Amosando publicacións coa etiqueta turismo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta turismo. Amosar todas as publicacións

28 de feb. de 2018

Cruceiros

Cruceiro na Braña

Os cruceiros son unha das máis características e orixinais manifestacións da arquitectura popular galega, son cruces de pedra que aparecen normalmente nos atrios das igrexas, nas entradas aos cemiterios, nas encrucilladas de camiños para protección dos camiñantes e santificando espazos relacionados con crenzas pagans que son cristianizados co propio cruceiro.
Neste sentido algúns autores datan a orixe dos cruceiros nos menhires prehistóricos que logo se cristianizaron añadiendoles a cruz.
A construcción do cruceiro faise en pedra e está formado por cinco partes básicas:
Plataforma, bancadas-gradas ou parte inferior.
Pedestal, base onde se apoia a columna.
Varal, columna ou fuste, ás veces con peanas ou seccións e peanas.
Cruz, onde adoita haber unha representación da Crucifixión ou da Piedade.



PLATAFORMA
É un asento graduado e caracteriza o "calvario"
PEDESTAL
Non é totalmente unha base da columna, senón o resto do monolíto en que se colocaban as primeiras cruces dos camiños. Algunhas veces pódense ver talladas nel a caveira, soa ou en compañia da serpe (morte e pecado)
Algúns cruceiros dependentes de igrexas o santuarios, teñen ao pé da plataforma unha mesa de pedra na que se pousan os santos nas procesións.
VARAL
É a columna da Cruz, case sempre cilindrica ou octogonal. No varal é fácil ver esculpidos caveiras, serpes, píntegas e outras figuras simbólicas, tamén santos e a representación do paraiso terreal co pecado orixinal.
CAPITEL
Vai encima da columna, a maioría son jónicos, con volutas aos lados saíndo dun ramo de frores, tamén abundan os circulares e cuadrangulares. Superpostos adoita haber motivos simbólicos que concordan coas figuras da Cruz.
No lado da crucifixión adoítase representar unha caveira e no lado da virxe un sol, no capitel é onde se colocaban farois de aceite para iluminar o cruceiro. Esta costume aínda consérvase nalgunhas vilas pequenas e aldeas.
CRUZ
É a parte principal do cruceiro, no anverso móstrase o suplicio de Jesús e no reverso a dor de María. A cruz tardó en mostrarse como crucifixo xa que os antigos cristiáns non concebian unha relixión fundada por un Deus ajusticiado polos homes.
Pasaron varios séculos para que o signo da cruz representada nas catacumbas deixase de ser un simple adorno para converterse no símbolo fundamental do cristianismo.
Co triunfo do dogma da Encarnación tras as primeiras controversias teolóxicas, o crucifixo faise paso como obxecto de culto público. O primeiro crucifixo esculpido en pedra aparece nas cruces celta-britanicas no século VII.

Cruceiro nun camiño en Castroverde

Os primitivos cruceiros galegos de tipo gótico, son simples copias en pedra das cruces procesionais de metal, non será ata o século XVII cando o cruceiro galego chegou a ser tal e aparece no reverso da cruz a Virxe das Angustias e establécese un equilibrio entre a dor do Fillo e a dor da Nai.
É costume tamén expresar a dobre natureza de Jesús mediante o sol e a lúa (divina con luz propia e humana con luz reflectida).
É difícil atopar en Galiza as tres cruces do calvario, frecuentes en Bretaña, con todo partindo dos tipos comúns do cruceiro existen algúns calvairos feitos na mesma pedra.
Os cruceiros adoitanse situar xeralmente nos recintos da igrexa e nas cruces de camiñós sendo esta última a mais habitual, tamén pódense atopar no interior dos cemiterios e algúns nun camiño.
Os motivos da súa construcción son diversos, pero predomina o motivo da devoción, tamén se constrúen cruceiros por ofrecemento ou para que roguen pola alma de quen o construiú.
O cruceiro serve tamén como indicador dun lugar especial de culto ou un espazo sacro cunha enerxía especial. Serve tamén o cruceiro como protección do viandante nunha encrucillada de camiños.
Nalgúns cruceiros é costume o seu uso como parada tradicional en procesións ou enterros.
Tamén pervive o seu uso como viacrucis e a tradición de colocar flores ou velas. Outras tradicións están menos arraigadas como é o uso curativo de enfermidades ou "mal de ollo". As lendas din que a Santa Compaña acode aos cruces de camiños onde non hai cruceiros.

18 de set. de 2017

Pallazas en Millares

Pallaza en Balouta

É posible que hai uns 300 anos aínda houbese pallazas na nosa aldea. 
Pois nun documento dunha partilla de bens do ano 1711, aparecen mencionadas na aldea veciña de Abrairas. Unha pallaza ou palloza é unha casa de planta oval ou redonda, que está feita de pedra, madeira e cuberta de palla. No escrito tamén se lé que as pallazas eran divididas nas partillas.


Hoxe só se conservan algunhas na comarca dos Ancares.
A última construción cuberta con palla en Millares debeu ser o hórreo de Brañas pola década de 1980.

Hórreo cuberto con palla, casa Brañas, Millares

As pallozas son a evolución das vivendas dos castros galegos. A palloza fixo perdurar ao longo do tempo o reflexo das vellas cabanas celtas. Foron os informantes romanos (Estrabón, Pomponio Mela, Plinio e Lucio Anneo) os primeiros en transmitirnos textos descritivos da Galiza daquela época e dos seus habitantes aos que chamaron celtici ou keltikoi, é dicir, célticos.
A actual presenza nalgúns países europeos de elementais tipos de construcións de cubertas vexetais (as casas de turba de Islandia, algunhas tipoloxías da edificación rural en Bretaña ou Irlanda,...) fai chegar á actualidade unha arquitectura que, partindo das long-houses viquingas, ou das cruck houses inglesas, foi a base das construcións atlánticas durante boa parte da Idade Media. Pero en ningún ámbito se poderá atopar unha arquitectura na que se poida seguir a evolución histórica das súas edificacións como no País Galego.

18 de xul. de 2017

A pena do allo



Chamase Pena do Allo a unha rocha e ao monte que hai arredor dela, petencente á nosa parroquia. Está cuberta cse totalmente de briófitas.
Situase cerca da nosa aldea próxima ó camiño antigo que ía de Millares á parroquia de Cubilledo.


Que allo lle da nome á rocha e o lugar circundante?. Investigamos e por alí hai tres especies vexetais silvestres que teñen un bulbo subterráneo: Romulea bulbocodium, Hyacinthoides non-scripta e Narcissus triandrus, pero o que realmente abunda é unha planta con follas longas e flores brancas parecidas ás dos allos que se botan na horta (Allium sativum).

A Pena do Allo, uces, toxos, carqueixos e piñeiros.

Supoñemos que este allo silvestre de nombre científico Simenthis planifolia é o que da nome a este sitio. De feito nesa pena hai algún allo, parece que o enigma está resolto.
Ata a década dos anos 1980 pola Pena do Allo pastoreaban as cabras, e antes tamén se ten botado cereal, ou collíanse toxos ou facíase carbón vexetal.


Hoxe hai corzos, algún xabaril, piñeiros e moita abundancia de uz, carqueixa e toxo.



30 de xul. de 2015

Parroquia minguada


O PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) do concello de Baleira quítalle máis de 200 hectáreas de superficie á nosa parroquia. 
Fixándonos no plano que tiveron exposto, axiña nos decatamos que a liña trazada de límite parroquial pouco se parece ao linde real. 
Xa estaba mal delimitada nas normas subsidiarias de planeamento do ano
1983 e segue mal.


Segundo os medios de comunicación este PXOM ten varias deficiencias pois recibiu máis de 150 alegacións.
E volvendo á nosa parroquia, hai documentos de varios séculos onde indican os marcos reais da freguesía.
Empezando na Rea de Penas e no sentido das agullas do reloxo son:
A Rea de Penas, As Valiñas, O Alledo, Fonte do Salgueirín,  Carballo Verrugoso, Penedo Franxón, Pena dos Sete Pastores, Lagoa de Seoane, Pena Cerrada, Pena Edrada, Pouso de Abaixo, Pena do Allo, Medorra das Campas, A Arqueira, O Latedo, O Val do Souto, Fonte das Lestas, Chao da Cabana, Miradoiro, A Lagoa e A Rea de Penas.





11 de set. de 2012

San Miguel

Neste mes de setembro celébrase a festividade de San Miguel, a el está dedicada a nosa igrexa parroquial.
Había moitos anos que non se celebraba ese día na parroquia, segundo oímos uns 18 anos, pero este ano, aproveitando que o día 29 de setembro cae en sábado, (e que a xuventude da parroquia se animou), vaise celebrar a festa, cousa que nos alegra.
Tanto os veciños de Millares, coma os de Abrairas e A Braña, gozarán dun día de festa en honor ao seu patrón, San Miguel.



A nosa igrexa parroquial sitúase en A Braña dende antes do século XVIII, áchase no camiño Real de Castela a Mondoñedo, anteriormente achábase na Requeixada.


A igrexa ten planta rectangular, e nun lateral está pegada a sancristía, xunto a ela encóntrase o cemiterio da parroquia.


Só consérvase un retablo, de estilo barroco.



As imaxes de San Miguel e da Virxe dos Dores que se conservan na igrexa, son obra do escultor Bonifacio Castro Seoane, que viviu en Millares, na casa de Peña.



Pila bautismal na que terán sido bautizados case todos os veciños da parroquia.

Artesoado
A gozar da festa!!

19 de xul. de 2012

Freixido



Dicía o escritor e etnólogo maliense Amadou Hampâté Bâ “cando un ancián morre, toda unha biblioteca desaparece”. Conscientes de que de cada ancián só hai un único exemplar, antes de que a tradición oral dos nosos maiores quede abocada ao abismo sen fondo do tempo, preguntamos por nomes de lugares en Freixido para transmitilos a futuras xeracións.


Freixido é un territorio da parroquia, onde entre outros, teñen fincas veciños de Millares. Hai uns anos nesta zona había moita actividade humana, aproveitábanse tódolos recursos naturais: facíase carbón, botábase pan, íase por leña e madeira, pastaba o gando, collíase estrume, cazábase, etc. A maioría desta actividade económica desapareceu a partir dos anos 1960 por diversos factores.


O nome de Freixido indica “zona de freixos”. Ten unha superficie dunhas 140 hectáreas. A altitude mínima é 620m e a máxima 930m. Este espazo ten dúas zonas diferenciadas: na arborada dominan os carballos, abidueiras, piñeiros, acevros, pradairos, freixos, amieiros e eucaliptos e no monte baixo a maioría son: uces, toxos, fentos, xestas e carqueixa. En canto á fauna a maioría dos rastros vistos son de xabaril e corzo.


Algúns nomes de lugares deste espazo son: O Retorno, As Trémoras, O rego da Abidueira, A Valiña de Baixo, O Valin Dauga, Os Cortellos, O Acevral, Os Cabeceiros do Acevral, A Fonte dos Cazadores, A Rega do Arco, O Valín do Leite, A Armada das Cordas, A Biega da Vella, A Travesa, O Tesouro, As Lamelas, Os Penallos, O Pirixil, A Costa de Carballo Gordo, A Valiña de Riba, A Pena Cerrada, O Teso da Loba.
Coñecedes outros nomes?


Curiosidades:
No Retorno había unha campa e revolvían os carros alí. Era onde cargaban a leña.
No fondo do rego da Biega da Vella hai unha pena grande onde facían o niño as aves.
Na Costa de Carballo Gordo hai unha subida no camiño e custáballes subir ás vacas co carro cargado. Había que subir media carga e logo volver polo resto.




Pan, preto do Teso da Loba

23 de xan. de 2012

A Marronda

A Marronda no outono

Que non sabes que facer o próximo fin de semana? pois dá unha volta por unha das paraxes máis belas da provincia de Lugo, A Marronda.
Cunha extensión de 1239 Ha. é unha das máis importantes reservas de faias  do sur de Europa, nela podes encontrar gran variedade de especies tanto vexetais como animais.
Flora: nesta fraga conviven máis de 170 especies de árbores e arbustos, castiñeiros, carballos, chopos, bidueiros, abeleiras, cancereiros, salgueiros, plátanos, uz, hedra, madreselva, xestas, acivros, mofo e moitas máis.
Os amantes da ornitoloxía poderán gozar dunha gran variedade de aves como o azor, o gabián, xirín, ferreiriño azul, ferreiriño negro, etc.
Posúe tamén unha interesante fauna de mamiferos como o desman dos Pirineos, leirón, musaraña, esquío, marta, denociña, armiño, xeneta, gato montes ou lobo.           

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...