27 de nov. de 2013

Unión de Labradores de Baleira

No noso concello, ao igual que noutros, tamén se configurou unha asociación de labradores.
A chamada "Unión de labradores de Baleira", constituíuse como sociedade, con sede no Cádavo, cunha duración ilimitada, e segundo o seu regulamento, non podería disolverse nin aínda por acordo da asemblea, mentres se opuxesen a iso sete asociados.
Os fins da agrupación serán: o económico e o instrutivo.



Para a consecución do fin económico procurarase, entre outras accións:
-fundar cooperativas
-crear establecementos de sementais
-protexer os asociados
-solicitar a construción de vias de comunicación e demais obras públicas
-establecer unha caixa rural de aforros e prestamos
-evitar toda loita entre o capital e o traballo










Para a consecución do fin instructivo, procurarase, entre outras:
-xestionar a creación de escolas e bibliotecas
-velar pola libre emisión do voto
-intervir para que a repartición de tributos se faga de xeito equitativo












Para a consecución dos seus fins, esta agrupación, poderá federarse con outras similares e establecer pactos con elas, realizando labor conxunto, tamén poderá afiliarse a un partido político determinado autenticamente republicano.




E non podiamos deixar de facer mención ao acontecido na parroquia de Montecubeiro, onde a represión foi dura, aquí castigouse cruelmente a defensa dos dereitos dos labradores.
Durante a II República, Montecubeiro foi unha parroquia moi activa, e nela formouse unha anticaciquil Unión de Labradores, que mesmo chegou a fundar unha pequena biblioteca popular na súa sede.
Ao igual que noutros lugares de Galiza, a represión foi máis cruel e desapiadada canto máis activo e liberado era o lugar.
Entre agosto e outubro de 1937, varios veciños e veciñas da parroquia, foron covardemente asasinados en virtúd dunha lista facilitada, parece ser, polo cura local e por algún falanxista da zona.



O monumento, levantado de costas á igrexa e de cara á antiga casa da Unión de Labradores, leva inscrito os nomes de victimas, dous deles a día de hoxe aínda descoñecidos.

Ademais do odio previo, produto da actividade sindical destes labradores, os franquistas temían que se formase na parroquia un foco guerrilleiro apoiado polos veciños, despois de que o lider da Unión de Labradores, Bonifacio Sarille Lenceiro, fuxise ao monte con dous compañeiros.
Entre victimas as, estaban tres mulleres, hoxe coñecidas como Las Amapolas de Montecubeiro, Virxinia Meilán Varela, costureira,Carmen Sarille Lenceiro, nova irmá do lider sindical fuxido e Manuela Graña Rico, mozo esquerdista, cuxo delito foi falar en público nalgunha ocasión.
Tamén foron executados Manuel López López, labrador, Antonio Pereira Calderón, directivo da Unión, Manuel Graña Rico e José Graña Rico, irmáns da moza esquerdista, José Veiga López, muiñeiro, José Palmeiro Valcárcel, fillo dun mestre paseado en 1936, Argimiro Rico Trabada, mestre en Baleira, salvaxemente torturado antes de ser rematado cun disparo de escopeta.



Entre os toxos, sobre a neve,
na seca e nas enxurradas,
tres amapolas iluminan noite e día Montecubeiro,
Virxinia, Carmen, Manuela.
Eran fermosas como petalos.
Perduran como penedos.

Estrofa do poema dedicado por Claudio Rodriguez Fer, ás tres mulleres asasinadas en Montecubeiro, "entre os toxos, sobre a neve, na seca e nas enxurradas, tres papoulas iluminan día e noite Montecubeiro,VirxiniaCarmenManuela. Eran fermosas como pétalos. Perduran como penedos"

18 de nov. de 2013

Agrarismo no século XX


Non son pastores de Belén, son labregos que van pagar os foros.
Alfonso R. Castelao critica a situación labrega a respecto dos foros a comezo do século XX (1920)
Non sabemos moito do movemento asociativo agrario que houbo en Millares durante o século pasado, pero debeu de ser similar ó resto da Galiza.
Durante as primeiras décadas, os seus cabalos de batalla primordiais foron a loita contra os foros e mais o caciquismo. Na época da segunda República, debido ó seu aperturismo político, creáronse asociacións de campesiños na zona, que pretendían modernizar tecnicamente o sector, crear escolas, a mellora de razas de gando e sementes, crear cooperativas, etc. 
As asociacións máis próximas ó noso pobo eran a Unión de Labradores de Montecubeiro e a Unión de Labradores de Baleira.
A guerra civil e posterior consolidación do réxime franquista produciron un total esgazamento do movemento agrarista.


Asamblea agrarista en Galiza, 1914

Á persecución física dos dirixentes, clausura de locais, etc sumouse unha interrupción violenta do proceso de modernización que ía experimentando o agro galego dende comezos do século. O réxima fascista, supuxo un atraso respecto ó resto de Europa. O control dos labregos era mediante as Cámaras Agrarias Locais.


Cartel das comisións labregas a finais dos 70, cunha das seculares reclamacións do noso país.

As primeiras tentativas de organización societaria do campesiñado á marxe do verticalismo oficial non callan ata principios da década de 1970. Xorden na Galiza as Comisións Labregas, que tiveron unha transcendental participación na campaña de oposición á cota da Seguridade Social Agraria a finais desta década, culminada coa supresión da mesma dezasete anos máis tarde, despois de multitudinarias manifestacións de masas.




A partir da entrada do estado español na C.E.E. no ano 1986, os nosos labregos realizan tractoradas en defensa do tecido produtivo agrario, por exemplo contra a cota láctea. Os nosos veciños foron varias veces á folga a cortar as comunicacións no Cádavo cos seus tratores, debido ás catastróficas consecuencias dunha irreflexiva integración na Comunidade Económica Europea. A resistencia rural ao igual que outros segmentos da sociedade galega tenta pór freo á destrucción dos nosos sectores produtivos básicos propiciada desde os altos centros de decisión do capital transnacional.
Finalmente, créanse cooperativas agrarias nos concellos da zona polo ano 1990.
En canto ós sindicatos agrarios con máis afiliados na Galiza son tres: Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...