3 de mar. de 2012

Do carro ao tractor


O carro
O uso do carro polos habitantes dos castros é un feito probado. Dunhas zonas a outras os carpinteiros teñen os seus costumes e nos modelos dos carros nótanse variacións. Os nomes das súas partes son diferentes dependendo do lugar.


Ata principios dos anos 1980 en Millares aínda se usaban carros, oíanse os seus cantos e víanse as súas rodeiras nos camiños. En Millares as pezas das que nos informaron son:
O chedeiro: feito de cerna de carballo, leva un tiro de metro e medio  chamado cabezoalla, unido a unha mesa rectangular de uns dous metros de longo.
A cabezoalla:  de cerna, conta con dúas furas para a chavella, cando o carro dá nos animais ponse a chavella na fura de diante.


Cabezoalla

A chavella: de cerna, fai de pasador entre o carro e as vacas.
O tesón: de carballo serve para ter mau da cabezoalla e do carro e ten a altura máis ou menos do carro.
As chedas: de carballo, están no lateral do carro e van unidas entre elas facendo unha curva na dianteira.
O rangueiro: peza en forma de Y que se coloca na parte dianteira do chedeiro.


Rangueiro

Os lombos: traveseiros de carballo perpendiculares ó eixe, unen as chedas para formar a estrutura do carro.
As furas: son furados feitos en cada cheda para meter os fungueiros.
Os fungueiros: cinco paus longos próximos ó metro e medio, de cada lado.
O adral: son táboas de bidueira unidas por paus perpendiculares, para cargar no carro por exemplo patacas.
O eixe: pode ser de bidueira, cerdeira ou freixo, é de forma cilíndrica rectangular con rebaixes nos bordes, con cabeza e chavetas de madeira.


Zona do eixe

A roda: teñen case un metro de alto son de cerna de carballo formada por dous arcos unidos por un traveso máis groso. Conta con ferraxes, coma o baldón e cintas, cravados.

A roda

O baldón: ferro que recobre a roda todo o arredor. Vai serrado porque a madeira incha e fai dilatalo ferro e pode estalar.
As treitoiras: suxeitan o eixe.
O mión: de carballo, é o traveso que atalla transversalmente á roda de arriba a baixo cunha fura por onde entra o eixe.
As cambas: consistentes en dous arcos semicirculares que forman a roda.
Para que o carro non cante nin arda hai que botarlle xabón ó eixe.
O carro para poñerse en movemento necesita ademais o xugo que vai no pescozo do animal enganchado na cabezoalla.
Cando os animais non eran capaces de arrastala carga do carro por ir moi cargado ou porque era moi pesado e en lugares difíciles xunguíanse varias parellas de vacas ou bois.


Roda e eixe

Copla popular
Árdelle o eixe
árdelle o carro.
Árdelle o eixe,
que é de carballo.
Árdelle o eixe
árdelle o carro.
Árdelle o eixe,
hai que mollalo.
Hai que mollalo,
hai que mollalo…


Xugos

Ditos e refránsCarro sen rodas, é coma home sen maus.
Se queres que o teu carro rinche, mételle o eixe no río.
Debaixo do carro, sempre dorme algún galo.
Non póñalo carro diante das vacas.
Cando o carro canta, as vacas choran.
O que non unta o carro, quédase ás veces na corredoira.
Se os bois non che poden co arado, non os poñas ó carro.
Máis vale un carro de vacas ca un carro de bois.
O millo mesto, nin carga o carro, nin enche o cesto.
O burro e ó carro, carga ó rabo.
A chuvia de abril, enche o carro, e mailo barril.
O home prudente, e os bois polo camiño do carro.


Un dos poucos carros que quedan en Millares
Adiviñas
Dez soldadiños, todos en par, pasan o río sen se mollar (os fungueiros).
Vai pró monte e vai calado, vén prá casa e vén cantando (o carro).



O tractor
Os primeiros tractores en Millares compráronse polos anos 1960. Os máis antigos eran das marcas Ebro, John Deere e Saca.
En 1954, fúndase Motor Ibérica, S.A., e rexístrase a marca Ebro para os tractores fabricándose en Barcelona.
John Deere fabrica o primeiro tractor en Illinois no ano 1914, e pon unha fábrica en 1963 en Getafe.
En 1959 Saca establece os primeiros acordos con International Harvester para fabricar tractores en Sevilla.
Algúns modelos parecidos ós que houbo ou hai en Millares, todos de tracción simple,  e as súas carácterísticas son:
Ebro Super 52 co motor Fordson 4 cilindros diésel 3605cc de 52cv.
Saca S-455 co motor IH BD-264 diésel 4 cilindros 4.329cc de 55cv.
John Deere 717 co motor diésel Perkins P4-203 4cil. 3.327cc de 50 cv.




Actualmente hai 16 tractores no pobo sendo o máis moderno un John Deere - 6820 con tracción dobre duns 135 cv.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...