3 de feb. de 2012

A vaca e o boi



Canto cambiaron as vacas en Millares dende que eramos nenos! en tódalas casas había rubias galegas, tiñan cornos, eran bautizadas, saían pacer unha ou dúas veces no día ó monte ou ós prados, levaban chocas no pescozo, tiraban dos carros, criábanse xatos, facíase queixo do leite, levábase ó boi, vendíanse nas feiras...
Antes con que a vaca tivese unha cría, dese o leite suficiente para alimentala e, cun pouco de sorte, quitarlle algo para consumo da familia, directamente ou en forma de queixo, xa chegaba.

Boi na Requeixada

O nome
Unha das posibles razóns de que as vacas teñan nome propio pode estar no feito de que a vaca é o animal máis valioso que pode ter unha familia tradicional pero tamén o que máis tempo podía vivir na casa. Hoxe non pasa dos 10-12 anos pero antes algunhas vivían na casa labrega entre 20 e 25 (unha xeración). A subxectividade é moi importante na motivación do nome.
A veces cando o veterinario (hoxe faino o dono da explotación) inseminaba unha vaca por primeira vez aínda non tiña nome e poñíanllelo ese día.
Principalmente cando se bautiza unha vaca a fonte de inspiración é a cor (Marela, Moura, Parda), algún detalle (Linda, Cachorra, Mona), nomes de plantas (Figueira, Castaña, Romera), nomes de animais (Pomba, Parrula) ou  antropónimos, con intención humorística ou por moda (Pitufa, Sabrina). Actualmente, nalgúns casos o nome vén de fóra coa vaca importada. Nos casos de selección gandeira e valoración do pedigree dos exemplares a denominación inclúe: o nome do animal e os nomes dos ascendentes cando estes eran animais selectos e premiados (Jenni Erika Storm), o que poderíamos denominar vacas con nome e apelidos.
Hoxe as vacas levan un sistema de identificación implantado o 1.1.1998 formado por unha placa amarela en cada orella, que leva un código do país, outro para a comunidade autónoma, un número de oito díxitos e un número de control para evitar falsificacións.
Con isto os números acaban substituíndo os nomes, sobre todo nas grandes explotacións.


O queixo
A elaboración comeza quentando o leite nunha pota de 4 a 10 litros ata os 25 ou 45 graos segundo a época do ano e bótaselle mentres quence unha presada de sal gordo entre 5 e 15 gramos (pódese salgar só exteriormente). Logo engádese o presoiro e déixase preto do lume unha media hora ata que calle. Entón córtase o leite callado en anacos grandes, apértase a masa coas mans durante uns minutos e ponse nun molde para que escorra. Despois déixase a secar no alzadeiro da cheminea, no hórreo, sobre palla de centeo...

Queixo fresco de vaca

Os cornos
Dende hai anos co fin de evitar accidentes entre as vacas ou coa xente e para facilitar o manexo na estabulación permanente, elimínanse os cornos cando son xatos mediante cauterización química ou térmica dos botóns córneos.

Patrón monetario
O historiador Rubén García Álvarez demostrou que, entre os séculos X e XII, un boi ou unha vaca valían exactamente un soldo galego (moeda de ouro), equivalente a 12.39 soldos de prata suevos, 15 soldos de prata visigodos ou 10.7 moios de millo miúdo. Por exemplo cita a venda no ano 996 dun xato en 10 soldos de prata.


Vaca moura

Crenzas e refráns
Cando levan unha vaca á feira o costume é traer de volta á casa a corda coa que ía atada, pois considérana símbolo da boa sorte.
Arresponsar: para protexer o gando dos ataques do lobo pónse baixo a intercesión de san Antón medienta o rezo dun responso milagroso.
Mamarlle o leite unha cobra: non dar leite unha vaca por medo a un réptil. Trátase dunha crenza infundada xa que a cobra non pode mamar porque non ten beizos para facer o baleiro.
É signo evidente de chuvia ou vento forte que un rabaño de vacas se reúna nun extremo do campo co rabo cara ó punto de onde procede o aire.
Cando o ano entra o domingo, vende o boi e merca millo.
Se queres que a vaca che dé bo leite busca que che paira no coarto crecente.
O día de santo Estevo córtalle o rabo ó teu becerro.
Vaqueiro pola neve, que o demo o leve.
Arco da vella ó poñente, ceiba os bois e vente.
¿Corren as nubes pra Meira? Colle as vacas e bota a leira.
Cando encarnado está o monte, mete os bois na corte.
Cando no inverno vires tronar, vende os bois e bótao en pan.
No mes de abril fai queixos mil.
Por san Xoan cómese o queixo sen pan.
Se queres que non che coma o queixo o rato, compra un gato.
Uvas con queixo saben a beixo.
O abril que ha de ser abril, han de folgar os bois quince días nil.
En maio colle os bois e máis o arado.
Malo o maio que non bebe o boi no prado.
Ó boi cólleselle polas hastas e ó home pola palabra.
Queira, non queira, a vaca ha de ir á feira.
Crego na feira e mercader na igrexa, dígoche, Xan, que ben non me cheira.
Vaca de moitos, ben muxida e mal mantida.
Se mal vai o boi no carro, peor irá no arado.
Vaca cornuda nin dá leite nin turra.
Eguas e vacas por abril andan fracas.

Vaca rubia

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...