20 de xuño de 2012

San Xoán


Comentaremos hoxe algunhas tradicións (puido haber máis)  que había en Millares a finais do mes de xuño despois do solsticio de verán. O solsticio de verán correspóndese na simboloxía da luz, co mediodía; é o momento do ano de máxima claridade. O papel especial do sol nesta festa queda marcado pola crenza de que o sol baila ó amencer.
Coller a orballada de San Xoán.
Hai unha auga especialmente pura que adquire gran importancia ritual neste día: a auga do orballo. Para lavar o mal, os enfermos antes de saír o sol o día de San Xoán, andan polos campos ó amencer sobre a herba mollada co orballo.


Flores.
Deixábase a véspora de San Xoán nunha tina auga con pétalos de flores aromáticas, fóra da casa para que collan a orballada e logo o día de San Xoán pola mañá lávase a cara con esa auga. O poder purificador da auga e o recendo das flores expulsan o mal.


Enramar as casas.
A véspera de San Xoan enramábanse as casas nas xanelas, portas e furados das paredes con tróqueles (Digitalis purpurea) e flores de biouteiro (Sambucus nigra) para que non veñan as meigas. Usábase simbólicamente como defensa o bo olor desas plantas contra o ataque ás casas dos poderes maléficos.


O lume.
O mesmo que en gran parte de Europa o lume é outro elemento purificador. En Millares facíanse dúas fogueiras: O Lume Novo na véspera de San Xoán e o Lume Vello na véspera de San Pedro. Durante os días que preceden a esta festa os nenos e mozos xuntaban toda clase de leña (couceiros, cepas de árbores vellas, ...) para unha fogueira na que arderán as bruxerías, e polo tanto, tódolos males.
Os lumes tiñan unha compoñente social, arredor do lume comían, bebían e bailaban (en ocasións había un gaiteiro). A veces tamén saltaban o lume. A fogueira facíase onde se cruzan dous ou máis camiños.


Lendas
Contan as lendas, que cando se pon o sol que ilumina o día 23 de xuño, as lareiras das bruxas se converten en improvisados laboratorios onde potes, ungüentos e conxuros, se mesturan en misteriosas pocións e son preámbulo do seo voo nocturno.
Pero tamén hailas que decide recibir o solsticio ao abeiro dos montes, nunha barca que surca o mar ou en reunións en descampados, covas, ríos e regatos, así como en campos despexados.
De ahí que ata no lugar máis recóndito de Galicia, se acenda unha cacharela como símbolo purificador e protector. É o lume que unha vez feito brasas, sáltase ao berro de Bruxas fora, co fin de afastar os males que poidan aveciñarse.
É pois, ao redor dunha cacharela, onde a simboloxía encontra a súa máxima expresión e presenza popular: reunidos en torno ao lume, cántase, báilase, cómese e sobre todo bébese co fin de escorrentar os malos espíritus.
É moi común ver en calquera destas cacharelas unha queimada ou un grupo de xente cantando e rindo, celebrando unha das festas máis arraigadas na nosa terra.



Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...