2 de abr. de 2012

Carbón vexetal


En Millares fíxose carbón vexetal ata a década do 1960. Obtíñase da uz negra (Erica australis) abundante na beira do carballal de Freixido e no da Marronda, tamén na ladeira da serra situada ó leste da Braña e de Millares (por exemplo no Val das Penas, Val da Fonte, etc...).

Uces na beira de Freixido

Era unha forma de sacar un can en certas épocas do ano alternando o traballo co coidado do gando. A cepa ou raíz de uz é a parte máis proveitosa desta planta. Cara ó fin do verán quítase a parte aérea do vexetal. Logo arráncanse as raíces con petas ou aixadas e xúntanse. Despois faise un furado grande no chan chamado foia, duns 0.60 m de fondo e 1.5 m de diámetro onde collan uns cinco ou seis sacos. Préndese o lume con fentos secos e póñense as cepas picadas en estelas por enriba enchendo a foia. No momento en que empeza a cocer a leña tápase con mofo e terróns dispostos ca herba hacia o carbón para que non o estrague. 

Foia

A temperatura oscila entre 400 e 700 °C. Ponse máis terra de forma que non entre osíxeno de ningunha forma, xa que, se respira algo quéimase todo. Así evítase a transformación en cinza. Déixase durante un día e agárdase ó segundo día para metelo frío en sacos e transportalo.


Os sacos cárganse nas bestas ou en machos aparellados con albardas e átanse con cordas para levalos a vender. Este carbón era o mellor para os ferreiros, é máis duradeiro e aporta menos calorías que o mineral. Tamén era moi apreciado nas cociñas e nos braseiros xa que o seu poder calorífico é moi superior ó da madeira. Ademáis do carbón feito en Millares, algún veciño tamén transportaba carbón á feira de Meira, que llo traían da zona de Freixo no concello da Fonsagrada. Podíase levar máis dunha besta, neste caso, ía cada unha amarrada ó rabo da que marchaba diante dela. 

Cepa de uz

Flor de uz

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...