Amosando publicacións coa etiqueta flores. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta flores. Amosar todas as publicacións

31 de out. de 2017

Samaín

O Samaín (Samhain), foi a celebración máis importante do calendario celta, Samaín significa etimoloxicamente "final do verán", representaba o ritual da última colleita e o regreso dos rabaños aos cortes.
O mundo celta, asociaba a noite de Samaín co momento en que o "sidh", o outro mundo celta, se abría aos vivos, por iso, esta celebración era o momento idóneo para render culto aos antecesores falecidos.



Ao longo da noite do Samaín, as almas volvían camiñar sobre a terra, os espíritos dos familiares eran benvidos e preparábanse alimentos para eles, pero non obstante, os espiritos malignos debían ser escorrentados, polo que os celtas, introducían velas no interior das caveiras dos inimigos derrotados e colocábanas nos cruzamentos dos camiños e nos castros.
Outros estudos, revelan que os celtas, ahuecaban nabos e no seu interior poñían carbón ardente para iluminar o camiño de regreso ao mundo dos vivos aos espíritos dos seus familiares, e de paso protexíanse dos malos espíritos.


Roda do ano celta

Coa imposición da nova relixión -o cristianismo- a festa pagá do Samaín, cristianizouse e comenzou a coñocerse como o día de "todos os santos", cuxa traducción en ingles é "All Hallow´s Eve" de aí a expresión actual de Halloween.
A pesar de todos os esforzos levados a cabo pola igrexa católica, algúns pobos de orixe celta, sobre todo os irlandeses, seguiron celebrando a tradición festiva da noite de Samaín, o 31 de outubro, dende o ano 100 d.C.
En Galiza, esta festa levaba unhas décadas esquecida, pero nos últimos anos estase a volver recuperar grazas ao traballo realizado nas escolas e en varios concellos.

18 de xul. de 2017

A pena do allo



Chamase Pena do Allo a unha rocha e ao monte que hai arredor dela, petencente á nosa parroquia. Está cuberta cse totalmente de briófitas.
Situase cerca da nosa aldea próxima ó camiño antigo que ía de Millares á parroquia de Cubilledo.


Que allo lle da nome á rocha e o lugar circundante?. Investigamos e por alí hai tres especies vexetais silvestres que teñen un bulbo subterráneo: Romulea bulbocodium, Hyacinthoides non-scripta e Narcissus triandrus, pero o que realmente abunda é unha planta con follas longas e flores brancas parecidas ás dos allos que se botan na horta (Allium sativum).

A Pena do Allo, uces, toxos, carqueixos e piñeiros.

Supoñemos que este allo silvestre de nombre científico Simenthis planifolia é o que da nome a este sitio. De feito nesa pena hai algún allo, parece que o enigma está resolto.
Ata a década dos anos 1980 pola Pena do Allo pastoreaban as cabras, e antes tamén se ten botado cereal, ou collíanse toxos ou facíase carbón vexetal.


Hoxe hai corzos, algún xabaril, piñeiros e moita abundancia de uz, carqueixa e toxo.



6 de xan. de 2016

A Medorra das Campas

Este lugar é un dos marcos que hai entre a nosa parroquia e a de Fonteo. 


Situación aproximada: 43º4'19,10''N 7º15'19,07'' a 744 m de altitude.
Por que se chama así? Cando se construiría? Esta medorra aparece citada como límite en documentos hai centos de anos.


Hoxe a uz negra, os toxos e as carqueixas tapan esta construción en forma cónica feita con pedras e terra.




Habería orixinariamente un enterramento prehistórico nela?
É un túmulo relacionado cunha forma de reivindicación de dereitos sobre a terra na que está?
MedorrasSepulcros da época megalítica, características do Neolítico no noroeste ibérico.


As campas: As campas son o plural de campa, lugar onde medra espontaneamente a herba. Próxima á medorra hai unha zona do monte chamada As Campas, onde pastaba o gando dos veciños da parroquia.

25 de mar. de 2015

A carqueixa

Dende os albores da humanidade, o home utilizou as plantas a xeito de medicina, para curar todo tipo de doenzas.
A medicina popular desenvolveuse, durante séculos, pola observación empírica e mantívose de xeración en xeración, pola tradición oral.
A carqueixa (Pterospartum tridentatum, Genista tridentatum) é unha planta moi típica de Galicia, tamén se localiza en Portugal e no resto da metade occidental da Península Ibérica e no norte de Marrocos.



Nunha sociedade eminentemente rural a carqueixa era moi apreciada e empregada en multitude de aplicacións, tanto medicinais, como practicas: para acender o lume ou quentar o forno, para conservar os chourizos que tras o afumado se depositaban sobre carqueixas ou en aceite, como alimento do gando ou, xa seca, a xeito de estropallo, para limpar o chan, a madeira, os potes de ferro e a louza, por isto último en moitos lugares aínda lla coñece como lavacuncas.


Cando a carqueixa está tenra, as ovellas consúmena con fruición. Usouse tradicionalmente como cama para o gando así como estrumbo, ramaxe que se bota ao chan dos currais para que as vacas, ovellas e demais animais non pisen o barro e os charcos e que ao final se recolle como aboamento.
Crece sobre chans silíceos e pobres dende o nivel do mar ata os 1800 m. Non tolera a aridez, non soporta a sombra nin chans secos. É indicador de chans ácidos e moi pobres en nitróxeno. Críase nos chans sen cal.
É unha planta moi pirófita, que rexermola con facilidade despois dos incendios.
Nomes:
España: Carqueixa (Galiza e Asturias), Torogordo, Lavacuncas, Engordatoro, Chamosquina, Craqueja, Carquesia, Carquesa, Carqueja.
Portugal: Carqueja, Carqueijeira.

Usos medicinais:
Os baños do seu cocemento, xerais ou parciais, son contra a gota, reumas, perlesía, caídas.
Empregouse como medicinal, en moi diversas formas; como xarope para purificar o sangue e como diurético contra a gota. As súas flores empregáronse tamén para combater os catarros e bronquitis.
Purifica o sangue, os malos humores, evita apostémalas e os malos resultados dos golpes ou caídas bañando a parte mancada co xugo e bebendo algúns tragos do mesmo ou da flor que adoita habela nalgunhas boticas.
O seu olor é agradable e o sabor nada repugnante. Para beber cócese como o té e bótaselle algo de azucre. Cando o gando vacún se chea, con só comela, quítalle a inapetencia e fastío.

19 de xul. de 2012

Freixido



Dicía o escritor e etnólogo maliense Amadou Hampâté Bâ “cando un ancián morre, toda unha biblioteca desaparece”. Conscientes de que de cada ancián só hai un único exemplar, antes de que a tradición oral dos nosos maiores quede abocada ao abismo sen fondo do tempo, preguntamos por nomes de lugares en Freixido para transmitilos a futuras xeracións.


Freixido é un territorio da parroquia, onde entre outros, teñen fincas veciños de Millares. Hai uns anos nesta zona había moita actividade humana, aproveitábanse tódolos recursos naturais: facíase carbón, botábase pan, íase por leña e madeira, pastaba o gando, collíase estrume, cazábase, etc. A maioría desta actividade económica desapareceu a partir dos anos 1960 por diversos factores.


O nome de Freixido indica “zona de freixos”. Ten unha superficie dunhas 140 hectáreas. A altitude mínima é 620m e a máxima 930m. Este espazo ten dúas zonas diferenciadas: na arborada dominan os carballos, abidueiras, piñeiros, acevros, pradairos, freixos, amieiros e eucaliptos e no monte baixo a maioría son: uces, toxos, fentos, xestas e carqueixa. En canto á fauna a maioría dos rastros vistos son de xabaril e corzo.


Algúns nomes de lugares deste espazo son: O Retorno, As Trémoras, O rego da Abidueira, A Valiña de Baixo, O Valin Dauga, Os Cortellos, O Acevral, Os Cabeceiros do Acevral, A Fonte dos Cazadores, A Rega do Arco, O Valín do Leite, A Armada das Cordas, A Biega da Vella, A Travesa, O Tesouro, As Lamelas, Os Penallos, O Pirixil, A Costa de Carballo Gordo, A Valiña de Riba, A Pena Cerrada, O Teso da Loba.
Coñecedes outros nomes?


Curiosidades:
No Retorno había unha campa e revolvían os carros alí. Era onde cargaban a leña.
No fondo do rego da Biega da Vella hai unha pena grande onde facían o niño as aves.
Na Costa de Carballo Gordo hai unha subida no camiño e custáballes subir ás vacas co carro cargado. Había que subir media carga e logo volver polo resto.




Pan, preto do Teso da Loba

26 de mar. de 2012

O mel

É difícil saber con exactitude cales son as orixes da apicultura en Millares e nos pobos de arredor, o que se pode decir é que na zona existían moitas posibilidades melíferas debido á gran variedade de flora de gran valor apícola, a despensa encóntrana as abellas nas flores silvestres, principalmente no breixo, eucalipto, o toxo, a xesta, a silveira ou o castiñeiro.


Hoxe falaremos da recoleción tradicional de mel nas colmeas antigas ou trobos. Segundo datos do catastro de 1753, en Millares nesa época había 24 trobos que producían mel e cera, na nosa aldea a día de hoxe deben de quedar moi poucos exemplares das colmeas coñecidas como trobos, nós só encontramos os exemplares das fotografías.
En Galicia, chámase esmelgar a extraer o mel das colmeas, normalmente os trobos están fabricados dun madeiro baleirado de castiñeiro, en cuxo interior hai dúas cruces de madeira a 1/3 e a 2/3 da altura do trobo, adóitase colocar o trobo sobre unha pedra plana e cóbrese con outra pedra ou lousa a xeito de tapadeira.





A época de esmelgar adoita ser entre xullo e setembro, din que o mel do mes de xullo é máis liquida e de sabor máis suave, mentres que a de setembro é máis escura e espesa porque as abellas nesa época liban principalmente da flor do breixo.
Nos trobos os favos están dispostos verticalmente:


En todo o proceso de extración do mel, hai que ir botando fume para que as abellas se retiren cara ao fondo do favo, vanse cortando pouco a pouco os favos coa esmelgadoira, que é unha espátula con forma curva na punta, só débese esmelgar ata a primeira cruz, ou sexa ata 1/3 da capacidade total do trobo.



Despois vanse extraendo os favos cortados e vanse depositando nun recipiente.
Máis tarde toca o proceso de apertar ben os favos para que solten todo o mel, este é un proceso totalmente manual, por un lado sacamos o mel, que deberá ser coada un par de veces antes de ser envasada nos tarros de cristal e por outro lado nos quedará a cera que antigamente se utilizaba para facer velas, pero diso xa falaremos noutra ocasión...




"Cando chove en agosto,
chove mel e chove mosto"

"Si queres sacar mel,
sacala por San Miguel"



12 de xan. de 2012

Os toxos


Cal é a planta mais típica de Galicia?, se miramos ó noso arredor en calquera época do ano, seguro que a nosa resposta será o toxo.
O toxo é un arbusto espiñento de flores amarelas moi rechamantes que se chaman chorimas, mide entre medio metro e tres metros dependendo da variedade, as súas follas son espiñas de entre 1 e 3 centímetros.
Crese que o toxo está en flor todo o ano, pero non é así realmente, en Galicia existen tres clases de toxo:

O toxo gateño é o máis pequeno de todos, non supera os 80 cm de
altura e florece a finais do outono.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...