Amosando publicacións coa etiqueta rutas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta rutas. Amosar todas as publicacións

28 de feb. de 2018

Cruceiros

Cruceiro na Braña

Os cruceiros son unha das máis características e orixinais manifestacións da arquitectura popular galega, son cruces de pedra que aparecen normalmente nos atrios das igrexas, nas entradas aos cemiterios, nas encrucilladas de camiños para protección dos camiñantes e santificando espazos relacionados con crenzas pagans que son cristianizados co propio cruceiro.
Neste sentido algúns autores datan a orixe dos cruceiros nos menhires prehistóricos que logo se cristianizaron añadiendoles a cruz.
A construcción do cruceiro faise en pedra e está formado por cinco partes básicas:
Plataforma, bancadas-gradas ou parte inferior.
Pedestal, base onde se apoia a columna.
Varal, columna ou fuste, ás veces con peanas ou seccións e peanas.
Cruz, onde adoita haber unha representación da Crucifixión ou da Piedade.



PLATAFORMA
É un asento graduado e caracteriza o "calvario"
PEDESTAL
Non é totalmente unha base da columna, senón o resto do monolíto en que se colocaban as primeiras cruces dos camiños. Algunhas veces pódense ver talladas nel a caveira, soa ou en compañia da serpe (morte e pecado)
Algúns cruceiros dependentes de igrexas o santuarios, teñen ao pé da plataforma unha mesa de pedra na que se pousan os santos nas procesións.
VARAL
É a columna da Cruz, case sempre cilindrica ou octogonal. No varal é fácil ver esculpidos caveiras, serpes, píntegas e outras figuras simbólicas, tamén santos e a representación do paraiso terreal co pecado orixinal.
CAPITEL
Vai encima da columna, a maioría son jónicos, con volutas aos lados saíndo dun ramo de frores, tamén abundan os circulares e cuadrangulares. Superpostos adoita haber motivos simbólicos que concordan coas figuras da Cruz.
No lado da crucifixión adoítase representar unha caveira e no lado da virxe un sol, no capitel é onde se colocaban farois de aceite para iluminar o cruceiro. Esta costume aínda consérvase nalgunhas vilas pequenas e aldeas.
CRUZ
É a parte principal do cruceiro, no anverso móstrase o suplicio de Jesús e no reverso a dor de María. A cruz tardó en mostrarse como crucifixo xa que os antigos cristiáns non concebian unha relixión fundada por un Deus ajusticiado polos homes.
Pasaron varios séculos para que o signo da cruz representada nas catacumbas deixase de ser un simple adorno para converterse no símbolo fundamental do cristianismo.
Co triunfo do dogma da Encarnación tras as primeiras controversias teolóxicas, o crucifixo faise paso como obxecto de culto público. O primeiro crucifixo esculpido en pedra aparece nas cruces celta-britanicas no século VII.

Cruceiro nun camiño en Castroverde

Os primitivos cruceiros galegos de tipo gótico, son simples copias en pedra das cruces procesionais de metal, non será ata o século XVII cando o cruceiro galego chegou a ser tal e aparece no reverso da cruz a Virxe das Angustias e establécese un equilibrio entre a dor do Fillo e a dor da Nai.
É costume tamén expresar a dobre natureza de Jesús mediante o sol e a lúa (divina con luz propia e humana con luz reflectida).
É difícil atopar en Galiza as tres cruces do calvario, frecuentes en Bretaña, con todo partindo dos tipos comúns do cruceiro existen algúns calvairos feitos na mesma pedra.
Os cruceiros adoitanse situar xeralmente nos recintos da igrexa e nas cruces de camiñós sendo esta última a mais habitual, tamén pódense atopar no interior dos cemiterios e algúns nun camiño.
Os motivos da súa construcción son diversos, pero predomina o motivo da devoción, tamén se constrúen cruceiros por ofrecemento ou para que roguen pola alma de quen o construiú.
O cruceiro serve tamén como indicador dun lugar especial de culto ou un espazo sacro cunha enerxía especial. Serve tamén o cruceiro como protección do viandante nunha encrucillada de camiños.
Nalgúns cruceiros é costume o seu uso como parada tradicional en procesións ou enterros.
Tamén pervive o seu uso como viacrucis e a tradición de colocar flores ou velas. Outras tradicións están menos arraigadas como é o uso curativo de enfermidades ou "mal de ollo". As lendas din que a Santa Compaña acode aos cruces de camiños onde non hai cruceiros.

22 de xul. de 2016

A pena das eguas

 



A toponimia fai parte fundamental da cultura de Galiza e en moitos casos transmítenos información relevante sobre a vida, os costumes, as crenzas etc. de épocas pasadas, contribuíndo á explicación da nosa historia e das nosas raíces.
A vinculación afectiva das persoas galegas co medio natural fica patente no poema de Rosalía Castro que comeza co verso «Adeus ríos, adeus fontes» e que contén outros como:
Miña terra, miña terra,
Terra onde m’eu criei,
Ortiña que quero tanto,
Figueiriñas que prantei.
Prados, ríos, arboredas,
....
Así pois, se deixarmos perder os nomes tradicionais das nosas aldeas, vilas e cidades estaremos a destruír a nosa propia historia e os referentes culturais da mocidade.

A pena das eguas

Eses ríos, regatos, prados ou fontes teñen todos un nome concreto e con el van ser lembrados tamén polos emigrantes, como no caso do poema rosaliano. Os topónimos sinalan o territorio, marcan límites e dannos a posesión da terra, mostrando a harmonía entre a paisaxe e a paisanaxe, entre o elemento físico e o elemento humano. Forman parte, pois, do ecosistema. Deturparmos a nosa toponimia é unha forma de rompermos o
equilibrio medioambiental.



A súa preservación, uso e estudo resultan, por tanto, importantes para comprendermos e podermos explicarnos quen somos e de onde vimos. Os nosos topónimos tradicionais, non os deturpados nin os introducidos polo franquismo (por exemplo na parroquia veciña de Montecubeiro, o nome auténtico é Vilarín e non Villarín como escriben ou din algúns), preservan a nosa identidade e ao mesmo tempo actúan como referentes dun pasado e dun presente que nos permite vivir en harmonía coa natureza.

A pena das eguas

Os documentos de reparto das herdanzas (as partillas), a pesar de estaren en castelán, aínda conservan maioritariamente os nomes auténticos, pois doutra forma non serían facilmente recoñecibles (O Searín, A Chousa do Barreiro, A Zarra, etc.). Semella que só se preserva o galego en caso de extrema necesidade.

A pena das eguas, Abrairas y Millares al fondo

Perdermos a toponimia tradicional sería como perdermos a nosa memoria histórica ou como borrarmos os datos (nome do pai e da nai, lugar de nacemento etc.) do noso billete de identidade colectivo.



Así, un topónimo da nosa parroquia como A Pena das Eguas localizado na Serra de Montouto, indícanos un sitio relacionado con eguas. A xente maior dinos que debido á forma desta pena, cando ía mal tempo, as eguas que pastaban no monte abeirábanse nela.
Ata o século pasado en Millares todas as casas tiñan eguas ou cabalos, destinados a montura e aos labores rurais. Hoxe non hai ningún.

A pena das eguas

 A cría no monte ofrecía unha vantaxe secundaria: ao comer na matogueira actuaban a modo de desborazadores naturais. A orixe do cabalo da Pura Raza Galega está na herdanza que deixaron na Galiza os celtas.
O Cabalo de Pura Raza Galega (PRG) é a denominación que recibe oficialmente unha raza de cabalos, recoñecida como raza equina autóctona de Galiza. A cor da capa é negra ou castaña, cos extremos escuros.



No ano 1999 a nosa raza estaba en perigo de extinción, só quedaban no país uns 190 exemplares. Para combater a desaparición xenética máis primaria desta raza de cabalos constituíuse en 1997 a asociación de propietarios e criadores de cabalo galego. Pouco máis tarde, elaborouse dende o goberno galego un primeiro plan de fomento, mellora e conservación do cabalo galego. A poboación no ano 2014 é de 1706 exemplares.
Uns aproveitamentos recentes da nosa raza son: actividades deportivas e de lecer, turismo ecuestre etc.

A pena das eguas

6 de xan. de 2016

A Medorra das Campas

Este lugar é un dos marcos que hai entre a nosa parroquia e a de Fonteo. 


Situación aproximada: 43º4'19,10''N 7º15'19,07'' a 744 m de altitude.
Por que se chama así? Cando se construiría? Esta medorra aparece citada como límite en documentos hai centos de anos.


Hoxe a uz negra, os toxos e as carqueixas tapan esta construción en forma cónica feita con pedras e terra.




Habería orixinariamente un enterramento prehistórico nela?
É un túmulo relacionado cunha forma de reivindicación de dereitos sobre a terra na que está?
MedorrasSepulcros da época megalítica, características do Neolítico no noroeste ibérico.


As campas: As campas son o plural de campa, lugar onde medra espontaneamente a herba. Próxima á medorra hai unha zona do monte chamada As Campas, onde pastaba o gando dos veciños da parroquia.

15 de nov. de 2015

As Regas



As Regas, é un lugar da parroquia onde levaban pastar as ovellas os nosos veciños. Levaban os rabaños cruzando pola Requeixada e as Canceleiras ata chegar ás Regas. 

Na foto aérea da nosa aldea do ano 1945, a máis antiga que temos, vense os camiños que atravesaban daquela pola Requeixada. Estas fotos fixéronas os estadounidenses durante a segunda guerra mundial nos voos de transporte militar entre Xibraltar e Francia desviándose das rutas sen que se enterara o réxime ditatorial franquista colaborador dos nazis.


Os pastores gardaban nas Regas unhas potas e cocían cachelos para merendar con outros alimentos que levaban nun fardelo da casa. A auga tíñana alí, e as patacas collíanas das leiras cando pasaban para o monte coas ovellas. Algunhas veces se se descoidaban, o lobo matáballes algún animal. Tamén xogaban a facer prados e leiras no chan. Cando volvían cos rabaños do monte ao chegar á aldea xebrábanos. O nome das Regas é un derivado de "rego" que alude á abundancia de canles ou regos de auga. Tamén ten as acepcións de terreo pantanoso, prado con herba ou depresión do terreo entre montañas pola que flúe ou fluíu un curso de auga.


As ovellas que tiñan eran da raza "Ovella Galega" catalogada en perigo de extinción polo Real Decreto 2129/2008, de 26 de decembro, polo que se establece o Programa de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras. Esta raza con orixe en Galiza posúe unha historia moi unida ao pobo galego. As ovellas levan entre nós dende fai 5.000 ou 6.000 anos, é dicir, dende o neolítico. Nos poboados celtas dos castros, predominaban as ovellas fronte ao gando vacún. No 2014 só había 4.335 exemplares.

30 de xul. de 2015

Parroquia minguada


O PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) do concello de Baleira quítalle máis de 200 hectáreas de superficie á nosa parroquia. 
Fixándonos no plano que tiveron exposto, axiña nos decatamos que a liña trazada de límite parroquial pouco se parece ao linde real. 
Xa estaba mal delimitada nas normas subsidiarias de planeamento do ano
1983 e segue mal.


Segundo os medios de comunicación este PXOM ten varias deficiencias pois recibiu máis de 150 alegacións.
E volvendo á nosa parroquia, hai documentos de varios séculos onde indican os marcos reais da freguesía.
Empezando na Rea de Penas e no sentido das agullas do reloxo son:
A Rea de Penas, As Valiñas, O Alledo, Fonte do Salgueirín,  Carballo Verrugoso, Penedo Franxón, Pena dos Sete Pastores, Lagoa de Seoane, Pena Cerrada, Pena Edrada, Pouso de Abaixo, Pena do Allo, Medorra das Campas, A Arqueira, O Latedo, O Val do Souto, Fonte das Lestas, Chao da Cabana, Miradoiro, A Lagoa e A Rea de Penas.





19 de xul. de 2012

Freixido



Dicía o escritor e etnólogo maliense Amadou Hampâté Bâ “cando un ancián morre, toda unha biblioteca desaparece”. Conscientes de que de cada ancián só hai un único exemplar, antes de que a tradición oral dos nosos maiores quede abocada ao abismo sen fondo do tempo, preguntamos por nomes de lugares en Freixido para transmitilos a futuras xeracións.


Freixido é un territorio da parroquia, onde entre outros, teñen fincas veciños de Millares. Hai uns anos nesta zona había moita actividade humana, aproveitábanse tódolos recursos naturais: facíase carbón, botábase pan, íase por leña e madeira, pastaba o gando, collíase estrume, cazábase, etc. A maioría desta actividade económica desapareceu a partir dos anos 1960 por diversos factores.


O nome de Freixido indica “zona de freixos”. Ten unha superficie dunhas 140 hectáreas. A altitude mínima é 620m e a máxima 930m. Este espazo ten dúas zonas diferenciadas: na arborada dominan os carballos, abidueiras, piñeiros, acevros, pradairos, freixos, amieiros e eucaliptos e no monte baixo a maioría son: uces, toxos, fentos, xestas e carqueixa. En canto á fauna a maioría dos rastros vistos son de xabaril e corzo.


Algúns nomes de lugares deste espazo son: O Retorno, As Trémoras, O rego da Abidueira, A Valiña de Baixo, O Valin Dauga, Os Cortellos, O Acevral, Os Cabeceiros do Acevral, A Fonte dos Cazadores, A Rega do Arco, O Valín do Leite, A Armada das Cordas, A Biega da Vella, A Travesa, O Tesouro, As Lamelas, Os Penallos, O Pirixil, A Costa de Carballo Gordo, A Valiña de Riba, A Pena Cerrada, O Teso da Loba.
Coñecedes outros nomes?


Curiosidades:
No Retorno había unha campa e revolvían os carros alí. Era onde cargaban a leña.
No fondo do rego da Biega da Vella hai unha pena grande onde facían o niño as aves.
Na Costa de Carballo Gordo hai unha subida no camiño e custáballes subir ás vacas co carro cargado. Había que subir media carga e logo volver polo resto.




Pan, preto do Teso da Loba

23 de xan. de 2012

A Marronda

A Marronda no outono

Que non sabes que facer o próximo fin de semana? pois dá unha volta por unha das paraxes máis belas da provincia de Lugo, A Marronda.
Cunha extensión de 1239 Ha. é unha das máis importantes reservas de faias  do sur de Europa, nela podes encontrar gran variedade de especies tanto vexetais como animais.
Flora: nesta fraga conviven máis de 170 especies de árbores e arbustos, castiñeiros, carballos, chopos, bidueiros, abeleiras, cancereiros, salgueiros, plátanos, uz, hedra, madreselva, xestas, acivros, mofo e moitas máis.
Os amantes da ornitoloxía poderán gozar dunha gran variedade de aves como o azor, o gabián, xirín, ferreiriño azul, ferreiriño negro, etc.
Posúe tamén unha interesante fauna de mamiferos como o desman dos Pirineos, leirón, musaraña, esquío, marta, denociña, armiño, xeneta, gato montes ou lobo.           

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...