26 de xan. de 2012

Veciños ilustres



Segundo un documento achado no arquivo histórico, en relación a un testamento outorgado no lugar de Millares, no ano 1810 había en Millares dous escribáns de Su Majestad, hoxe coñecidos como notarios, un deles chamábase Pedro Antonio Piñeiro e o outro respondía ao nome de Antonio María Peña, deste último cónstanos que era alcalde de Baleira no ano 1837*.
Nun parágrafo do devandito documento sinálase que nese momento, ano 1810, o cura da parroquia da Braña era Francisco Piñeiro de Millares, quen foi sacerdote na Braña dende o ano 1772 ata o ano 1814, ano do seu falecemento.
Nesa mesma época, foi presbítero na mesma parroquia o seu irmán Francisco Xabier Piñeiro, que morreu no ano 1810, nese momento había na igrexa parroquial da Braña dous sacerdotes, coa particularidade de ser irmáns e á súa vez ser tamén irmáns do escribán Pedro Antonio Piñeiro (citado anteriormente), quen falece tamén en 1810.
Vaia lea de irmáns!.
*Nun documento datado o día 18 de xuño do ano 1837 dise que: "o alcalde Antonio María Peña, pide informe a un celador de policía e seguridade pública de Xestoso, parroquia da Fontaneira, por un suceso acaecido, no cal roubaron e incendiaron a casa de Cayetano Dourado, veciño tamén de Xestoso".
Falando dos curas da parroquia, temos coñecemento de que no ano 1622 (O ano 1513 é a data máis antiga da que encontramos documentos relacionados co noso pobo, sobre un pleito sobre hidalguía), era clérigo do lugar Alonso de Millares, residente en San Román, non sabemos ata que ano exerceu esas funcións.
No ano 1693 foi clérigo presbítero Bartolomé de Millares, veciño do couto da Braña.
Do ano 1697 ata o ano 1723 foi párroco Juan Millares Valiño.
Dende o ano 1739, hasta o ano 1771 foino Francisco Millares e presbítero Jacob Millares, non nos consta se eran ou non familia ou se a coincidendia do apelido é meramente casual.
De 1772 a 1814 foi párroco Francisco Piñeiro de Millares, ao cal xa nos referimos antes.
Tamén temos constancia de que a reitoral da Braña, foi usada como residencia para os curas dende finais de 1800 ata o ano 1980, hoxe en día, a reitoral xa non existe, foi derrubada en agosto de 2011 debido ao seu lamentable estado de conservación, no seu lugar construíuse un aparcadoiro para os asistentes aos oficios relixiosos.
Non podemos pechar este capítulo, sin citar ao escultor Bonifacio Castro Seoane, que viviu en Millares, na casa de Peña, entre finais de 1800 e principios de 1900, súas son as imaxes de San Miguel e a da Virxe das Dores que se conservan na igrexa da Braña.




Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...