Hoxe case non hai ovellas en Millares pero tiveron moita importancia en tempos pasados incluso houbo tratantes.
Nalgunhas aldeas hai explotacións que ó vender as vacas mercan algunha ovella como entretemento.
A carne dos años é apreciada, e a la tivo grande valor. Polo mes de maio rapábanse os animais e da la facíanse medias, xerseis, mantas e outras prendas ou metíase de recheo nos xergóns e nas almofadas.
Non se poden rapar moi cedo porque se viraba o tempo podían morrer axeadas no monte. Un dito di: anque teñas mil non rapes en abril, rapa en maio e terás bo rabaño. Isto loxicamente é moi variable e ás veces vai mellor tempo en abril que no maio.
Hoxe téñense na corte se vai mal tempo e pacen
na aira ou nas cortiñas, pero antigamente ían ó monte. Aquendábanse cada dúas
ovellas un día, e cando volvían á aldea xebrábanse.
A maioría das veces levábanse para a serra da Bouza porque había máis campas, xa que hai máis fontes. A veces o lobo aparecía e mataba algunha. Na outra serra da parroquia tamén estaban cando se cavaba e había pallares.
A maioría das veces levábanse para a serra da Bouza porque había máis campas, xa que hai máis fontes. A veces o lobo aparecía e mataba algunha. Na outra serra da parroquia tamén estaban cando se cavaba e había pallares.
A diferenza da vaca, a ovella non acouga na
corte e cando o alimento era escaso a xente víase na obriga de sacalas aínda
que houbese nevaradas.
Outra diferenza coas vacas é que no verán mentres as vacas moscaban, as ovellas pola contra xuntábanse nunha moa e non querían andar.
Outra diferenza coas vacas é que no verán mentres as vacas moscaban, as ovellas pola contra xuntábanse nunha moa e non querían andar.
Refraneiro:
Ovellas tolas,
detrás dunha van todas.
Ó que se fai
ovella, cómeno os lobos.
A abella e a
ovella en abril deixan a pelexa.
Á ovella mansa,
moitos años a maman.
Ano de abellas,
ano de ovellas.
Ben parva é a
ovella que co lobo se confesa.
Ben vai a ovella
coxa, coma o lobo non a colla.
Cando no ceo hai
ovellas logo pingan as tellas.
Ovella de moitos,
cómena os lobos.
4 comentarios:
É unha pena, cada vez vense menos ovellas nos prados, dá medo pensar que nunhas décadas a Galiza rural desaparecerá, todo se converterá nun ermo onde as silvas camparán ás súas anchas.
Todos amamos a aldea, pero ímonos vivir á cidade, que pena de país.
Canto pacerían hoxe en día nos montes os rabaños, ademáis de producir carne de moi boa calidade, estarían os montes limpos e non habería tanto risco de propagación dos lumes.
O problema é que á maioría de galegos nacionalistas nos pasa o mesmo, inchámonos orgullosos dicindo que somos de aldea, pero nos imos vivir á cidade
Non queremos a aldea nin para nós nin para os nosos fillos, a non ser que sexa para ir a recoller os froitos, patacas ou matanza.
E iso que hoxe en día é factible vivir na aldea e traballar na cidade pero só somos galegos para o que nos interesa
Por outro lado debo dicir que levo toda a mañá enredando no blog, vantaxes de ser pensionista, e gústame moito o traballo que faceis, son dunha aldea moito máis pequena que a vosa do concello de Meira aínda que levo mais de 50 anos en Lugo
Publicar un comentario