Pasando O Valín do Leite, antes de chegar ao Teso da Loba, está á esquerda a Pena dos Mosqueiros a uns 933 m. Chamarase así porque é un sitio onde hai moitas moscas, mosquitos, etc.?
![]() |
| 1-O Valín do Leite 2-A Pena dos Mosqueiros |
Preto desta pena, nos traballos de elaboración do PXOM do concello de Baleira, marcaron nos planos unha medorra. A información que dá o Plan Xeral é a seguinte:
"Túmulo de 15 m de diámetro e 1,70 de altura. Se ben está completamente cuberto de vexetación, puidemos apreciar un foxo de violación de 2 m de diámetro e arredor de 0,50 de fondo. Aprécianse pedras de mediano tamaño que poderían indicar a presenza de coiraza. Non apreciamos restos de cámara."
O patrimonio histórico, tal como establecen as leis, é para ser gozado pola sociedade. Para iso é necesario en primeiro lugar coñecelo e investir na súa conservación, consolidación, difusión e posta en valor social.
![]() |
| Posible chanto do dolmen |
En planos antigos aparecen outras medorras antes de chegar á Pena da Palla. Hoxe en día en principio non se aprecian sobre o terreo. Pode que non foran respectadas e desfeitas cando o Estado realizou traballos na zona polos anos 1960.
Teriamos unha necrópole na serra da nosa parroquia? Os restos atopados de chantos son dalgún dolmen?
![]() |
| Preto do Teso da Loba, onde segundo planos antigos había unha medorra |
No Neolítico non existían as fronteiras actuais. Segundo os arqueólogos, o norte de Portugal, Galiza e Asturias formaban parte dunha mesma zona megalítica con arquitecturas, enxovais, arte e ideoloxía moi similares e lixeiramente diferenciadas das do resto da Península.
Os elementos identitarios son moi evidentes e poden contrastarse historicamente.
Historiadores de Roma como Segundo Silicius no ano 219 a.c. falan dos Gallaeci, como aliados de Aníbal no cerco á cidade de Sagunto. Non son casos illados, entre os anos 146 e 139 a.c., distintos cronistas romanos falan de que os Gallaeci (tamén chamados Callaeci ou Kallaikoi) alíanse con Viriato para loitar contra Roma.
![]() |
| Dolmen de Dombate, Cabana de Bergantiños |
Os romanos tardaron máis dun século en conquistar un pequeno territorio como a Galiza, o que indica a fortísima resistencia que os galegos opuxeron ás todopoderosas lexións romanas. No ano 137 a.c. as lexións romanas invaden o territorio da Gallaecia e combate ás tribos dos Gallaicus na batalla do Río Douro; segundo os cronistas romanos, o balance da batalla foi de 50.000 galegos mortos, 6.000 presos e tan só 400 sobrevivintes.




Ningún comentario:
Publicar un comentario