29 de abr. de 2014

A luz

Dende que Edison inventou a lámpada incandescente no ano 1879 ata que se puxo a primeira en Millares case pasa un século. El no 1882 creou en New York a primeira central de luz e enerxía do mundo.



Moito máis tarde, polo ano 1955? ( se alguén recorda a data exacta pode deixar un comentariocréase a que debeu ser a central de luz máis próxima á nosa aldea, instalada no río que baixa da Muíña hacia ó Real de Martín. Deixou de funcionar hai tempo pero aínda se conserva o edificio onde estaba a turbina hidráulica. Contan que daquela industria chegaron a alumear os de Braña. Pero a Millares a corrente eléctrica non chegaría ata os anos 1960.
Polo ano 1983 modernizáronse as liñas eléctricas da zona, cambiando os vellos paus de madeira polos de formigón, paralelamente aumentábase a potencia e poñíannos un transformador  entre o Foxo e as Pedragueiras.



Aínda hai poucos anos concretamente no 2009 unha avaría invernal deixou a nosa aldea sen luz eléctrica varios días. Nos anos 80 e 90 era frecuente que cada inverno varias veces quedaramos ás escuras debido á falta de mantemento das liñas (árbores tocando cas pólas nos fíos da luz, paus de madeira podres, etc). Que sensación, estar na cociña ca luz das candeas!
En aldeas de concellos próximos dispoñen de alumeado público. Pero aquí o sistema é conectar a lámpada ó contador da casa.



Mentres a luz non para de subir, as empresas eléctricas dende o comezo da crise non deixaron de repartir centos de millóns entre os seus consellos de administración.
Non podían repartir os beneficios nos lugares de producción? Por exemplo temos un parque eólico ben próximo, pero os centros de decisión están fóra, neste caso concreto en Madrid.



Sendo Galiza excedentaria e producindo entre un 30 e 40 por cento máis do que consumimos, porque no noso país non pagamos máis barato o recibo da luz, é dicir, ter unha tarifa propia, e non depender da subasta centralizada de Madrid? 

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...