26 de mar. de 2012

O mel

É difícil saber con exactitude cales son as orixes da apicultura en Millares e nos pobos de arredor, o que se pode decir é que na zona existían moitas posibilidades melíferas debido á gran variedade de flora de gran valor apícola, a despensa encóntrana as abellas nas flores silvestres, principalmente no breixo, eucalipto, o toxo, a xesta, a silveira ou o castiñeiro.


Hoxe falaremos da recoleción tradicional de mel nas colmeas antigas ou trobos. Segundo datos do catastro de 1753, en Millares nesa época había 24 trobos que producían mel e cera, na nosa aldea a día de hoxe deben de quedar moi poucos exemplares das colmeas coñecidas como trobos, nós só encontramos os exemplares das fotografías.
En Galicia, chámase esmelgar a extraer o mel das colmeas, normalmente os trobos están fabricados dun madeiro baleirado de castiñeiro, en cuxo interior hai dúas cruces de madeira a 1/3 e a 2/3 da altura do trobo, adóitase colocar o trobo sobre unha pedra plana e cóbrese con outra pedra ou lousa a xeito de tapadeira.





A época de esmelgar adoita ser entre xullo e setembro, din que o mel do mes de xullo é máis liquida e de sabor máis suave, mentres que a de setembro é máis escura e espesa porque as abellas nesa época liban principalmente da flor do breixo.
Nos trobos os favos están dispostos verticalmente:


En todo o proceso de extración do mel, hai que ir botando fume para que as abellas se retiren cara ao fondo do favo, vanse cortando pouco a pouco os favos coa esmelgadoira, que é unha espátula con forma curva na punta, só débese esmelgar ata a primeira cruz, ou sexa ata 1/3 da capacidade total do trobo.



Despois vanse extraendo os favos cortados e vanse depositando nun recipiente.
Máis tarde toca o proceso de apertar ben os favos para que solten todo o mel, este é un proceso totalmente manual, por un lado sacamos o mel, que deberá ser coada un par de veces antes de ser envasada nos tarros de cristal e por outro lado nos quedará a cera que antigamente se utilizaba para facer velas, pero diso xa falaremos noutra ocasión...




"Cando chove en agosto,
chove mel e chove mosto"

"Si queres sacar mel,
sacala por San Miguel"



Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...