Amosando publicacións coa etiqueta animais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta animais. Amosar todas as publicacións

18 de xul. de 2017

A pena do allo



Chamase Pena do Allo a unha rocha e ao monte que hai arredor dela, petencente á nosa parroquia. Está cuberta cse totalmente de briófitas.
Situase cerca da nosa aldea próxima ó camiño antigo que ía de Millares á parroquia de Cubilledo.


Que allo lle da nome á rocha e o lugar circundante?. Investigamos e por alí hai tres especies vexetais silvestres que teñen un bulbo subterráneo: Romulea bulbocodium, Hyacinthoides non-scripta e Narcissus triandrus, pero o que realmente abunda é unha planta con follas longas e flores brancas parecidas ás dos allos que se botan na horta (Allium sativum).

A Pena do Allo, uces, toxos, carqueixos e piñeiros.

Supoñemos que este allo silvestre de nombre científico Simenthis planifolia é o que da nome a este sitio. De feito nesa pena hai algún allo, parece que o enigma está resolto.
Ata a década dos anos 1980 pola Pena do Allo pastoreaban as cabras, e antes tamén se ten botado cereal, ou collíanse toxos ou facíase carbón vexetal.


Hoxe hai corzos, algún xabaril, piñeiros e moita abundancia de uz, carqueixa e toxo.



31 de maio de 2017

As Regas




As Regas, é un lugar da parroquia onde levaban pastar as ovellas os nosos veciños. 
Levaban os rabaños cruzando pola Requeixada e as Canceleiras ata chegar ás Regas, na foto aérea da nos aldea do ano 1945 a máis antiga que temos, vense os camiños que atravesaban daquela pola Requeixada. Estas fotos fixéronas os estadounidenses durante a II guerra mundial nos voos de transporte militar entre Xibraltar e Francia desviándose das rutas sen que se enterara o réxime ditatorial franquista colaborador dos nazis.


Os pastores gardaban nas Regas unhas potas e cocían cachelos para merendar con outros alimentos que levaban nun fardelo da casa, a auga tíñana alí e as patacas collíanas das leiras cando pasaban para o monte coas ovellas.
Algunhas veces si se descoidaban o lobo matáballes algún animal, tamén xogaban a facer prados e leiras no chan.
Cando volvían cos rabaños do monte ao chegar á aldea xebrábanos.
O nome das Regas é un derivado de rego que alude á abundancia de canles ou regos de auga, tamén ten as acepcións de terreo pantanoso, prado con herba ou depresión do terre o entre montañas pola que flúe ou fluíu un curso de auga.


As ovellas que tiñan eran de raza "Ovella Galega" catalogada en perigo de extinción polo Real Decreto 2129/2008, de 26 de decembto, polo que se establece o Programa de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras.



Esta raza con orixe en Galiza posúe unha historia moi unida ao pobo galego, as ovellas levan entre nós dende fai 5.000 ou 6.000 anos, é dicir, dendo o neolítico. Nos poboados celtas dos castros, predominaban as ovellas fronte a o gando vacún.
No 2014 só había 4.335 exemplares.

11 de nov. de 2016

O sal



No século XIX a un veciño da nosa aldea danlle o encabezamento do sal. Nun documento os veciños da xurisdición da Baleira, danlle poder ao noso veciño para que reclame ante a monarquía polos prezos excesivos, polos elevados encabezamentos que tiñan que soportar as aldeas e por impedir a importación de sal máis barata doutros sitios. A monarquía tiña o monopolio e abusaba. 



"Na xurisdición da Valeira, e lugar de Barcia... diante de min e das testemuñas constituídas persoalmente e en Xunta plena...veciños da parroquia de santa Mariña de Librán ... veciños do couto de Vilaselle...veciños da parroquia da Fontaneira...veciños da freguesía da Lastra...veciños da parroquia de Cubilledo...veciños da Degolada...fregueses de Retizós...o cura da parroquia de san Miguel da Braña, co seus veciños Pedro Gómez, Xosé Rico...todos veciños desta mencionada xurisdición da Baleira por si e en nome dos máis
ausentes, enfermos, impedidos polas súas indisposicións físicas non puideron concorrer á solemnidade e esta sesión e pública do outorgamento desta operación...obríganse, e prestan a suficiente caución...unanimemente dixeron...de salinas no Reino e esta Provincia..outorgan todo o seu poder cumprido, canto teñen e en dereito se requira, poida máis e deba valer a...veciño do lugar de Millares..."



A importancia do sal na historia de Galiza foi moi importante debido á produción pesqueira na costa e cárnica no interior.



A posesión do sal foi disputada polos máis poderosos: primeiro os mosteiros logo a monarquía. Antigamente houbo varias salinas na Galiza. O nome da comarca do Salnés fai referencia ás salinas que houbo na beiramar da comarca. 



Hai varios restos nas costas galegas e tamén documentos medievais que fan referencia a salinas na costa lucense.
No ano 1745, Sarmiento ao relatar a súa famosa viaxe a Galiza, fai alusión ás salinas da Lanzada e Noalla, e tres anos máis tarde, en carta ao seu irmán comunícalle que Galiza "teniendo más de ciento cincuenta leguas de costas de océano y con mil sitios para salinas, le venga y necesite la sal de países extraños".


Esta estrañeza de Sarmiento polas poucas salinas de Galiza en xeral, procedía do ano 1338 cando o rei de Castilla Afonso XI decidira por Real Orden a propiedade real sobre as salinas, organizando o imposto correspondente para a súa extracción e envío a diversos lugares, iniciándose á vez o que daría no futuro a lenta desaparición das salinas de Galiza.



A actuación real foi contraria ao desenvolvemento das pesqueirías galegas que entrarán nunha fase de decadencia dende o século XVI.





22 de xul. de 2016

A pena das eguas

 



A toponimia fai parte fundamental da cultura de Galiza e en moitos casos transmítenos información relevante sobre a vida, os costumes, as crenzas etc. de épocas pasadas, contribuíndo á explicación da nosa historia e das nosas raíces.
A vinculación afectiva das persoas galegas co medio natural fica patente no poema de Rosalía Castro que comeza co verso «Adeus ríos, adeus fontes» e que contén outros como:
Miña terra, miña terra,
Terra onde m’eu criei,
Ortiña que quero tanto,
Figueiriñas que prantei.
Prados, ríos, arboredas,
....
Así pois, se deixarmos perder os nomes tradicionais das nosas aldeas, vilas e cidades estaremos a destruír a nosa propia historia e os referentes culturais da mocidade.

A pena das eguas

Eses ríos, regatos, prados ou fontes teñen todos un nome concreto e con el van ser lembrados tamén polos emigrantes, como no caso do poema rosaliano. Os topónimos sinalan o territorio, marcan límites e dannos a posesión da terra, mostrando a harmonía entre a paisaxe e a paisanaxe, entre o elemento físico e o elemento humano. Forman parte, pois, do ecosistema. Deturparmos a nosa toponimia é unha forma de rompermos o
equilibrio medioambiental.



A súa preservación, uso e estudo resultan, por tanto, importantes para comprendermos e podermos explicarnos quen somos e de onde vimos. Os nosos topónimos tradicionais, non os deturpados nin os introducidos polo franquismo (por exemplo na parroquia veciña de Montecubeiro, o nome auténtico é Vilarín e non Villarín como escriben ou din algúns), preservan a nosa identidade e ao mesmo tempo actúan como referentes dun pasado e dun presente que nos permite vivir en harmonía coa natureza.

A pena das eguas

Os documentos de reparto das herdanzas (as partillas), a pesar de estaren en castelán, aínda conservan maioritariamente os nomes auténticos, pois doutra forma non serían facilmente recoñecibles (O Searín, A Chousa do Barreiro, A Zarra, etc.). Semella que só se preserva o galego en caso de extrema necesidade.

A pena das eguas, Abrairas y Millares al fondo

Perdermos a toponimia tradicional sería como perdermos a nosa memoria histórica ou como borrarmos os datos (nome do pai e da nai, lugar de nacemento etc.) do noso billete de identidade colectivo.



Así, un topónimo da nosa parroquia como A Pena das Eguas localizado na Serra de Montouto, indícanos un sitio relacionado con eguas. A xente maior dinos que debido á forma desta pena, cando ía mal tempo, as eguas que pastaban no monte abeirábanse nela.
Ata o século pasado en Millares todas as casas tiñan eguas ou cabalos, destinados a montura e aos labores rurais. Hoxe non hai ningún.

A pena das eguas

 A cría no monte ofrecía unha vantaxe secundaria: ao comer na matogueira actuaban a modo de desborazadores naturais. A orixe do cabalo da Pura Raza Galega está na herdanza que deixaron na Galiza os celtas.
O Cabalo de Pura Raza Galega (PRG) é a denominación que recibe oficialmente unha raza de cabalos, recoñecida como raza equina autóctona de Galiza. A cor da capa é negra ou castaña, cos extremos escuros.



No ano 1999 a nosa raza estaba en perigo de extinción, só quedaban no país uns 190 exemplares. Para combater a desaparición xenética máis primaria desta raza de cabalos constituíuse en 1997 a asociación de propietarios e criadores de cabalo galego. Pouco máis tarde, elaborouse dende o goberno galego un primeiro plan de fomento, mellora e conservación do cabalo galego. A poboación no ano 2014 é de 1706 exemplares.
Uns aproveitamentos recentes da nosa raza son: actividades deportivas e de lecer, turismo ecuestre etc.

A pena das eguas

4 de abr. de 2016

As Trémoras


"As Trémoras" é un lugar da nosa parroquia. Varias veces quedou chantada nelas algunha vaca cando pastaba, e os nosos veciños tiñan que sacalas con trelos. Teñen varios metros de profundidade.


É un ecosistema húmido, onde hai plantas que ao medrar van acumulando arredor súa o materia vexetal morto que se transforma en turba. Os restos vexetais non se descompoñen rapidamente polas baixas temperaturas, a pouca concentración de osíxeno na auga e a pouca actividade biolóxica das bacterias e fungos descompoñedores.
A palabra trémora refírese a que o terreo treme ao camiñar sobre el, polas súas características inestables.


Debido á súa conservación ao longo de milleiros de anos, podemos contemplar in situ as súas peculiaridades biolóxicas e ecolóxicas con especies de seres vivos exclusivos delas.
Formadas durante miles de anos, o estudo de cilindros da trémora mediante análises de pole, dannos información por exemplo da evolución das especies vexetais ó longo do tempo na nosa parroquia.


Hai trémoras nas zonas húmidas de todo o mundo pero en moitos lugares desapareceron  debido a actividades humanas incompatibles coa súa conservación, (desecamentos, transformacións para usos agrícolas ou forestais, obtención de materia orgánica para xardinaría e combustible, etc.)

15 de nov. de 2015

As Regas



As Regas, é un lugar da parroquia onde levaban pastar as ovellas os nosos veciños. Levaban os rabaños cruzando pola Requeixada e as Canceleiras ata chegar ás Regas. 

Na foto aérea da nosa aldea do ano 1945, a máis antiga que temos, vense os camiños que atravesaban daquela pola Requeixada. Estas fotos fixéronas os estadounidenses durante a segunda guerra mundial nos voos de transporte militar entre Xibraltar e Francia desviándose das rutas sen que se enterara o réxime ditatorial franquista colaborador dos nazis.


Os pastores gardaban nas Regas unhas potas e cocían cachelos para merendar con outros alimentos que levaban nun fardelo da casa. A auga tíñana alí, e as patacas collíanas das leiras cando pasaban para o monte coas ovellas. Algunhas veces se se descoidaban, o lobo matáballes algún animal. Tamén xogaban a facer prados e leiras no chan. Cando volvían cos rabaños do monte ao chegar á aldea xebrábanos. O nome das Regas é un derivado de "rego" que alude á abundancia de canles ou regos de auga. Tamén ten as acepcións de terreo pantanoso, prado con herba ou depresión do terreo entre montañas pola que flúe ou fluíu un curso de auga.


As ovellas que tiñan eran da raza "Ovella Galega" catalogada en perigo de extinción polo Real Decreto 2129/2008, de 26 de decembro, polo que se establece o Programa de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras. Esta raza con orixe en Galiza posúe unha historia moi unida ao pobo galego. As ovellas levan entre nós dende fai 5.000 ou 6.000 anos, é dicir, dende o neolítico. Nos poboados celtas dos castros, predominaban as ovellas fronte ao gando vacún. No 2014 só había 4.335 exemplares.

26 de nov. de 2012

Explotación leiteira


Unha das actividades principais hoxe en día en Millares é a producción leiteira. Normalmente as instalacións centradas na producción de leite mediante estabulación libre constan de: nave principal, silos, fosa de zurro e palleiras.
A explotación acostuma a dividirse en vacas produtoras e secas máis as xovencas para repoñer. As vacas múxense en xeral dúas veces ó día, unha pola mañá e outra pola tarde. 


As vacas comen pensos, herba e mesturas mentras que as xovencas comen leite, penso e herba.
A nave principal pode ser de  50m de longo por 20m de ancho. Ó lado están as parideiras, sala de espera, sala de muxir (por exemplo en espiña de pescado), leitería cun tanque de leite, oficina, aseo, cuarto de máquinas onde van os equipos de vacío para muxir e os quentadores de auga para limpar as cortes.

Salas de muxir
Sala en paralelo

Sala redonda

Sala en paralelo

Sala en espiña

Por outro lado están os corredores de exercicio ó lado dos cubículos. A limpeza destes é automática, un rodo arrastra a boleira ata unha canle que vai á fosa do xurro.A manxadoira separa esta zona do corredor de alimentación. En xeral cada cubículo onde se deita cada vaca ten unhas dimensións de 2.4m x 1.2m.
Os silos son tipo trincheira de uns 30m de longo e 7m de ancho, 2.5 de alto para meter herba, millo, etc.
A fosa de zurro con capacidade para varios miles de litros, adáptase á cantidade de vacas da explotación.
Por último nas palleiras gárdanse os alimentos para o gando e a maquinaria necesaria para os traballos agrícolas.


14 de maio de 2012

Aves


Facemos este artigo a partir da seguinte canción que nos contaron en Millares:
Catro aves voadoras
son as que pasan o mar,
a anduriña e mailo cuco,
a rula e o pazpallar.

A ANDURIÑA
Hai dúas especies de anduriñas vistas por Millares, a anduriña común Hirundo rustica que fai o niño con barro e herba en vigas de madeira ou paredes e a anduriña das vilas Delichon urbica que fai o niño nos beirados das casas. As anduriñas teñen un gran sentido da orientación, sendo capaces de atoparen o seu niño do ano anterior. SABER MÁIS

Anduriña común

A veces ocupanllelos ou desfánllelos os gorrións Passer domesticus. É migrador estival que se achega nos primeiros días de marzo para amañar os niños do ano anterior ou facer uns novos. Teñen forma esférica cunha abertura no máis alto e fanos con boliñas de barro. Poñen catro ovos. A finais de agosto e primeiros de setembro reúnense para emprendela viaxe gradualmente cara ó continente africano por falta de comida (moscas, formigas, áfidos, etc.) no inverno, non do frío. Varias veces póñense nos fíos da luz.

Anduriña das Vilas

O investigador Estanislao Fernández detectou o 7 de febreiro de 2004 en catro casas de Millares 28 niños de anduriñas das vilas (12 enteiros, 3 un pouco desfeitos e 13 totalmente desfeitos).
No ano 2012 detectáronse na última semana de marzo.
Ditos:
Caga máis un boi que cen anduriñas.
Nin un dedo fai mau, nin unha anduriña fai vrau.
Se queres saber cando é abril a anduriña viracho dicir.
Anduriña que voa alta non teme que chova.

O CUCO
É unha ave solitaria que ten dúas características moi singulares: SABER MÁIS é tan lacazán que non se preocupa de facer niño, (pon o seu ovo no niño doutras aves para que o o críen), e o seu berro “cu cu”. Choca un ovo. No ano 2012 oíuse cucar en Millares polo 30 de marzo.


Cuco

Ditos
O cuco non te collerá sen almorzar.
Entre marzo e abril sae o cuco do cubil.
Canta o cuco tempo enxuito.
Cando canta o cuco ven o pan ó suco.
Se despóis de San Pedro canta o cuco, vén bon vrau.
Estar contento coma un cuco.
Ser un cuco.
Conto: unha vez o compadre do cuco chamouno prá malla. Viuse nun apuro e contestoulle: se vai sol teño que poñerme á sombra, se hai néboa teño que cucar e se chove irei praló.

A ROLA
O berro da rola Streptopelia turtur, é parecido a rrur, rrur ou "turr turr". SABER MÁIS
O niño, faino con cotiños e follas nas árbores ou en sebes mestas a pouca altura. Poñen dous ovos brancos a finais de maio ou primeiros de xuño e poden facer unha segunda posta en xullo ou agosto.


Rola

Pasan o inverno, ó sur do Sahara. A especie está a sufrir unha forte redución das súas poboación en Europa, causada polos cambios nos métodos agrícolas que provocan a escaseza das sementes das que se alimenta, pola caza, sobre todo cando cruzan o Mediterráneo durante as migracións, a destrución das sebes e o emprego de pesticidas.

O PAZPALLAR
Pouco despois do cuco vén o pazpallar Coturnix coturnix. SABER MÁIS. Nas searas fai a súa vida e cría a súa niñada. A súa voz característica, que se oe principalmente ó luscofusco, é un canto trisílabo que lle valeu o seu nome vulgar. Está ata que remata o verán e a despensa (a grá) ata agosto cando se sega. Canta a tódalas horas e por pouca luz que haxa.


Pazpallar

Fan un niño nunha pequena depresión do chan no que adoitan poñer entre 8 e 13 ovos. A carne do paspallás fíxoo obxecto de caza masiva dende tempos remotos, o que xunto coa perda dos seus hábitats e o uso masivo de pesticidas, causou unha forte diminución das súas poboacións.

23 de abr. de 2012

A armada das cordas


O nome deste lugar da parroquia situado no cume da serra entre A Marronda e Freixido, é debido a que nel, os veciños de Millares e outros da parroquia, xuntábanse para facer unha armada de cordas: estrutura feita con cordas formando unha rede. Estas cordas gardábanas dunha vez para outra nunha casa da Braña. O obxectivo era capturar animais como o xabaril ou o lobo que eran un perigo para os cultivos ou os animais dos que vivía o home. Tamén era usado para cazar cando escaseaba a carne nas casas. O procedemento  usado para que os animais foran parar á rede consistía en axotalos con cans e ruxidos feitos polos veciños dende os extremos de Freixido ata onde estaba a armada. Era unha multitude berrando, dando paus ás uces, toxos,... Logo, con sachos, picañas, gallitas e outros apeiros de labranza intentaban collelo animal. A veces podía escapar, pero era un aviso, collía medo e escapaba para outras terras.
Hoxe falaremos do lobo:

**Lobo ibérico

Nos arredores da Armada das Cordas pastaban moitas cabras, ovellas, gando vacún e cabalar polo que os lobos tiñan seguridade  para vivir e reproducirse. O lobo ataca para comer e subsistir, máis tamén por pracer. Cando varios lobos atacaban un rabaño indefenso, podían facer verdadeiras desfeitas logo de fartarse.
Cada animal reacciona de forma distinta ante o lobo.
As vacas cando hai varias, xúntanse en círculo polo cu e fan fronte ó lobo cos cornos e a testa. Se teñen crías métenas dentro. O lobo ataca ó rebaño en rolda, e o animal que se separa morrerá.
As bestas forman un círculo, xuntan a cabeza no centro e deféndense coas patas traseiras. Se teñen crías métenas no medio do círculo. A besta que quede illada non se salva.
Os burros deféndense mal, paralízanse.
As ovellas non se defenden e se se defenden o método non é moi eficaz. Xúntanse e meten a cabeza no medio unhas das outras.
A táctica do lobo é separar os rabaños ou meterse entre o mato e esperar a que o pastor e os animais estén ben tranquiliños ata que atopa a ocasión de asaltalo. Os lobos tirábanse máis ás ovellas cás cabras, pois estas podían saltar a unha árbore, subir por unha pena e deixar ó lobo con dous palmos de narices. Pero o bocado preferido eran os cabritos. Cando os castróns cheiraban ó lobo, levantaban a cabeza, berraban e golpeaban a terra cas patas e o rabaño xuntábase para protexer. Tamén nos contan que o lobo ataca de cara ó vento para que o seu cheiro non sexa detectado.
Os pastores para defenderse levaban cans que podían levar no pescozo potentes carrancas.


O lobo defendíase tendendo emboscadas, por exemplo un ía diante fuxindo do can e facía unha reviravolta brusca atacando, nese momento outro lobo que estaba escondido e ía detrás lanzábase tamén ó can.
En canto á relación do lobo co home, todos escoitamos contos dos nosos veciños de que os seguiran de noite cando volvían das festas, feiras ou outras viaxes.
Preto da Armada das cordas está o lugar chamado A Cruz da Nena, sitio no que hai restos dunha cruz de pedra, posta en recordo dunha nena da Braña que estaba de pastora e atacárona alí os lobos.

Lugar chamado Cruz da Nena

Dito
Lobo famento, non ten asento.

**Imaxe do lobo ibérico, captada por Jose Luis Rodríguez, de Avila, que lle valeu o primeiro premio no concurso de fotografía de natureza máis prestixioso do mundo, o Veolia Environment Wildlife Photographer of the Year 2008.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...