11 de mar. de 2013

Alimentación básica

Non cabe a menor dúbida, de que o peso fundamental na alimentación humana ata finais do século XIX recaía sobre os cereais, nunha sociedade como a rural, iso supoñía estar supeditado ao ritmo variable das colleitas.
Asegurar alimento para todos os membros da familia, constituía unha das principais preocupacións cotiás para o campesiño galego, naquela época, as familias adoitaban ser moi abundantes, había moitas bocas que manter.



Os campesiños do rural galego tiñan un estómago "moi flexible", froito das variacións no réxime de comidas, segundo palabras de Pegerto Saavedra:
"O estómago do labrego era como un acordeón, estirábase ou encollíase con facilidade".
Ademais dos cereais, o labrego consume unha serie de alimentos complementarios, entre os que destaca a carne de porco.
O carácter "democrático" deste animal, non había casa na que non se cebase un porco, e a alta media de gando porcino nas aldeas, dan proba da importancia desta fonte de alimento para o campesiño galego, (aínda hoxe en día, é rara a casa onde non se cebe polo menos un porco cada ano).
Touciños e untos, constituían xunto a outros "miúdos", un suplemento de alimento graxo que enriquecía unha dieta composta maiormente por hidratos de carbono.




O porco era e é, un animal altamente rendible para o campesiño e unha inestimable fonte de alimento, xa que del aproveítase practicamente todo, incluído o sangue para facer filloas, ou o sebo e a graxa, usados para adobar e fritir alimentos.
O gando lanar, estaba moi estendido no rural lucense, non obstante a carne de carneiro ou cordeiro, non formaba parte da dieta diaria do campesiño, xa que polo xeral este gando  reservábase á produción de leite ou la, sendo sacrificado en ocasións especiais, como ofrendas e pitanzas nos funerais, banquetes de voda ou festas patronais.
Este tipo de carne adoitaba ser consumida con maior asiduidade polas clases podentes: "fidalgos e párrocos, adornan as súas mesas con algún que outro carneiro procedente das rendas e ofrendas pagadas polos campesiños".
No que respecta ás aves, a maioría son destinadas a "engordar ou cebar capóns", co fin de pagar as rendas á igrexa ou aos fidalgos donos das terras arrendadas, algún queda na casa reservado para consumir en días sinalados, a excepción da galiña da que se obteñen os ovos e despois é aproveitada toda ela para caldos ou guisos.
Outro alimento sen parangón no rural galego, é o caldo, elaborado xeralmente con berzas, fabas, nabizas e algún que outro condimento máis, formaba parte, entón e aínda hoxe, moi importante da dieta diaria e a inmensa maioría dos días, constituía prato único.

Segundo AVicenti, <a comida do medio día do labrego, adoitaba reducirse a "caldo de berzas, patacas e fabas", condimentado no caso dos ricos por unha escasa porción de touciño rancio e no caso dos pobres, coa desaborida graxa do unto >.



Nas hortas do interior lucense, reinan as berzas e as nabizas.
Coa introdución da pataca na segunda metade do século XVIII, os campesiños contan cun novo ingrediente para os seus caldos e potaxes, así como cun gran complemento alimenticio e substitutivo do pan e da ata entón raíña "quita fame" castaña.
Unha vez que se superou o inicial rexeitamento á pataca e se perfeccionou a forma de preparala, a pataca chegou a constituír o produto con maior presenza na mesa labrega.
En canto ás bebidas, a principal da época, era a auga, o consumo diario de viño, era case imposible para a economía campesiña, resultaba caro, polo que só aparecía a diario en casas de certo nivel adquisitivo.




Aínda que existe tráfico de viño na zona, procedente case na súa totalidade do Ribeiro, este está destinado maioritariamente a abastecer ás tabernas.
Nos séculos XVII-XVIII, bebidas como o chocolate, o té ou o café, soamente son consumidas pola fidalguía e o clero.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...