparición daquelas árbores que nos deron a súa sombra no verán e nos resgardaron da chuvia, que viron nacer e morrer a xeracións de veciños, testemuños mudos da historia da nosa aldea.
A destrución desas corredoiras, miles de veces percorridas polos veciños durante séculos, ¡que secretos gardarian!, desas paredes de pedra que tanto traballo deberon supoñer para os que as levantaron fai xa tanto tempo... os nomes dos prados, todas esas imaxes e recordos que nos acompañaran sempre.
Pero deixando a un lado sentimentalismos, darémolo por bo, se iso contribúe a garantir o futuro da nosa aldea.

Ano 2005

Ano 2010

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...