18 de nov. de 2013

Agrarismo no século XX


Non son pastores de Belén, son labregos que van pagar os foros.
Alfonso R. Castelao critica a situación labrega a respecto dos foros a comezo do século XX (1920)
Non sabemos moito do movemento asociativo agrario que houbo en Millares durante o século pasado, pero debeu de ser similar ó resto da Galiza.
Durante as primeiras décadas, os seus cabalos de batalla primordiais foron a loita contra os foros e mais o caciquismo. Na época da segunda República, debido ó seu aperturismo político, creáronse asociacións de campesiños na zona, que pretendían modernizar tecnicamente o sector, crear escolas, a mellora de razas de gando e sementes, crear cooperativas, etc. 
As asociacións máis próximas ó noso pobo eran a Unión de Labradores de Montecubeiro e a Unión de Labradores de Baleira.
A guerra civil e posterior consolidación do réxime franquista produciron un total esgazamento do movemento agrarista.


Asamblea agrarista en Galiza, 1914

Á persecución física dos dirixentes, clausura de locais, etc sumouse unha interrupción violenta do proceso de modernización que ía experimentando o agro galego dende comezos do século. O réxima fascista, supuxo un atraso respecto ó resto de Europa. O control dos labregos era mediante as Cámaras Agrarias Locais.


Cartel das comisións labregas a finais dos 70, cunha das seculares reclamacións do noso país.

As primeiras tentativas de organización societaria do campesiñado á marxe do verticalismo oficial non callan ata principios da década de 1970. Xorden na Galiza as Comisións Labregas, que tiveron unha transcendental participación na campaña de oposición á cota da Seguridade Social Agraria a finais desta década, culminada coa supresión da mesma dezasete anos máis tarde, despois de multitudinarias manifestacións de masas.




A partir da entrada do estado español na C.E.E. no ano 1986, os nosos labregos realizan tractoradas en defensa do tecido produtivo agrario, por exemplo contra a cota láctea. Os nosos veciños foron varias veces á folga a cortar as comunicacións no Cádavo cos seus tratores, debido ás catastróficas consecuencias dunha irreflexiva integración na Comunidade Económica Europea. A resistencia rural ao igual que outros segmentos da sociedade galega tenta pór freo á destrucción dos nosos sectores produtivos básicos propiciada desde os altos centros de decisión do capital transnacional.
Finalmente, créanse cooperativas agrarias nos concellos da zona polo ano 1990.
En canto ós sindicatos agrarios con máis afiliados na Galiza son tres: Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Grazas por mostrarnos fragmentos da historia real de Galiza (Nas escolas non nos ensinan a historia real do noso pobo galego). Grazas por recordar a tantas persoas que loitaron contra as inxustizas. Canto temos que aprender daqueles anos de loita, estamos perdendo dereitos que levou moito tempo conseguilos con loita e sangue...

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...