5 de xan. de 2012

Cantos de Reis

Os tres camelos dos reis
ó chegaren a Galicia,
como non viron deserto,
morrían os tres de risa.
E, ó veren tanta auga
nos regatos e nas rías,
_¡Que catarro imos coller
como veña unha chovisca!-
Melchor taca unha gaita,
Baltasar un tamboril,
o Gaspar, que non é músico,
alumea cun candil.
(Recollido no Couto de Outeiro, Mondoñedo, por Carlos Gómez)
OS CANTOS DE REIS:
Os cantos de reis ou cantar os reis, é unha tradición que consiste en xuntarse o día 5 de xaneiro un grupo de veciños para interpretar polas casas do pobo e polas parroquias da zona, seguindo un itinerario, unha serie de cantos alusivos que narran a historia do nacemento do neno Xesús e a chegada dos Reis Magos a Belén.

Gaiteiros de Soutelo de Montes

Pertencen a un pasado recente da tradición musical galega e en varios lugares están a ser recuperados, a intensidade coa que aínda permanecen na memoria da xente supón unha motivación importante para iso.
Facían ensaios aprendendo as letras transmitidas oralmente e afinando os instrumentos, era habitual que levasen algún instrumento melódico como a gaita e o violín e outros de percusión como pandeiretas ou pandeiros.
En Millares houbo un gaiteiro famoso chamado José de Alledo, os que o recordan din: "facía falar á gaita".

Gaiteiro, 1941, acuarela realizada por Castelao

Estes cantos adoitaban comezar cunhas estrofas de presentación dos reiseiros, nas que se pedía permiso para cantar na casa que visitaban:

De lonxe vimos
os que aquí chegamos,
se nos dan licenza,
cantamos os reises.
E se nola dan,
señor cantaremos,
con boas palabras
e comenzaremos.
É descortesía
é desobediencia,
á porta dun home
cantar sin licenza.

Asociación veciñal e cultural "casco vello" Vigo
Todas as persoas que saen na foto, son veciños de Pias, Ponteareas.


Un dos principais motivos dos cantos de reis era conseguir algo de comer, doces, chourizos, dente, una copiña de viño ou unha moeda era o aguinaldo co que se pagaban os cantos de reis, remataban cunha estrofa de despedida e loanza ós donos da casa se se obtiña o aguinaldo desexado, no caso contrario podía rematar de forma ferinte, facendo saber ao resto da aldea que certos veciños eran pouco espléndidos... todo dependía da xenerosidade dos habitantes da casa.
 Estas portas son de papel,
aquí vive don Manuel;
Deus lle dea tantas vacas
como no curral hai lapas.
 Desexamos os reises
anque sexan poucos:
un touciño enteiro
e
a metade do outro.
 Desexamos os reises
se nolos han dar,
que somos de lonxe
e hai moito que andar.
 Traemos a bota
para levar o viño,
a cesta para os ovos
e un caraveliño.
 Déannos os reises,
señores, por Deus,
déannos os reises
e quedan con Deus.
 Nesta casa caleada,
caleada de pemento,
que por moitos anos vivan
os señores que están dentro.
 (Se non lles daban nada remataban así)
 Cantámoslle os reises
guedellos de cabra;
cantámoslle os reises
e non nos deches nada.
(Recollido en Mondoñedo polo colectivo Amencer)


As seguintes estrofas foron recompiladas en Millares, e cantábanse a noite do 5 de xaneiro:

"Los tres reyes magos
de oriente han partido,
para adorar al niño
que ha nacido ya,
que dicen que está en ese portal".

"Escuchen señores
la linda tonada,
que la canta un niño
y un solitalia.
La noche va oscura,
la jornada es larga,
porque el padre eterno
la dispone y manda".



Cantos de reis grabados en Millares


Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...