9 de nov. de 2014

Estafa eólica?

Van uns dez anos dende que se instalou o parque eólico na parroquia e facemos unhas reflexións. Foi unha estafa? Os políticos gobernan para eles e os grandes empresarios? van en contra da maioría dos cidadáns? espolian Galiza coma un país do terceiro mundo? A luz sobe moito máis do IPC quen fai negocio
Damos datos e cada un que saque as súas conclusións.
Ós veciños quitáronlles os beneficios que o monte dá, que pasaron a unha empresa mercantil para que gocen os seus accionistas estranxeiros.
Os propietarios dos terreos non tiveron a posibilidade de intervir na adxudicación do parque eólico. Como houbo un só adxudicatario, sufriron indefensión, ou aceptaban as condicións da empresa promotora ou expropiaban. A administración declara a utilidade pública previa solicitude do promotor. Na taxación o normal era taxar os bens como rústicos e dadas as características orográficas a prezos baixos.


As primeiras ofertas que fai a empresa eólica fainas cando o propietario aínda non coñece oficialmente as zonas concretas afectadas. Se o propietario non asina axiña o contrato que lle presenta a empresa, os negociadores ameazan con modificar o proxecto para que afecte a outras fincas e o beneficio vaia para outros.
Cando a empresa quería comprar, para convencer ós propietarios dicíanlles: "ou vendes ou expropio". Ós veciños dábanlles paus por tódolos lados. Case sempre gañaban todos menos os propietarios no proceso de negociación da cesión dos terreos.
Os contratos de arrendamento teñen cláusulas abusivas e con desvantaxes para os propietarios.
O propietario está obrigado por contrato a pagar impostos, o que reduce a renda no caso de aluguer. O propietario ten que pagar o IVE, a elaboración da factura, a declaración da renda da parte correspondente e o pago dos honorarios da xestoría.
As empresas cambiaban o nome para aproveitar a exención do imposto de actividades económicas para as empresas de nova creación.
As eléctricas logran revalorizar varias hectáreas arredor de cada aeroxerador, pero só pagan unha superficie, o demáis está limitado.
A administración controlada polos gobernantes dos partidos políticos tivo unha actitude non neutral, xa que facilitaba os procedementos de expropiación. Esta ameaza levou a acordos desvantaxosos ós propietarios dos montes. As rendas percibidas polos propietarios das fincas son unha cantidade minúscula da facturación das empresas. Segundo os estudosos un 1% fronte ó 10% en Dinanamarca. En Dinamarca moita enerxía eólica está en mans de cooperativas formadas polos propietarios dos terreos que son propietarios das accións do parque eólico. A administración alí protexeu ós propietarios locais para evitar actuacións especuladoras.
A empresa Endesa foi a promotora do parque eólico. Endesa fora empresa pública e no 1988 comezaron a privatizala sendo presidente español Felipe e acabaron no 1998 sendo presidente Aznar. A italiana Enel faise co control de Endesa no 2009. No 2011 Endesa ficha a Aznar como asesor, as fontes cifran a súa retribución en 200.000 euros anuais. Endesa pechou o primeiro semestre do ano 2014 cun beneficio neto de 765 millóns de euros. Tamén o expresidente Felipe foi fichado no 2010 como conselleiro pola empresa Gas Natural Fenosa e parece que cobraba uns 126.000 euros anuais.
Volvendo a Endesa, en Galiza ten unha central térmica e varias centrais hidroeléctricas. O 29 de outubro de 2014 a empresa eléctrica Endesa conta con 14.605 millóns de euros para os seus accionistas xusto cando medra a preocupación pola imposibilidade de moitas persoas de poder pagar a luz polo seu alto prezo.
Actualmente o parque eólico da parroquia é de Acciona Eólica con domicilio en Madrid.
Como conclusión, os gobernos terían que defender uns acordos xustos entre os promotores e os propietarios. Tamén sería necesario permitir ós propietarios participar nas sociedades promotoras, e dedicar unha porcentaxe dos beneficios das empresas eólicas en proxectos de desenvolvemento rural dos territorios onde están implantados e de cuxos recursos dependen.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...