No afán de querermos contribuír á recuperación da nosa memoria histórica, hoxe falamos do Día da Patria Galega tamén coñecido como Día Nacional de Galiza.
O 25 de xullo, celebramos o día do noso país, en palabras de Castelao: "a festa maior de Galiza, a festa de tódolos galegos". O eixo central desta conmemoración é a reivindicación dos nosos símbolos e a nosa identidade coma país: declaracións institucionais, bandos municipais chamando ós veciñ@s a celebralo día, poñendo a bandeira galega nas rúas e balcóns, conferencias, mitins, manifestacións populares de carácter reivindicativo, etc. As orixes desta celebración remóntanse ó 1920, ano no que as Irmandades da Fala organizan o primeiro Día de Galiza como acto de afirmación da nosa identidade colectiva.
Varias veces a nosa Patria intentou recuperar a soberanía nacional.
No século XIX, tralas reformas do goberno español, concretamente no 1833 Galiza desaparece nominalmente como reino e pasará a ser un termo estritamente xeográfico sen ningún tipo de institución propia. No 1846 fórmase na cidade de Santiago unha Xunta Superior do Goberno de Galiza, que reclama autonomía respecto ao poder central e unha serie de reformas de corte progresista.
Un parágrafo da Proclama da Xunta Superior do Reino de Galiza:
«(...) O pobo conquistará nesta revolución o que lle teñen arrebatado os cómicos dos pronunciamentos: pan e dereitos. Galicia, arrastrando hasta aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da corte, vai levantarse da súa humillación e abatemento. Esta Xunta, amiga sincera do país, conságrase a engrandecer o antigo reino de Galicia, dando proveitosa dirección ós numerosos elementos que atesoura no seu seo e levantando os alicerces dun porvir de gloria...»
A revolución prende nas principais cidades galegas, pero o movemento remata por ser derrotado polas tropas do goberno español de Narváez.
Na vila de Carral tras un xuízo, son asasinados o 26 de abril de 1846, os coñecidos como Mártires de Carral. Galegos que se converteron, en iconas da loita polos dereitos de Galiza, en Mártires da Liberdade, como loce no monumento memorial que hai no lugar onde foron fusilados.
Na vila de Carral tras un xuízo, son asasinados o 26 de abril de 1846, os coñecidos como Mártires de Carral. Galegos que se converteron, en iconas da loita polos dereitos de Galiza, en Mártires da Liberdade, como loce no monumento memorial que hai no lugar onde foron fusilados.
No século XX, concretamente o 27 de xuño de 1931, Alonso Ríos é nomeado presidente da Xunta Revolucionaria da República Galega. A declaración dun Estado Galego veu propiciada por un ambiente de malestar xerado polo caciquismo imperante e mais pola paralización das obras do ferrocarril galego, deixando sen traballo a 12.000 obreiros. Pero o goberno de Madrid reanudou a obra do ferrocarril, evitando que a insurrección se expandira. O movemento, perdeu forza e a I República Galega chegou así, ao seu fin.