11 de abr. de 2012

Forno do Cal

Lugar chamado Forno do Cal en Millares

En Millares existe unha zona cerca do pobo chamada o Forno do Cal, na que segundo nos contan na aldea, algúns antepasados cocían alí a pedra calía (calcaria) para producir cal. Esta industria caleira está relacionada diretamente coas propiedades xeolóxicas do chan. A calía é unha rocha sedimentaria formada principalmente por carbonato cálcico. 


Segundo o Instituto Mineiro os afloramentos calcários da zona forman parte dunha banda calcaria de uns 100 m de potencia, que empeza no norte da provincia de Lugo e discorre hacia o sur. Son calías masivas gris azuladas ou brancas. Estarían formadas no Cámbrico Inferior-Medio. Esta rocha pódese ver no valado do camiño que pasa por encima do Forno do Cal e formando parte de paredes. Na parroquia existe outra zona onde podemos ver o rastro desa banda caliza. Debido ás obras de construción da estrada cerca da Braña, saíu á luz o filón en varios puntos na trincheira escavada.

Trincheira calcaria na Braña

No pobo da Muíña existiu no século pasado unha canteira e un forno de cal, os restos deste último aínda están visibles hoxe en día.

Restos do Forno do Cal na Muiña

O forno e a calcinación da pedra do cal en Millares sería parecido a como o historiador Xaquín Lorenzo conta sobre un forno de Mondoñedo.
Éste é unha construción troncocónica de 7 metros de alto e 4 de diámetro interior na base con muros dun metro de groso. Nun canto ten a boqueira franqueada por dúas paredes que se prolongan cara a fóra. Na parte baixa, por dentro, ten un zócalo, zapata a un metro do chan.


O forno cárgase cas pedras do cal e logo tápase a parte superior da boqueira deixando só ceibe a parte inferior.
Logo encéndese con toxos e pónselle lume mantido unhas 60 horas. Os atizadores altérnanse cada 4 horas para descansar. Cada fornada consume uns 50 carros de toxo. No forno da Muiña parece que utilizaban leña e carbón mineral. A temperatura necesaria é de máis de 900ºC.



Por último só falta esperar a que remate o lume e deixar enfriar o cal.
Este usábase para a construción como masa (auga, area e cal) entre as pedras das paredes e tamén para fertilizar as terras.
Parece que na nosa parroquia non hai covas na rocha calcaria, como sucede na cova da Valiña, na parroquia próxima de Bolaño, no concello de Castroverde, na que os arqueólogos detectaron ocupación humana no  Châtelperroniense (fai entre 36.000 e 32.000 anos). Seguro que estes humanos coñecían Millares

Parede con calcaria no Forno do Cal, Millares

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...