Amosando publicacións coa etiqueta árbores. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta árbores. Amosar todas as publicacións

18 de xul. de 2017

A pena do allo



Chamase Pena do Allo a unha rocha e ao monte que hai arredor dela, petencente á nosa parroquia. Está cuberta cse totalmente de briófitas.
Situase cerca da nosa aldea próxima ó camiño antigo que ía de Millares á parroquia de Cubilledo.


Que allo lle da nome á rocha e o lugar circundante?. Investigamos e por alí hai tres especies vexetais silvestres que teñen un bulbo subterráneo: Romulea bulbocodium, Hyacinthoides non-scripta e Narcissus triandrus, pero o que realmente abunda é unha planta con follas longas e flores brancas parecidas ás dos allos que se botan na horta (Allium sativum).

A Pena do Allo, uces, toxos, carqueixos e piñeiros.

Supoñemos que este allo silvestre de nombre científico Simenthis planifolia é o que da nome a este sitio. De feito nesa pena hai algún allo, parece que o enigma está resolto.
Ata a década dos anos 1980 pola Pena do Allo pastoreaban as cabras, e antes tamén se ten botado cereal, ou collíanse toxos ou facíase carbón vexetal.


Hoxe hai corzos, algún xabaril, piñeiros e moita abundancia de uz, carqueixa e toxo.



6 de xan. de 2016

A Medorra das Campas

Este lugar é un dos marcos que hai entre a nosa parroquia e a de Fonteo. 


Situación aproximada: 43º4'19,10''N 7º15'19,07'' a 744 m de altitude.
Por que se chama así? Cando se construiría? Esta medorra aparece citada como límite en documentos hai centos de anos.


Hoxe a uz negra, os toxos e as carqueixas tapan esta construción en forma cónica feita con pedras e terra.




Habería orixinariamente un enterramento prehistórico nela?
É un túmulo relacionado cunha forma de reivindicación de dereitos sobre a terra na que está?
MedorrasSepulcros da época megalítica, características do Neolítico no noroeste ibérico.


As campas: As campas son o plural de campa, lugar onde medra espontaneamente a herba. Próxima á medorra hai unha zona do monte chamada As Campas, onde pastaba o gando dos veciños da parroquia.

23 de out. de 2012

As castañas

A castaña ten unha maña,
Que se vai con quen a apaña.


O outono é a época das castañas, a finais do mes de outubro empezan a pingar as primeiras castañas por Millares.
Hoxe en día é frecuente que as castañas caian e se perdan no chan, pero non sempre foi así, noutros tempos se de algo se podía fartar o estómago, era de castañas, que moita fame teñen sacado a moitos mortais. 
Así o dí a adiviñanza: unha cousiña, cousa/ criada no monte/ enxoita na casa/ que se come sen taxa. 
Hai uns anos que era común que a cea da casa labrega fora a base de caldo e castañas asadas, ou cocidas e con leite. 
Había ditos como: os nenos non poden comer castañas crúas, se non queren que lles saian pollos na cabeza. Sería porque os rapaces gustan de “ir ó lance”, roubar froita así sexa verde como a ferraña. Eran tabús inventados pola xente maior, para impedir a pillaxe.


Incluso da castaña inventábanse xogos:
As melindrainas…
-Abre o puño e damas.
-Sobre cantas?
-Sobre dúas, tres...
(se acerta cólleas) se non acertou, recibe tantas como da conta falten ou sobren.

Nos xogos infantís personifícase a castaña:
-Cómo te chamas?
-Come castañas
-Eu cómoas e tí apáñalas
-E de apelido?
-O caldo cocido.

A veces tamén había o xogo do foio, a quen meta unha castaña na foia ou burato feito na terra.


 Refráns:
A castaña, en agosto arder e en setembro beber.
En ano de orizos, non fagas cainzos.
Con castañas e viño, xa se anda o camiño.
Polo San Martiño castañas e viño.


 Dito:
Canta roliña, rola
Canta naquel souto;
Pobre de quen espera
Polo que está na mau doutro.


 O magosto
No mes de novembro, a castaña recupera a importancia que o millo e a pataca lle arrebataron nas cociñas galegas hai varios séculos.
A tarde do primeiro de novembro, véspera dos defuntos é a propia do magosto. Hai moitos anos as rapazas e rapaces facían o magosto. Ían ó souto e apilaban no chan as castañas, sobre elas poñían leña e préndíanlle lume para asalas mentras bailaban. Logo cómenas e beben viño e acaba o magosto. 


Ben-Cho-Shey di que os magostos son as fogueiras outonáis celebrando a recolleita dos froitos; destes o máis enxebre, as castañas. Unha festa no ciclo vital agrario dos nosos devanceiros, no plenilunio outonal. O feito de estar o magosto tan relacionado con certas festas relixiosas como son a de Tódolos santos e San Martiño, dan pé para sospeitar que en tempos anteriores ó cristianismo, formaría parte de certos ritos agrarios e druídico-relixiosos.


Segundo crenzas antigas, a castaña era como un símbolo da ánima dos defuntos.
Tradicionalmente, outono, castaña e defuntos, aparecen asociados na festa dos magostos.
Enténdese que cada castaña comida, é unha alma liberada do purgatorio, dise tamén que despois da festa, as almas viñan a quentarse nas brasas das fogueiras, polo que cumpría deixar algo de castañas para a parroquia dos mortos.

Por San Martiño faise o magosto,
con castañas asadas e viño ou mosto.

Oriceira


19 de xul. de 2012

Freixido



Dicía o escritor e etnólogo maliense Amadou Hampâté Bâ “cando un ancián morre, toda unha biblioteca desaparece”. Conscientes de que de cada ancián só hai un único exemplar, antes de que a tradición oral dos nosos maiores quede abocada ao abismo sen fondo do tempo, preguntamos por nomes de lugares en Freixido para transmitilos a futuras xeracións.


Freixido é un territorio da parroquia, onde entre outros, teñen fincas veciños de Millares. Hai uns anos nesta zona había moita actividade humana, aproveitábanse tódolos recursos naturais: facíase carbón, botábase pan, íase por leña e madeira, pastaba o gando, collíase estrume, cazábase, etc. A maioría desta actividade económica desapareceu a partir dos anos 1960 por diversos factores.


O nome de Freixido indica “zona de freixos”. Ten unha superficie dunhas 140 hectáreas. A altitude mínima é 620m e a máxima 930m. Este espazo ten dúas zonas diferenciadas: na arborada dominan os carballos, abidueiras, piñeiros, acevros, pradairos, freixos, amieiros e eucaliptos e no monte baixo a maioría son: uces, toxos, fentos, xestas e carqueixa. En canto á fauna a maioría dos rastros vistos son de xabaril e corzo.


Algúns nomes de lugares deste espazo son: O Retorno, As Trémoras, O rego da Abidueira, A Valiña de Baixo, O Valin Dauga, Os Cortellos, O Acevral, Os Cabeceiros do Acevral, A Fonte dos Cazadores, A Rega do Arco, O Valín do Leite, A Armada das Cordas, A Biega da Vella, A Travesa, O Tesouro, As Lamelas, Os Penallos, O Pirixil, A Costa de Carballo Gordo, A Valiña de Riba, A Pena Cerrada, O Teso da Loba.
Coñecedes outros nomes?


Curiosidades:
No Retorno había unha campa e revolvían os carros alí. Era onde cargaban a leña.
No fondo do rego da Biega da Vella hai unha pena grande onde facían o niño as aves.
Na Costa de Carballo Gordo hai unha subida no camiño e custáballes subir ás vacas co carro cargado. Había que subir media carga e logo volver polo resto.




Pan, preto do Teso da Loba

17 de abr. de 2012

O loureiro

O loureiro forma parte da nosa paisaxe, en Millares podemos encontralo nos montes, nas eiras e mesmo nos xardíns, e aparece como suxeito principal en numerosas cancións, lendas e contos de tradición oral, como a seguinte canción antiga:


Desgraciado do loureiro
que está a beira do camiño
cada persoa que pasa
tíralle ou seu ramalliño.

Esta canción alude á gran cantidade de usos que ten o loureiro.
Ademais sobre o loureiro existe un dito antigo de que quen planta un loureiro nunca o verá crecer, aludindo ao lento crecemento da planta, aínda que  na cultura popular alude á morte de quen o planta.
Na cultura popular galega, o loureiro ten tres grandes aplicacións: como planta medicinal, como condimento e como protector contra as tormentas, os males de ollo e outras desgracias.
Esta é a aplicación que nos interesa neste articulo.


O LOUREIRO PROTECTOR:
Esta planta está dedicada ao deus Apolo, os emperadores coroábanse cunha coroa de loureiro, de feito o loureiro é un árbore de folla perenne que nunca seca, o que o converte en símbolo de supervivencia.
Quizais sexa consecuencia desta crenza, o costume de colocar no máis alto dunha casa recén construída un ramo de loureiro como protección e sorte para a casa e os seus moradores.
Tamén se cría que onde crecía un loureiro non caería  un raio, ata que se prohibiu o costume de plantar loureiros arredor das casas polo risco de incendio.
Ao mellor por iso, é un costume xeral colgar ramas de loureiro nas casas e nas cortes para protexerse de calquera enfermidade ou desgracia para as persoas ou os animais, ou queimar follas de loureiro bendito o domingo de Ramos durante as tormentas para conxurar ao raio.
Pensábase que o fume de loureiro é protector contra as malas presenzas, cando algún campesiño galego sospeitaba que algo malo entrara na súa casa, queimaba ramas de loureiro e exparexía o fume na casa ou na corte.
O loureiro úsase dende sempre para protexerse do mal de ollo, nalgunhas zonas de Ourense colocaban ao lado dos cadáveres, no velorio, un recipiente con auga bendita e unha rama de loureiro para protexer os visitantes do aire de defunto, outro costume era a de pasar a roupa por enriba do lume ao regresar do velorio, para purificarse, no lume queimaránse follas de loureiro.
Outros dos seus usos era como protector para o gando, ao que se ataba ao colo un ramo de loureiro bendito.
USOS.
O loureiro é cultivado nos xardíns coma árbore ornamental, as súas follas úsanse como condimento, se usan tamén en certos preparados farmacéuticos (para a reuma, o estómago...), en veterinaria utilízase contra os parasitos dos animais domesticos.
A súa madeira é usada en marquetaría, exhala unha agradable olor, ademais é unha madeira bastante dura.

Folla seca de loureiro

CULTIVO:
Pódese cultivar tanto por sementes coma por gallos de raíz ou de talo, en canto ao cultivo por sementes estas deben recollerse en zonas onde existan loureiros dos dous sexos, debendo recollerse só os froitos que están na planta e non os caídos no chan, porque estes xa adoitan estar fermentados, a inmersión das sementes na auga acelera a xerminación.
O loureiro é unha planta pouco esixente no que a chans se refiere, só require que sexan chans húmidos, soporta moi ben a poda, pero é sensible aos parásitos.

Flor do loureiro

Fruto do loureiro

TRADICIÓN:
En Galicia, en semana santa, adóitanse levar ramos de loureiro á igrexa, o Domingo de Ramos, para bendicilos, lévanse por tradición, é un costume, mesmo ás veces hai competencia para ver quen leva o ramo máis grande.

Ramo de loureiro para bendicir

***Propiedades do loureiro

30 de xan. de 2012

Culto as árbores en Galicia

O carballo é común en toda Galicia, pero é unha especie que está en continua regresión, xa que está a ser substituída pouco a pouco polos piñeiros e os eucaliptos, que teñen un crecemento máis rápido.
Castiñeiro no Candal, Millares

Entre os pobos celtas, a árbore sagrada era o carballo, e deles procede a tradición de adornar unha árbore en Nadal, como o carballo perde as súas follas no inverno e parece morto, os celtas e outros pobos centro europeos, ofrendábanlle froitos para que revivise, e con el toda a natureza.
As árbores foron obxecto de superstición en toda Galicia e de entre todos eles o carballo:
Os romanos chamaban aos carballos Lucus, que é o mesmo nome que deron á cidade de Lugo, isto fainos pensar que en Lugo puido haber un bosque sagrado ou algún lugar similar.
O carballo foi no seu día adorado como pai dos deuses e dos homes, é a árbores sagrado dos galegos e representa o sÍmbolo da fortaleza e curación, para lograr calquera destas dúas cualidades, a sabedoría popular recomenda sentarse baixo as súas ramas.
-para curar as hernias dos nenos, faise unha fenda nun carballo novo, e os padriños fan pasar á criatura pola fenda, ponse o padriño dun lado e a madriña do outro, tres veces pásalle o neno o padrino á madriña e outras tantas devólvello esta a aquel repetindo estas palabras:

Doucho quebrado
dácamo sano

Despois xúntanse as  partes separadas da árbore, átanse fortemente pero con coidado e se a árbore se pecha, o neno cúrase, se non, seguirá herniado.
-para curar as malas posturas (tortícole, lumbago etc.) recoméndase pasar por entre dous carballos que nacesen xuntos e que se tivesen separado para xuntarse outra vez máis arriba.

Millares

A sombra das árbores tamén ten virtudes diferentes:
-din que a sombra do castaño e a da nogueira son malas para as persoas e as plantas, en cambio a do carballo e a do eucalipto son boas, á parte da nogueira e do castaño teñen este carácter nocivo a figueira e o ciprés dos cemiterios.
Árbores que teñen un efecto purificador:
-os carballos presentan esta virtude, ademais de ser sagrados, como xa se dixo con anterioridade, unha lenda galega di que no seu interior escóndense "as pedras do raio", (antigamente  pensábase que os carballos eran pedras que se formaban no interior da terra ao caer o raio, saíndo posteriormente á superficie convertidos en árbores).

Carballeira 

Carballeira nova en Millares

Carballo en Millares

No Candal, Millares


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...